“…se estimase a existencia dun déficit nese proceso de normalización en detrimento da lingua propia da Comunidade Autónoma, deberíase outorgarlle a esta un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable.”

Querida lectora, querido lector, lembras estas palabras? Seguro que nalgún momento as tiveches diante, e non só porque eu mesma as tivese citado nun artigo de hai sete anos. Fixéronse públicas en novembro de 2012, están na sentenza 1286/2012 que o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ditou despois dos recursos presentados pola Plataforma Queremos Galego, a CIG-Ensino e a A Mesa pola Normalización Lingüística contra o Decreto 79/2010 que regula o uso da nosa lingua no ensino.

Despois da publicación dos datos do IGE o pasado 27 de setembro estas palabras parecen necesarias de novo.

Contra as evidencias dos resultados, vimos e oímos as declaracións do Conselleiro dicindo que todo estaba ben. Que atinado o Carrabouxo cando retratou ese ir ben… cara á desaparición.

Nas declaracións da Xunta sobre estes datos o titular é toda unha declaración de intencións: “O IGE constata que aumenta o número de persoas que fala galego, que se consolida como lingua maioritaria”. Bravo! Todo vai ben! Que máis se pode pedir?

Eu, a primeira nova que tiven sobre os datos do IGE foron as declaracións do Conselleiro de Cultura e fiquei pampa, dixen para min, daquela os datos que saíron no estudo que fixen no instituto coa rapazada están mal. Anda, mira ti que vai ser só neste concello onde a cousa vai a menos e iso que esta é unha vila máis rural ca urbana. E aló fun eu buscar os marabillosos resultados. O meu gozo nun pozo. Entre a lectura do Conselleiro e os datos reais había unha mesta nube de escuro fume (permítanme a rima). Vaia ho! A que estaba correcta era a gráfica que nos fixeramos e que tiña unha marcada liña descendente. Ou sexa que aquilo que falamos en debates e artigos no que de ano ía non fora erro senón penosa certeza. Acadamos a fase de desgaleguización das vilas. Cando menos aquí, nesta área desde a que vos escribo en que o uso da nosa lingua é o menor de toda a extensión galega.

Daquela?

Vai adoptar medidas a Consellaría?

Non se oe nada. A chuvia nos cristais. A cadela roncando. E máis nada.

Do outro lado oio, oio perfectamente as xustas reclamacións. E xa me vén á cabeza o que dicía a Consellaría do PP en 2012 cando se lle reclamaba que cumprise a sentenza en que están escritas as palabras que encabezan este artigo: “A Consellería de Cultura e Educación lamenta que, unha vez máis, a Mesa pola normalización lingüística e a CIG non persigan outra finalidade que non sexa confundir ás familias e ao alumnado sobre o auténtico cumprimento da sentenza por parte da Xunta.” Ai! Esa mala xente que confunde as familias e o alumnado (por favor, sen preposición “a”. Si, é tarde, o artigo é de hai sete anos, pero é que o complemento directo en galego xa non levaba preposición daquela).

Recapitulo. Vai adoptar medidas a Consellaría?, agora que efectivamente comprobamos cal foi o efecto do magnífico trilingüismo e os datos din que a lingua descende e que mesmo hai máis dun 23% de rapaces e rapazas que din non saber falar galego, ou o que é o mesmo, unha proba contundente de que non se cumpre a cativa (en todas as acepcións) Lei de Normalización Lingüística?

El non será o momento, xa que se comprobou a existencia dun déficit nese proceso de normalización en detrimento da lingua propia da Comunidade Autónoma, non será o momento de darlle un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable?

A min, que non me gusta pórme de perfil, non me importa adiantar a resposta: é moito hora. E se o precisan tamén lles podo dicir a proporción razoábel: en galego, ao 100%, como lingua vehicular, non hai outra.

Ai!

Así que non me puiden resistir.

Hai uns días fun coincidir co Secretario Xeral de Política Lingüística no acto dun centro cultural dunha parroquia de Gondomar. Abraiada quedei coa súa presenza. Viña no lugar do Conselleiro que mandou unha mensaxe de vídeo. Coma o presidente da Xunta (como se nota que están xa en campaña). Até a candidata do PP á alcaldía no concello mandou mensaxe e iso que estaba presente no acto. Ela, ademais, permitiunos saber que fala tan ben, tan ben o español que até ten unha prosodia foránea. E non me puiden resistir. En canto acabou o acto fun falar con Secretario Xeral e díxenlle se non ía facer algo dentro da súa casa política para que os cargos lle falasen (nótese o subxuntivo) galego. Sorriso de circunstancias e boas palabras.

Tamén llo dixemos a ela, claro. Máis sorrisos.

E non. Como dixo Castelao. Non. Non vos riades, porque o conto é triste.