Reneguen de lle dedicar o seu ocupado tempo á lectura destes pensamentos quen procure no título unha análise reflexiva dese suposto único deporte do que estamos sobresaturadamente cercados.

Reneguen de lle dedicar o seu ocupado tempo á lectura destes pensamentos quen procure no título unha análise reflexiva dese suposto único deporte do que estamos sobresaturadamente cercados.

"Deiten lonxe mans e olladas á procura de sentenzas axitadoras da testosterona, quer esta for en pantalón curto deportivo, quer se adobiar de traxe escuro e gravata nesa arqueoloxía fotográfica masculinizadora case única que os medios dan en visibilizar, cercándonos".

Deiten lonxe mans e olladas á procura de sentenzas axitadoras da testosterona, quer esta for en pantalón curto deportivo, quer se adobiar de traxe escuro e gravata nesa arqueoloxía fotográfica masculinizadora case única que os medios dan en visibilizar, cercándonos.

Desconfíen xa agora de que o noso interese sexa ceder protagonismo a eses que fixeron nacer o sentido figurado das coloquiais expresións Ser pelota ou Facer a pelota, malia os tempos se tornaren cercos ben propicios para a especialización nesta licenciatura ou grao non homologado oficialmente.

Apostaten definitivamente desta lectura se a súa esperanza agardaba aquí pola profecía apoloxética ou o cerco intimidatorio, agora que semella que o sol desterrou o ventimperio, a respecto da posta en práctica opcional, escolla persoal, desoutra semántica fraseolóxica Andar en pelotas.

Con todo, por se aínda a curiosidade asexa, poden tentar averiguar que dúas palabras conviven á par nos catro parágrafos anteriores. 

Efectivamente, cerco e pelotas. 

Agora si comezamos a centrar os nosos lancerantes pensamentos perseguidos por esa secuencia de brutais, castigadoras imaxes en que actúan os corpos (sen alma) e forzas (represivas) da seguridade (?) civil, prontos a cumpriren normas superiores de quen semella pisar chan diferente ao desa maioría da sociedade da que formo parte.

Cantaruxo, entón, compañeira persistente nos quilómetros de condución diaria, esa letra tradicional convertida en galano musical na voz de Guadi Galego:

Viva a terra que piso
viva a que estou pisando
vivan os señores todos 
que me están acompañando.
Eu direi que de aquí son.
Viva quen a min me axuda
viva quen me ha de axudar
vivan os da miña terra 
e máis os do outro lugar.

Porque o meu chan é aquel que arrecende a salitre regado pola salseira brava dun mar traballado nas mans dos mariñeiros do cerco. Porque o seu risco nun barco con balances é o noso alimento. Porque a súa suor e o seu medo son os cabos dun dos nosos sectores produtivos históricos. Rifante ou Simbad, sabemos con eles que As sardiñas volverían se os gobernos quixesen como ilustrou Castelao no Álbum Nós. Mais a teimosía señorita e recastada dos que de aquí non son ou camúflanse para non o pareceren, prende nunha outra sinonimia e apreixa o látego amedrentador para converter o traballo do cerco no asedio, no bloqueo férreo a quen reclama o dereito a traballar, nunha nova amplificación desa redonda de elos concéntricos, con destino a ningures, de obxectivos a bater para continuar co descabezamento dun país imperativamente empobrecido -nunca pobre-, sometido e embargado, que se pretende sexa porto de abrigo interior duns poucos ao mandado do temón foráneo.

"Cerco para a mocidade limitando o seu proceso formativo e anulando ilusións e perspectivas de futuro construtivo no seu país, condenado a investir nunha maleta para emigrar cara xalundes"

Un novo cerco sen escrúpulos, prolongador dun proceso de ataque selectivo nun sentido direccional único, dirixido cara aos máis indefensos, que reconfirmamos día a día. A maioría social debe asumir e acatar unha penitencia imposta sen dereito a ser consultada nin explicada.É así, ten que ser así e así será porque non hai outra alternativa. O plan perfecto. E se alguén se revira porque reflexiona e non dobrega facilmente? Entón a culpa caerá con todo o peso da lei improvisada na súa contra, desde a falta de ética política, as multas inxustas, as condenas penitenciarias preventivas e exemplarizantes, as cargas policiais con pelotas de goma para bater en corpos desprotexidos.

Todo calculado até a derrota, digo ... até a vitoria final!

Cerco para a mocidade limitando o seu proceso formativo e anulando ilusións e perspectivas de futuro construtivo no seu país, condenado a investir nunha maleta para emigrar cara xalundes (no caso das mulleres, a maleta será maior, pois será a súa alternativa en caso de embarazo non desexado se aínda teima na capacidade soberana de decidir sobre o seu corpo e a súa vida). 

Cerco para pequenos aforradores, vítimas de estafadores bancarios e políticos corruptos. Cerco para o naval, para o medio rural, para o patrimonio cultural material e inmaterial, para a sanidade e o ensino públicos, para @s pensionistas e mais a emigración retornada.

"A nosa pregaria de dignidade na rúa deberá gañar a partida ao silencio viciado, manipulador e despótico de quen detén o goberno como reo de poder en beneficio persoal e dunha minoría achegada. Mais deberá gañala tamén electoralmente, eis o reto",

Cerco para as persoas traballadoras autónomas, para a protección do territorio e do medio ambiente, para a lingua galega e as súas representacións culturais...

A nosa pregaria de dignidade na rúa deberá gañar a partida ao silencio viciado, manipulador e despótico de quen detén o goberno como reo de poder en beneficio persoal e dunha minoría achegada. Mais deberá gañala tamén electoralmente, eis o reto, en cada unha das vindeiras oportunidades electorais en que a sociedade ten todo na súa man para decidir que rumbo político quere para si.

A cidadanía observadora e cómplice da solidariedade, no pouso/dos afectos, ten a última palabra para espaventar este

Silencio que resta, ou que nos restan.
O ritmo do silencio historiou sempre
a aparencia de acougo
Estupefaciente.

Poesía para desmedir as contradicións, os desequilibrios, as marxes, as inxustizas, os lindes predeterminados...

Versos espidos en que navegarmos os de Xela Arias nesta maré que nos intemperia, pois en permanente alerta lemos e aprendemos que con certeza hai quen pretende oficializar que Hai dereito ó engano. Mais, asemade, espreguizando de celofán a linguaxe retórica para tan só vestir o chamado a nós coa ética da palabra poética, ratificamos, máis unha vez, con ela, que

Vencerse é cousa
de se tratar.