Comecei pensar no artigo deste 17. Case tiña algo en mente, mais a mañá amenceu co sangue de tres mulleres asasinadas e daquela pregunteime se era posíbel falar, escribir, de algo diferente.

Eu non quero escribir sobre o asasinato delas. Porque non quero volver escribir sobre outra vítima de violencia e cando digo vítima falo da muller, das fillas e os fillos, da nai que a pariu e as irmás que así se vén mutiladas. E si. Escribo con ira. Escribo automaticamente. Do impulso sanguíneo que leva o osíxeno ao cerebro á man. A mente non ten tempo de filtrar esta náusea.

Sinto arcadas no centro do corpo cando choco brutalmente con esta nova. Matouna. Matouna diante dos fillos, coa consciencia de lles facer un dano brutal e para sempre. Matou a irmá e a nai para eliminar a familia materna, para deixalos completamente orfos. A súa forma de matar era a que nacía do odio que sentía contra todo o que ela era. Por iso tamén matou a nai e a irmá. Probabelmente albos da súa saña e os seus insultos durante tempo e tempo, especialmente desde que constatou que podían ser o amparo da muller.

Hai tantos pequenos detalles que tecen esta arañeira en que estamos atrapados, que a araña do patriarcado chúchanos deleitada mentres ri sen parar, ao comprobar como caemos na súa trampa

Os medios de comunicación asisten á carnizaría. Participan deste banquete de vísceras colocando na nosa mesa retransmisións en directo e testemuñas que relatan a súa confusión. Neste caso o asasino é o ser desprezábel que xa cualifican publicamente de “brusco” e “dominante”. Desta volta non van poder escribir aquilo de “era unha persoa normal”. Non sei se alguén pensa que así se pode salvagardar a conciencia de non sei quen. Non sei se a de quen le, que así asiste como espectador non responsábel á barbarie. Un espectador que como moito botará as mans á cabeza porque este home tiña unha arma na casa e non estaba autorizado para iso. E como é posíbel. Como se consegue un arma. A saber cantas persoas das que me están a ler conseguen responder esa pregunta. En tempos dicían que só había que cruzar a Portugal. Eu non o sei.

Mais agarde aí. Non siga tan comodamente sentado. Sentada. Acaso pensa que vostede, si vostede, ese que está sentado diante da pantalla do ordenador. Si ti que estás lendo. Acaso pensas que non es responsábel.

Ah, non. Esquéceo. Ti tamén es responsábel. Tes a túa dose de participación nos feitos.

Que só es unha persoa que le? Que ti non es violento? Que ti odias isto que sucede. Ah, que participas nos minutos de silencio e tamén asistes ás concentracións? Que no teu traballo te pronuncias en contra da violencia machista? E?

Acaso pensas que xa está? Que xa estás libre de culpa?

Pois deixa que che diga que non. Non. Nin ti, nin ti, nin ti, nin vós, nin nós. Nin eu. Nin eu.

Hai tantos pequenos detalles que tecen esta arañeira en que estamos atrapados, que a araña do patriarcado chúchanos deleitada mentres ri sen parar, ao comprobar como caemos na súa trampa e nos deixamos desfacer polo veleno que día tras día nos inocula.

Até o detalle máis pequeno é suficiente para manter en pé o xigante do machismo que como din algunhas pintadas ou declaran as feministas matou e mata máis vítimas có terrorismo

Desde o tipo que di abertamente que aínda tiñan que morrer máis ou que como non as van matar se as mulleres o que queren agora é mandar elas (si, existen persoas que a día de hoxe din estas cousas), até o que autoriza nun xornal unha foto dunha moza en “biquini” cando o artigo fala de peixes e non da moda de verán. A publicidade, a moda, os modelos que nos impoñen seguen a manter esta sociedade patriarcal que nos ameaza, que nos despreza, que nos cuestiona, que nos nega. Convértennos en obxectos e, por tanto, en posuíbeis, manipulábeis, dominábeis e asasinábeis. E, cando non, en portadoras da etiqueta feminista, convertida nun estigma. Así o usan. O estigma polo que nos envían ao gueto das tolas que só saben falar, escribir por e para mulleres.

Si. Até o detalle máis pequeno é suficiente para manter en pé o xigante do machismo que como din algunhas pintadas ou declaran as feministas matou e mata máis vítimas có terrorismo. Mais, polo que parece, as mulleres asasinadas non son importantes nin para o poder lexislativo, nin para o poder xudicial. E así seguimos lendo determinado tipo de setenzas que, se en moitas ocasións non reparan o dano sufrido polas vítimas, noutras deixan completamente claro que son cegas á realidade. E a isto habería que engadir a falta de medios de todo tipo.

E así seguimos. Asistindo horrorizadas á outra morte máis, e agora son tres a un tempo. Saíndo á rúa a compartir a nosa frustración. Doéndonos polos meniños que quedan sen nai, tía e avoa, vítimas dun trauma do que nunca se recuperarán.

A súa vida xa foi segtada tamén. E agora? Agora agardo que a xustiza tire a venda dos ollos e non permita de ningunha maneira que este home teña ou chegue ter algún día a patria potestade.

Non podo máis coa rabia.

Eu necesito mudar este mundo xa.