Pasou o día, pasou a romaría, pensarían ao leren o título desta reflexión que agora iniciamos.

Non lles faltaría razón de non ser que, con certeza, na Coruña non houbo tal día nin tampouco romaría.

Pasou o día, pasou a romaría, pensarían ao leren o título desta reflexión que agora iniciamos.

Non lles faltaría razón de non ser que, con certeza, na Coruña non houbo tal día nin tampouco romaría.

É boa hora de nos explicarmos.

O 23 de abril é unha data recoñecida como Día Internacional do Libro, que  incide na necesidade de fomentar a lectura, a edición e de respectar  os dereitos de autoría.

"As diferentes administracións deben ser espellos para focalizaren no sector do libro, nunha combinatoria de interese cultural, educativo, comercial, integrador e económico, o necesario atendemento á promoción da lectura"

Nestes tempos, concienciados da importancia da lectura para unha sociedade que acredite nun futuro que camiñe en sentido diverxente a aqueloutro que ampare e promova a ignorancia, sucédense as accións que pulan porque o libro sexa sempre compañeiro de viaxe física e emocional.

Sen dúbida, as diferentes administracións deben ser espellos para focalizaren no sector do libro, nunha combinatoria de interese cultural, educativo, comercial, integrador e económico, o necesario atendemento á promoción da lectura, moito máis aló dun simple discurso politicamente correcto.

Na Coruña, o libro conviviu coa pel das mans da cidade desde o século XIX cun alto valor engadido, nomeadamente o libro e a edición galega, como corresponde a unha cidade que sempre tirou de si panos cegadores para mirar lonxe e sen complexos.

Desde a primeira editora moderna, a Biblioteca Gallega, de Martínez Salazar, até a editorial Lar, con Leandro Carré como director e a editorial Nós, baixo a responsabilidade de Ánxel Casal, no número 36 da Rúa Real, todas elas constituíron acontecementos relevantes na historia da edición galega e en galego, na medida en que construíron a contrafío pontes de aculturación social desde e na propia lingua marxinal e negada, publicando un rico repertorio literario sen o cal sería moito máis difícil construírmos os piares da historia literaria galega máis recente.

A semente do libro agromou de raíz, e non só episodicamente, na Coruña e a visita periódica ás librarías permitiunos petiscar no arrecedendo da descuberta de cada libro.

Mais ben sabemos que o libro é axente socializador, precisa de mans que o leven e traian, de ollos que o asexen de portada a contracapa, de bocas que o falen… O libro pide descer de andeis e camiñar as rúas da cidade.

Periodicamente, cada mes de agosto presumimos na cidade da mellor Feira do Libro galega. No entanto, nos últimos quince anos, agardabamos tamén na primavera pola Festa do Libro que organizaba a Asociación de Libreiros e Libreiras da cidade nos xardíns de Méndez Núñez e na que viñan participando ao redor de doce librarías. Unha data puntual na axenda pública visibilizadora do libro e das librarías vivas desta cidade de barrios.

No entanto, esta agardada Festa do Libro coruñesa non puido honrar os días irmáns do pasado 23 de abril debido á desidia do goberno municipal do PP, presidido polo alcalde, o Sr. Negreira, que ao longo de todo o mandato veu minguando até a extenuación a capacidade de apoio ao colectivo de libreiras e libreiros coruñeses.

Toda unha praxe política lesiva e contraria á que precisa o sector do libro como motor sociocultural, educativo e económico, nun momento en que varias librarías da cidade se viron condenadas ao peche, un elevado custe social xa que, como lembra Joan Margarit, a liberdade é unha libraría.

"Mais ben sabemos que o libro é axente socializador, precisa de mans que o leven e traian, de ollos que o asexen de portada a contracapa, de bocas que o falen… O libro pide descer de andeis e camiñar as rúas da cidade".

Toda unha praxe política asentada no criterio de investimento contraído e mesmo involucionista a respecto da compra de libros, prensa, revistas e outras publicacións, que caeu un 30% desde 2011, inicio do mandato do actual goberno municipal.

Toda unha praxe política continuadora da planificada polo goberno do Sr. Feijoo, de siglas homólogas, desde a Xunta de Galiza, quen, froito dunha Orde de 2014, impediu a concorrencia dos concellos con poboación igual ou superior aos 30.000 habitantes á liña de axudas para compra de libros, o que ratificou a consolidación dunha menor partida global para este fin, que se traduce nun grave prexuízo para as persoas usuarias das bibliotecas municipais, que tivemos á nosa disposición un menor número de novidades, e tamén para as librarías coruñesas, pois as bibliotecas municipais e os centros cívicos son un dos principais clientes das librarías nos distintos barrios.

Lonxe desta política negadora da cultura e da lectura como un valor indisociábel para a cohesión e acceso democrático á formación da sociedade, afastada da simboloxía desta cidade barco como faro das letras, resulta imposíbel esquecer a marca propia da cidade do mandato anterior, en estando representada a Concellaría de Cultura por dona María Xosé Bravo (BNG): A cidade que le!

É hora de lle volvermos a luz das letras á nosa cidade! #dependedenós

Como se unha única sílaba furtada do silencio
xustificase a vida
e mantivese a roda do tempo no seu eixo.

Pilar Pallarés