Poden os ocos das canteiras converterse en vertedoiros encubertos de miles de metros cúbicos de residuos inertes, e a iso chamárselle restauración ambiental?

Coa normativa vixente, si. A normativa estatal permite dita posibilidade en aplicación de Directivas europeas, que deixando certo marxe aos Estados, aquí foron traspostas convenientemente tirando pola aresta máis permisiva, pero, que dende un punto de vista do ambiente e da coherencia que se agarda dos procesos de restauración ambiental das actividades extractivas ofrece moitas dúbidas. A isto quéreselle chamar “economía circular”. Cando na realidade é un suculento negocio de recadar por recoller materiais “valorizables”, residuos, polos que se cobra, e “valorizar”, tirar e tapar, nos ocos das canteiras, que son propiedades cun prezo pírrico no mercado do solo. Por ofrecer unha cifra aproximada do alcance deste modelo de negocio, en casos como Casalonga, Teo, a previsión de recheo con residuos inertes de construción é duns 10.000.000 de m3, cun prezo de xestión polo seu tratamento (valorizalo=depositalo) de máis de 50 millóns de euros durante todo o tempo que dure a operación de “restauración” da canteira. A adquisición da canteira, e da concesión da súa explotación, tería costado menos dun millón. Esta realidade con canteiras ao final da súa vida útil, e pendentes de executar plans de restauración, esténdese as catro provincias galegas. E dito modelo semella que quen manda nas administracións quere consolidar.

Así, o borrador de proxecto de lei de residuos, recentemente presentado á participación pública, introduce un cambio lexislativo en materia de residuos que é novidade: “27. 5. A autorización de instalacións de Xestión de residuos en emprazamentos situados en explotacións mineiras, deberá solicitarse informe ao órgano competente en materia de minas. Este informe será preceptivo e vinculante”. O matiz non é menor e dita previsión, cheira, incorporase pra outorgar maior seguridade xurídica a este tipo de operacións, doadamente confundibles con actividades propias de vertedoiros, pouco controlados e acostumados a moi malas prácticas (Miramontes, Santiago). O propio Tribunal de Xustiza da Unión Europea ten ditaminado sentencia ( de 26 de febreiro de 2016, no asunto C454/14), por 30 vertedoiros no Estado, a maioría ocupando canteiras, incursos en importantes infraccións neste sentido. Amais do crecente clamor entre a poboación fronte este tipo de autorizacións moi cerca de zonas residenciais.

 De aprobarse esta nova lei, as canteiras terán máis doado converterse en vertedoiros de determinado tipo de residuos. Incluso coma lugar para albergar outro tipo de instalacións, máis sofisticadas, de xestión de residuos

Así, de aprobarse esta nova lei, as canteiras terán máis doado converterse en vertedoiros de determinado tipo de residuos. Incluso coma lugar para albergar outro tipo de instalacións, máis sofisticadas, de xestión de residuos. Son estas últimas, verdadeiras plantas industriais, que por características construtivas e tecnoloxía empregada, so se deberían concibir en parques industriais específicos e axeitadamente dotados e, que, incluso teñen un imposible encaixe coa actual Lei do solo a pesar de que se intenta colalas por aí.

O anteproxecto  deixa de manifesto unha vontade da Xunta de Galiza en reforzar a discrecionalidade administrativa á hora de autorizar o uso das canteiras coma receptoras de residuos en operacións de valorización con vistas á restauración ambiental. O que se precisa é máis control e ter dunha maneira clara e definida as condicións normativas deste tipo de operacións. E isto é o que debería facer esta nova lei. O propio sería que esta introducira unha maior previsión regulamentaria en canto o modo de xestión e execución deste tipo de actividade, dentro das competencias que a Xunta pode desenvolver, para así suplir as “carencias” que arrastran - (e que deberían mudarse: pois benefician a certos lobbys fronte unha maior indefensión dos cidadáns) -dous reais decretos do Estado, o RD 105/2008 (sobre residuos construción) e o RD 975/2009  (sobre residuos mineiros e restauración mineira). Ambos cunha grande lasitude interpretativa, que explica o feito de que finalmente moitas canteiras, en todo o Estado, acaben sendo un coadoiro para albergar vertedoiros. Os exemplos de Miramontes (Santiago), o que se pretende facer en Casalonga (Teo), ou numerosas denuncias realizadas por entidades do sector, airean estas malas e fraudulentas operacións.  Neste sentido, nun futuro inmediato, temos máis dun cento de canteiras dispersas pola xeografía galega que poderán "restaurarse" por "valorización" de determinados residuos, botándoos coma recheo e cubríndoos con terra. Operacións para os que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea aprecia moi malas prácticas e que son motivo de infracción comunitaria, coma consecuencia dunha fina liña interpretativa entre a D1999/31/CE  (Directiva de residuos), na que se regulan os ""depósitos en vertedoiro" dos residuos, e a "Directiva 2006/21/CE (Directiva de residuos mineiros) que permite o uso de determinados residuos, alleos á industria mineira, e nunhas determinadas condicións, para a súa "valorización" en restauración ambiental.

Impulsa polo tanto esta lei da Xunta, en combinación coas normas vixentes do Estado, un desenvolvemento normativo incoherente cos principios inspiratorios das normas polos que se regulan as operacións de restauración e recuperación ambiental de espazos degradados, recordando que sobre o papel as actividades mineiras autorízanse supeditadas a nun futuro ser restaurados a unhas condicións semellantes ás orixinais.

Tanto o texto galego coma os reais decretos estatais deberían regular a “valorización” dende un punto de vista máis restritivo e as operacións autorizadas deberían estar claramente acoutadas, e non pretender manter, ou potenciar a permisividade e discrecionalidade que deixan. Polo de pronto, o borrador da lei galega, debería ir na liña de desenvolver, dentro das competencias autonómicas que se teñen en materia de medio ambiente, os puntos débiles que a normativa estatal deixa aberta coma “grandes portas”, e así asumir a potestade en exercer un debido control de xestión e execución neste tipo de operacións, e que os residuos a efectos de ser valorizados coma “materiais útiles” en restauración, pois, se valoricen con tódalas garantías e cando se poida, e non acaben sendo simplemente vertedoiros pola porta traseira que eluden a propia normativa de residuos ou consideracións de ordenación urbanística do territorio. Pola parte do Estado, e dentro do proceso de debate e elaboración da súa “estratexia de economía circular”, pois reflexionar que esta problemática simplemente pode mudarse cambiando dúas liñas en decretos moi concretos.