Escribir en galego para que nos lea todo o mundo

Mercedes Queixas - Escritora e profesora


Traducir non é tarefa inocente, pois non só se trata de reescribir un texto, senón de interpretar unha realidade concreta nun contexto transcultural.

Traducir non é unha anécdota curiosa, senón unha proposta que nace dentro dun proxecto cultural (tamén político) determinado que se orgulla de internacionalizar unha parte desa súa identidade grafada.

Aínda teño a esperanza de poder
percorrer unha por unha
todas as parroquias de Galiza,
lugares e casais,
andar porta por porta,
dialogar persoa a persoa
face a face,
pois non hai tarefa máis urxente,
fermosa, nidia e necesaria.

Manuel María abre con este poema a primeira parte dos Versos do lume e o vagalume (1982) titulada “Peregrinaxes”, centrados na descrición lírica da xeografía toponímica vivencialmente próxima, negativo fotográfico da cartografía persoal do camiñante sempre pronto para a descuberta que nos agarda nesta estraña tribo incomprensíbel / feita de tebra, vento e cantaría.

O trazado poético viaxeiro parte da emblemática romaría de Santa Isabel de Outeiro de Rei para ascender até San Andrés de Teixido; asombrarse perante o equilibrio mudo das Penas de Rodas ou o círculo máxico do Castro de Viladonga; saudar os altos cumes galegos desde O Xistral até se deitaren no colo do Miño; invocar os versos pondalianos a carón do Dolmen de Dombate, admirar as fértiles terras do Ribeiro de Avia, marabillarse coa elegancia sobria do románico da Nosa Señora da Saleta de Astureses e chegar a Fisterra, parada obrigada na fin do mundo.

"Traducir non é unha anécdota curiosa, senón unha proposta que nace dentro dun proxecto cultural (tamén político) determinado que se orgulla de internacionalizar unha parte desa súa identidade grafada".

O abraio cantado do medio natural que lle era próximo ao noso poeta nacional non supuxo encadramento localista inxenuo nin limitación ningunha para quen foi home de mundo, de talento observador e reflexivo, necesitado de recibir e acoller aquilo que é propio dese universo aberto que tan ben coñeceu e enriqueceu. Asia, Oceanía, Suíza, Bretaña, Italia, Portugal, Grecia, Caracas, O Bierzo, Cataluña, Euskadi, Madrid ou o deserto do Sáhara intitulan poemas que responden a ese carácter procurador de soños nunha lexendaria e marabillosa Arcadia imaxinada lonxe á que finalmente se achegou cando fechei os ollos cara afora / e abrinos cara adentro.

Un galego normalizado é autodefinición ben coñecida de Manuel María. Home e escritor que nunca sentiu a necesidade de prescindir da lingua propia na súa vida persoal nin na práctica intensiva do oficio da escrita como poeta, narrador, dramaturgo, ensaísta, articulista de prensa, crítico literario, etc. Unha opción monolingüe que non impediu o elevado recoñecemento que a súa obra conseguiu en vida, a comuñón fraterna e íntima co pobo do que sempre foi alma irmá solidaria e mais o salto dos valados fronteirizos xeográficos que a tradución facilitou a idiomas ben diferentes como o bretón, francés, éuscaro, catalán, inglés, ruso e portugués.

Porque xa sabemos que as linguas non erguen muros cegadores da intelixencia nin das emocións. Lembrábao o escritor Bernardo Atxaga nunha entrevista recente, ao tempo que parafraseaba a cita de Umberto Eco, A lingua de Europa é a tradución, ao ser preguntado sobre a reiterada cuestión que tan ben aquí coñecemos: Escribir en eusquera como fai vostede é un acto de resistencia que á vez pecha portas? 

A literatura galega naceu na Idade Media nesa encrucillada de camiños intercultural vinculada ao Camiño de Santiago. Souberon facela medrar, cara adentro, mais sobre todo cara afora, desde o ronsel do Grupo Nós e consolidouse como unha aposta profesional sólida e madura nas primeiras décadas deste novo milenio.

Traducir non é tarefa inocente, pois non só se trata de reescribir un texto, senón de interpretar unha realidade concreta nun contexto transcultural.

Traducir non é unha anécdota curiosa, senón unha proposta que nace dentro dun proxecto cultural (tamén político) determinado que se orgulla de internacionalizar unha parte desa súa identidade grafada.

"A aposta pola tradución contribúe para medir a literatura propia desde maiores parámetros de visibilidade como indicador de boa saúde sempre".

A tradución, directa e inversa, tense convertido nun vehículo de irmandade que facilita a intercomprensión de tantos xeitos de ver, pensar, escribir e ler o mundo; unha potente ferramenta que articula a irrenunciábel retroalimentación de quen aspirar a ser e ter futuro de seu.

A aposta pola tradución contribúe para medir a literatura propia desde maiores parámetros de visibilidade como indicador de boa saúde sempre, especialmente para o que se dá en chamar, dependendo do ángulo de visión, periferias ou nacións sen estado.

Precisamente de literatura galega e tradución falamos na pasada feira do libro da Coruña os escritores Francisco Castro, Xabier López, o editor bilbaíno Álex Oviedo, responsábel do selo editorial Libros de Pizarra, onde recentemente viron a luz traducidas ao castelán dúas obras dos autores anteriores, e quen agora lles escribe. O título guía da mesa redonda era Escribir en galego para que nos lean en todo o mundo.

Con certeza xa chegamos a unha posíbel resposta realista, convencida e convincente, para esa teimuda consulta inoportuna. Por que escribimos en galego? Para que nos lean en todo o mundo.