"A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente. Xamais a traizoaría,  aínda que me concedesen séculos para vivir. Adóroa máis alá da miña morte. Se o tribunal entende que 

"A miña patria natural é Galiza. Ámoa fervorosamente. Xamais a traizoaría,  aínda que me concedesen séculos para vivir. Adóroa máis alá da miña morte. Se o tribunal entende que por este amor entrañábel debe serme aplicada a pena de morte, recibireina como un sacrificio máis por ela. Fixen canto puiden por Galiza e faría máis se puidese. Se non podo até me gustaría morrer pola miña patria. Baixo a súa bandeira desexo ser enterrado..." 

Con estas palabras dirixiuse Alexandre Bóveda ao tribunal que indigna e inxustamente o xulgaba, un tribunal que era a escenografía pseudolegal coa que xustificar o asasinato de todos os que se significaran polo seu amor a Galiza, a comezar por aqueles que tiveran un papel preponderante na construción da soberanía, que, sen recibir este nome, comezou naquel primeiro cuarto do século XX e grazas ao cal hoxe estamos aquí, de novo,  tentando continuar a súa tarefa.

"Nós amamos a nosa terra e ese amor é o que hoxe nos trae aquí, a acender o facho da memoria de Bóveda"

Tamén nós amamos a nosa terra e ese amor é o que hoxe nos trae aquí, a acender o facho da memoria de Bóveda, porque acreditamos nas palabras de Castelao na Alba de Gloria: "Bóveda terá que ser, nun mañá próximo ou lonxano, a bandeira da nosa Redención". 

Bóveda formaba parte dunha xeración única para a historia de Galiza. Cada vez que me achego aos seus escritos, cada vez que comprobo a impetuosidade e o radicalismo de Manuel Antonio, a serenidade e a contundencia de Victoriano Taibo, a creatividade e a intelixencia de Castelao, ratifícome na miña admiración por eles. Foron unha xeración non fundamental, imprescindíbel para a nosa existencia. Non seriamos o que somos sen a súa obra e o seu traballo. Por iso considero que temos a responsabilidade de continuar o seu proxecto, a obriga moral de nos entregar como eles se entregaron, antepoñendo sempre o amor a Galiza, para camiñarmos a senda que eles iniciaron.

"Temos a responsabilidade de continuar o seu proxecto, a obriga moral de nos entregar como eles se entregaron, antepoñendo sempre o amor a Galiza"

Pensaron, escribiron, actuaron, entregaron a vida para que nós herdásemos unha terra que comezase a ser recoñecida como nación. Sabía Bóveda cando se entregaba totalmente á campaña en prol do estatuto ou Castelao cando teimou até que foi aprobado polas cortes que eses serían feitos decisivos para recuperarmos a loita polo autogoberno anos despois?

Talvez si, do mesmo xeito que nós seguimos loitando pola soberanía porque sabemos, como sabía Bóveda, que só acadando a soberanía plena poderemos xestionar mellor os nosos recursos financeiros, pesqueiros, enerxéticos, crear traballo no noso país, xerar riqueza para Galiza. 

Porque o colonialismo persiste. Porque dous mil anos despois volven os dominadores de sempre e estenden o seu imperio nas nosas terras, como antes fixeron. Até volven aos mesmos lugares que un día explotaron os romanos a trazar cuadrículas mineiras. 

A fraude das preferentes, a emigración da mocidade, a explotación dos nosos recursos por empresas estranxeiras, a limitación ou eliminación da nosa capacidade pesqueira son o contexto que nos leva a ratificar a actualidade da obra de Bóveda, que defendía a existencia dunha banca pública galega, ou de Castelao cando denunciaba que as nosas xentes eran enviadas á emigración como paquetes teutóns ou cando simbolicamente afirmaba que as sardiñas volverían se os gobernos quixesen. 

A fraude das preferentes, a emigración da mocidade, a explotación dos nosos recursos por empresas estranxeiras son o contexto que nos leva a ratificar a actualidade da obra de Bóveda"

Todas estas lacras foron ideadas fóra do noso país e sonnos imposta desde un goberno alleo e os seus lacaios nas institucións galegas. Son unha mostra máis de que o futuro de Galiza pasa pola soberanía plena e pola autoorganización, como sinalastes xa compañeiras/os nas décadas de 60 e 70: estando o centro de decisión no noso país. Porque “nunca virá de fóra /remedio ou esperanza” (Celso Emilio Ferreiro, Viaxe ao país dos ananos.)

Por iso en 2013, máis dun cento de persoas demos en pór en marcha a iniciativa Galiza pola Soberanía, porque chegou o momento de pularmos por un estado propio, de crearmos a República de Galiza. Ese será unha parte importante do noso traballo de agora en diante, é a nosa responsabilidade cos devanceiros e coas xeracións futuras. 

As galegas e os galegos que puxemos a andar Galiza pola Soberanía aspiramos a levar adiante o dereito a iniciarmos un proceso de construción nacional, que nos leve a unha situación de soberanía plena, á consecución dun Estado Galego, antipatriarcal, social, laico e radicalmente democrático con base nunha república. Por iso o pasado mes de xullo presentamos publicamente esta iniciativa e convocamos a todas e todos os que coma nós consideren que debemos camiñar cara á República da Galiza a traballar canda nós por esta arela.

"As galegas e os galegos que puxemos a andar Galiza pola Soberanía aspiramos a levar adiante o dereito a iniciarmos un proceso de construción nacional, que nos leve a unha situación de soberanía plena"

Porque como escribiu Daniel Castelao no Sempre en Galiza: "Galiza é unha nación e como tal é soberana e ten dereito a se organizar sen máis límites que os derivados do respecto ao dereito igual das demais" nacións e, por conseguinte, "non recoñecerlle o dereito de autodeterminación -inclusive para vivir con absoluta independencia- sería sempre un acto tiránico".

Como en Quebec, Scotland, Catalunya, Euskal Herria, é o tempo do pobo, é o tempo de erguer a nación e rexer os nosos destinos. 

Escoitade, debaixo dos nosos pés estas pedras aínda gardan a calor dos pasos dos camaradas de Bóveda e Castelao, os deles mesmos. Escoitade, entre estes muros ecoan aínda as súas palabras. Foron estadea, foron semente, son labarada que nos ilumina, collede a súa forza. Camiñemos, agárdanos Galiza.

Marta Dacosta

17 de agosto de 2013, Día de Galiza Mártir. 

Intervención na Homenaxe a Alexandre Bóveda do BNG en Pontevedra