A Coruña, cidade das palabras e memoria dos días

Mercedes Queixas - Escritora e profesora


Son veciña do barrio dos Mallos-Estación, desde onde de cando en vez baixabamos á Coruña. Filla de nai e pai traballadores con horario interminábel, que defenderon a vida familiar no mostrador dun pequeno negocio familiar, vindos á cidade procedentes do éxodo rural de finais dos 60, á procura de mellor futuro para os seus fillos.

Autoridades do goberno galego e coruñés, deputados do Parlamento galego, membros da directiva da Federación de Libreiros de Galicia, dirección e interpretación musical da Banda Municipal, familia e amigos, veciñas e veciños, curiosos visitantes e amantes dos libros, recibide a nosa benvida!

Deben ser estas primeiras palabras de sincero agradecemento para a Federación de Libreiros de Galicia por pensar en min, como unha veciña máis desta cidade, para compartir convosco este acto de apertura da feira que, con profundo orgullo cidadán, sabemos que é a máis agardada de todas as feiras do libro que se espallan polo noso país entre os meses de abril e agosto.

É honra ser nomeada para inaugurar un evento literario maduro e consolidado coma este, de forte impacto socioeconómico na vida da nosa cidade, pois os libros, xa se sabe, axudan a crear sociedade desde a cohesión e fan parte dunha das industrias culturais máis importantes e solventes de calquera país que acredite en si propio.

No entanto, non sería de todo honesta se non recoñecese hoxe que apenas cinco minutos despois da chamada de Antonio Fernández Maira, o reto e a responsabilidade tentou ceder o paso á inseguridade da vertixe e privarllo á ilusión e á emoción de vivir este momento que, desde hai anos, procurei partillar desoutra posición, con miraxe de aprendiz e, sobre todo, co sistema nervioso moito máis acougado e as mans menos suorentas do que agora.

Mais de aí a empezar a pensar nestas palabras que pretenden ser saúdo de benvida e porta de entrada á sempre sorprendente e agardada Feira do Libro da Coruña, coido que non trascenderon nin outros cinco minutos.

Nada máis cortés que unha mínima presentación que xustifique a miña presenza aquí.

Son veciña do barrio dos Mallos-Estación, desde onde de cando en vez baixabamos á Coruña. Filla de nai e pai traballadores con horario interminábel, que defenderon a vida familiar no mostrador dun pequeno negocio familiar, vindos á cidade procedentes do éxodo rural de finais dos 60, á procura de mellor futuro para os seus fillos. Acontecemento este nada extraordinario, senón ben común á maioría veciñal desta cidade península, nada entre o salitre do Parrote e o labradío das hortas lindeiras, que a fixeron medrar nas mans que a traballaron.

Filla de barrio, dun de tantos barrios que construíron a cidade, coñecín a vizosidade dos días das cigarreiras e dos traballadores do muro. E transitei rúas que, daquela inconscientemente, me iniciaban nun sutil percorrido polo libro da cidade que, co tempo, se convertiría en eixo de rotación persoal: a lectura, o estudo, a docencia de lingua e literatura galega e, por último, a escrita.

Desde a rúa Puerto Rico até a rúa Noia, desde Víctor López Seoane até a Avenida de Arteixo, fun percorrendo camiños aprendidos en rutinaria memoria topográfica por Francisco Tettamancy ou Sofía Casanova; de nena acudía á mercería da rúa Ramón Cabanillas, mercaba zapatillas en Eugenio Carré, saudaba diariamente o busto de Luís Seoane de camiño ao instituto de Monelos, esa cerna formadora onde o galego se manifestou en min por primeira vez como lingua de e para a aprendizaxe global e onde a formación literaria nesta lingua me aprendeu a ler entre liñas e no encabalgamento do verso, ademais de interpretar silencios e palabras roubadas doutrora. 

Sen saber, lía a historia literaria galega nas rúas que habitaba, moito antes de chegar a razoalas na teoría dos libros de texto escolares que aínda non viran a luz.

Todos aqueles nomes semellan hoxe, desde a distancia, semente para o tempo persoal que estaba por chegar.
Ao igual que o fío dun libro vai nacendo devagar para ser escrito, esta cidade con memoria axudoume a tecer o amor pola lectura.

A propia biblioteca da casa foise facendo modestamente a partir das primeiras lecturas escolares e, como non!, da suma de fascículos que puntualmente me mandaba miña nai recoller no quiosco Barrasa e que acabaron por conformar todos os volumes da completa Gran Enciclopedia Gallega.

A importancia da lectura, desde os primeiros anos da infancia escolar, é incuestionábel na actualidade, ao meu ver irrenunciábel, mais non lembro ningún episodio lector na miña primeira escola da década dos 70. Canto tempo ben aproveitado desde aquela na formación de novo público lector ao redor das bibliotecas escolares e da exemplar rede de bibliotecas municipais que nos reafirmou con aquel feliz lema: A Coruña, a cidade que le!

No entanto, si teño ben gravada en min a impresión ao tocar na casa un libro aparentemente vello intitulado Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas. Véxome sentada esa noite, na cama do meu cuarto, empezando a ler aquelas páxinas que, por primeira vez, me descubrían que o galego que até entón eu só coñecía como lingua oral, mais alleo a min no uso individual, e polo tanto ágrafa-nunca antes a vira escrita!- tamén podía traspasar a capa dun libro, ergo era unha lingua importante!!!

A sorpresa medrou cando, ao recolocar o exemplar no seu sitio, descubrín outro do mesmo autor intitulado Cartas a Lelo. Concluín que aquilo xa non era unha simple anécdota, senón que o galego pasaba a ser reincidente en importancia!!!

Esta cidade recoñécese, a través do seu rueiro, nunha identidade literaria que fai parte dun construto maior inserido na súa esencia propiamente galega. Os anos fóronmo aprendendo nesas placas azuis que nos ubican, nun lugar da cidade, para o encontro do presente coa historia das nosas letras: a rúa Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Manuel Murguía, Padre Feijoo, Galo Salinas, Castelao, Álvaro Cunqueiro, Lois Peña Novo, Ánxel Casal, Luz Pozo Garza, etc. 

Inicio e remato esta lembranza nominal con dúas voces poéticas femininas referenciais, Rosalía de Castro e Luz Pozo Garza, veciñas desta cidade tamén en tempos históricos ben diferentes, mais con raíz na palabra da terra ben semellante, para facer reparar que o nome das mulleres tamén segue a ser materia pendente na identificación dos nosos lugares urbanos, ocultas na sonoridade pública coma o curso do río Monelos. Sabemos que está, por onde transitan os seus pasos líquidos a través do veo da invisibilidade.

Podería lerse a Coruña, cidade emblema de memorias, en verso de Luz Pozo, como un libro aberto. Marineda, en palabras de Emilia Pardo Bazán na novela do XIX ou Cristamar, cidade de cristal e mar, arestora no relato da escritora e veciña Chelo Suárez.

"O vindeiro 2016 será ano de dupla celebración nacional co gallo do centenario da constitución das Irmandades da Fala, en que Antón Vilar Ponte tivo protagonismo principal nesta cidade, e mais coa dedicación do Día das Letras Galegas a Manuel María, o poeta chairego veciño do barrio de Monte Alto".

Ilha ventureira e nua, NAU ENFEITIÇADA, así a define hoxe poeticamente Xosé Mª Monterroso Devesa; Cidade-Barco foi a metáfora escollida por Wenceslao Fernández Flórez; cidade tatuada na pétrea pel do mar son os versos retrato de Luísa Villlata para esta cidade, onde os ventos respiran e abaten forte para protexer o legado histórico e literario da nación toda nese auténtico museo de memoria viva que é o Cemiterio de Santo Amaro, en conversa diaria co mar coruñés que leva nome de muller, o mar de María Antonia, tal e como nos conta o cronista maior das voces baixas de alén e aquén mar, Xurxo Souto.

Na Coruña, o libro conviviu coa pel das mans da cidade desde o século XIX cun alto valor engadido, nomeadamente o libro e a edición galega, como corresponde a unha cidade que sempre tirou de si panos cegadores para mirar lonxe e sen complexos.

Desde a primeira editora moderna, a Biblioteca Gallega, de Martínez Salazar, até a editorial Lar, con Leandro Carré como director e a editorial Nós, baixo a responsabilidade de Ánxel Casal, no número 36 da Rúa Real, todas elas constituíron acontecementos relevantes na historia da edición galega e en galego, na medida en que construíron a contrafío pontes de aculturación social desde e na propia lingua marxinal e negada, publicando un rico repertorio literario sen o cal sería moito máis difícil construírmos os piares da historia literaria galega máis recente.

Xa antes teceran na nosa cidade os primeiros pousos a Cova Céltica, a Real Academia Galega ou as Irmandades da Fala, indisolubelmente asociadas ás rúas Rego da Auga, Real e Tabernas.

O vindeiro 2016 será ano de dupla celebración nacional co gallo do centenario da constitución das Irmandades da Fala, en que Antón Vilar Ponte tivo protagonismo principal nesta cidade, e mais coa dedicación do Día das Letras Galegas a Manuel María, o poeta chairego veciño do barrio de Monte Alto. Que boa oportunidade para os honrarmos coa luz oceánica deste concello, epicentro cultural das dúas efeméredes, coa inauguración de senllas rúas!

Cada espazo desta cidade convértese nun Km. 0 para o inicio dun paseo literario da man dos moitos escritores que viven perto de nós, compartillando barrio e vida de creación literaria. Algúns deles ben recoñecidos alén do noso país, en todo o Estado e mesmo con obra traducida, o que ensancha o alto valor da literatura galega toda, como son os Premios Nacionais de Literatura nos diferentes xéneros: Xosé Mª Álvarez Torneiro (poesía), Manuel Rivas (narrativa), Xabier P. Docampo (LIX) e Manuel Lourenzo (teatro). Ilustre veciñanza!

O Padre Rubinos dedicara á cidade o seu libro O poema da Cruña, publicado en 1933. Desde aquela a intrahistoria da urbe que medrou vizosamente liberal, republicana e galeguista, acubillou múltiples escenarios literarios decorados entre a ficción e o rescate do non contado, da verdade sempre silente.

Aprendemos, así, como foron os duros comezos coruñeses no S.XVIII coa novela Costa do Solpor de Xosé Mª Lema; da man de Manuel Rivas comprobamos que Os libros arden mal para evitar o triunfo da barbarie após 1936; sentimos, acompañados de Xavier Seoane, os pasos de Rosalía pola cidade vella e o Parrote n´ A dama da noite ou asistimos ao curioso proceso investigador para desvelar algunhas incertezas biográficas rosalianas con´A memoria da choiva de Pedro Feijoo; recuperamos, asemade, a Coruña dos anos 30 protagonizada por Ánxel Casal, María Miramontes ou María Casares desde a novela Memoria das cidades sen luz de Inma López Silva.

O señor Lugrís e a negra sombra de Luís Rei Núñez lévanos de viaxe pola biografía do gran pintor do mar e escritor Urbano Lugrís, mentres que n´A viaxe de Gagarin Agustín Fernández Paz retrotráenos á crónica coruñesa dos anos 60 no Barrio da Falperra, ou, para amantes da novela negra, n´A antesala luminosa de Antonio Tizón, ábrese unha investigación para determinar a identidade de dous cadáveres calcinados que aparecen nas inmediacións da praia do Matadoiro en plena madrugada de San Xoán do ano 2000.

"Celebremos a lectura como alimento principal, como alento e como sosego, como pregunta e como resposta, como mazá aberta en provocación, como sinfonía con varios movementos, desde o noso epicentro radial, como símbolo maior de resistencia activa, como semente de futuro". 

Unha cidade para ollar tamén entre liñas á luz sempre puntual do noso facho principal, aliado resistente para anular as tebras da ignorancia, desde a arquitectura da palabra onde cada libro se converte en porta que abre unha nova porta cara á liberdade.

Se somos o que comemos, somos o que lemos, escribiu a poeta desta cidade Estíbaliz Espinosa. Con todo, tamén somos o que non lemos, engadimos nós. 

Eis a excelsa razón de ser das librarías que nos acompañan como principais mediadoras entre o nacemento da creación e a súa entrega nas mans lectoras. A elas agradecemos o apoio e a entrega como axentes visualizadores do libro, nomeadamente aquelas comprometidas co libro galego, ben necesitado aínda de esforzo visibilizador, ao cederen con fachenda cómplice os seus escaparates á expresión literaria máis nosa para a tirar das tebras de quen quere practicar a ignorancia e a negación da identidade propia. Para todas elas reivindicamos, asemade, estímulo e apoio institucional comprometido nestes tempos de mudanzas en que as librarías están a se reinterpretar á luz da tecnoloxía dixital.

A palabra é vida e vai ao lonxe.
Unha palabra enxéndrase na tebra
e, como un fillo, párese con dor
e con amor.

Sirvan estes versos de Manuel María para agradecer o amor das libreiras e libreiros por nos axudaren a aleitar e facer medrar con boa saúde os nosos libros-fillos.

Non perdamos a ocasión. Celebremos a lectura como alimento principal, como alento e como sosego, como pregunta e como resposta, como mazá aberta en provocación, como sinfonía con varios movementos, desde o noso epicentro radial, como símbolo maior de resistencia activa, como semente de futuro. 

Como se unha única sílaba furtada do silencio
xustificase a vida
e mantivese a roda do tempo no seu eixo.

Estes versos da poeta coruñesa Pilar Pallarés marcan o principio da fin deste pregón co que quixemos brindar pola memoria literaria desta nosa cidade das palabras e memoria dos días, de onte a hoxe, sabéndomos que son aínda moitas as páxinas que están por escribir e imprimir e que a nosa actuación non será allea nin imparcial, senón comprometida, pois debémosllo ao futuro.

Cedemos agora a palabra á poeta, amiga e veciña, precozmente ausente da cidade, Luísa Villalta, para sempre rememorada en vida na súa casa da rúa Vila de Laxe, coa lectura deste descritivo poema do libro En concreto, que remata coa lenda inscrita na fronte do pazo de María Pita para explicar a importancia da cidade coruñesa na historia de Galiza.

Moitas grazas e boas lecturas!

POEMA DA CIDADE ALTA
 

O meu nome é o da Cidade Alta
nacido onde a luz e o mar se están orixinando
mutuamente
nacín enfrente de min mesma
cando a Pescadería era un leito de sereas
e a serpe demorada na voz dos meus avós
vento dos ventos
 
Veño de aquí
unha historia de palabras
nas casas da cabeza e nos chanzos do corazón
palabras que son xente a murmurar de lonxe
desde Santa Lucía
épicas antigas de bailes no Gurugú
insultos pelexas e disparos
e percorren no meu sangue o Camiño Novo
para coller un barco que se marcha
como se xa nunca tivese existido
e sen embargo dou fe, que son verdade
e van a Santa Margarida de merenda
onde unha vez alguén de noso se enforcara
alguén de quen só coñezo aquela rama
partida pola ausencia
non podendo tolerar o día e o cambiante
do vento, sempre, outra vez o vento
a picar na pel fría do verán canicular
o mozo vento grande que trae cartas de Ámerica
e tamén o pequeno que rechea os baleiros do tempo
 
Érgome dragón todos os meus corpos posíbeis e brutais
para gardar a esencia
esa que me dixeron construtores campesiños
un a un e cada un polo seu lado
sen que o ruído se puxese de acordo debaixo das formigoneiras
nen o silencio dos ríos subterráneos se fixese posíbel
Arrímome a elas, lavandeiras de Monelos
na luz agora das altas aulas do milenio
para deixalas preñadas dunha pequena memoria como o martes
 
E ao saír deixo comigo a porta aberta
escadas arriba Porta de Ares escadas abaixo Porta Real
e levo a chave enferruxada do salgado das ondas
onde fluctua no horizonte o meu país reflectido
a prostituta sagrada
que desabrocha o corsé das gargalladas de ouro
e finxe que sabe finxir
mentres os taxis na noite se cruzan contraseñas
as rúas se volven anónimas entre os escaparates
e as xentes xogamos coas últimas moedas
de sexo lixeiro e cansado entre os dedos
 
Forza, para que? Se viver é tan doce
como a area do Orzán e deixar ir o sol polo monte de San Pedro
Pero remar nas pegadas dos outros, uliscarnos no avance dos povos
repartir o dosel das tormentas gritándonos os nosos nomes de abaixo?
Coñecín ventos suaves que nunca máis se daban detido
outra vez, sempre o vento dos ventos
rodeando este ponto no mundo:
Cabeza, Garda, Chave, Forza e Antemural do reino renacido.

(Pregón Feira do Libro da Coruña (01-08-2015))