Espellos e espellismos ante o Día da Patria 

Mercedes Queixas - Escritora e profesora


Habito un fogar que ben puidera ser definido como zona de conforto ao pé de máis de 35.000 fogares veciños galegos que malviven sen ingreso ningún, sometidos a un agresivo proceso de desigualdade e onde o cumprimento do dereito ao traballo nin sequera é garantía que asegure os mínimos dereitos humanos para evitar a exclusión e a fenda social.

Habito un fogar que ben puidera ser definido como zona de conforto ao pé de máis de 35.000 fogares veciños galegos que malviven sen ingreso ningún, sometidos a un agresivo proceso de desigualdade e onde o cumprimento do dereito ao traballo nin sequera é garantía que asegure os mínimos dereitos humanos para evitar a exclusión e a fenda social.
Traballo na profesión que foi de libre escolla vocacional aprendendo a mirar os ollos defraudados de máis dun 20% de profesionais, representantes da poboación activa e produtiva do noso país, desterrados ao desemprego e dos que máis dun 30% destes non teñen xa ningún tipo de cobertura económica de protección.

Convivo entre xeracións de avós emigrantes retornados que despiden nas portas de embarque netas e netos -100.000 desde 2010- hipercualificados profesionalmente que se ven obrigadas a baleiraren, nas maletas portadas, o futuro do país. 

"Cando semella que nos roubaron todas as estrelas, comprobo a tan agardada nova que procura a declaración de unidade de todas as forzas políticas na defensa da normalización da lingua galega, desde o principio primeiro de esta ser a grande obra colectiva do pobo galego e, polo tanto, patrimonio común irrenunciábel".

Viaxo o país a través de costuras de estradas e camiños de ferro onde habitan as néboas propias desta nosa nación dos mil ríos que só resultan alleas e inexplicábeis para quen permite trazar autovías ou curvas cara á morte.
Contemplo desde a calor abafante do asfalto urbano a paisaxe rural labrega que obriga a acubillar o verde manto herbáceo nunha nova saraiba láctea, nun proceso reiterado de nova humillación a un dos principais sectores produtivos galegos. Leite derramado que metaforiza o presente sanguíneo galego, gume afiado do futuro que me retrotrae ao país do millón de vacas singularizado nos meus ollos da infancia nas sempre pacientes Careta, Marela, Pinta, Roxa, Moura…

Ollo cara ao mar calmo da baía na miña cidade península e rememoro os mariñeiros do xeito a defenderen en Bruxelas, co principal argumento do saber e da razón, esta arte galega de pesca artesanal, sostíbel e regulada, perante [email protected] perplexas polo profundo descoñecemento por parte de quen a pretendía prohibir desde o executivo comunitario, así como polo silencio connivente do goberno galego e español ao non informaren a tempo as autoridades comunitarias das condicións desta arte de pesca tradicional e da grave afectación económica para máis dun milleiro de familias galegas.

Penso e existo desde a miña condición de muller nun país onde o vil asasinato das mulleres a mans dos seus compañeiros de vida limítase a ser anunciado mediaticamente en breves liñas de informe necrolóxico ou tramitado nunha fría e reiterada nota de prensa por parte do goberno galego onde só muda o nome da vítima, semellando ficar a redacción pronta para a seguinte rea da violencia doméstica, como se se tratar dun arrebato dos móbeis da casa, cando sabemos que son mortes calculadas que se están a producir, con crueldade extrema, incluso na cama dun hospital público.

Mais, de súpeto, cando semella que nos roubaron todas as estrelas, comprobo a tan agardada nova que procura a declaración de unidade de todas as forzas políticas na defensa da normalización da lingua galega, desde o principio primeiro de esta ser a grande obra colectiva do pobo galego e, polo tanto, patrimonio común irrenunciábel.

Ben sabemos que esta foto, impresa xa nos arquivos das nosas retinas e no documentario xornalístico, foi promovida e coordinada até a fin pola Mesa pola Normalización Lingüística, mais non podemos esquecer o pulso e vontade firme con que a cidadanía o reclamou reiteradamente, desde rexistros e actuacións diferentes, ao longo dos últimos seis anos. Tamén non é posíbel esquecermos, neste tempo de grave involución para a saúde do galego, forzada a mantenta pola praxe gobernativa, o desigual compromiso dos partidos políticos da oposición, onde as voces de defensa, reivindicación e denuncia conviviron con silencios de difícil explicación.

"Desde posicións ideolóxicas e siglas políticas non estritamente coincidentes sempre, acreditamos na importancia de camiñarmos xuntas o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria, todas as persoas que sintamos a nación galega como unha fortaleza en si propia, merecente de ter unha voz propia e un futuro libre e próspero".

Entendemos que é, sobre todo, un logro eticamente orgulloso desa amplísima maioría social, organizada ou non, consciente de que a lingua da nación só pode unir para nos reforzar no amor ao que somos como pobo, que se negou a ratificar a progresiva expulsión ou diminución da presenza do galego en diferentes ámbitos de coñecemento e uso, desde a administración até a educación, desde o teatro ou a dobraxe até a edición de libros, negándolle todo o valor engadido que a lingua posúe como soporte creativo, expresivo e económico dunha cultura propia milenaria.
A unidade ao redor do noso maior símbolo nacional de identificación foi posíbel, polo que agora cómpre visualizarmos novos capítulos nunha folla de ruta que, necesaria e irrenunciabelmente, tenda a concretar actuacións que de novo sexan fieis aos acordos unánimes que converteron en realidade a Lei de normalización lingüística e o Plan xeral de normalización da lingua galega.

A ninguén escapa que a responsabilidade inmediata é ben diferente para o arco político que asinou esta declaración o 15 de xullo de 2015, en Compostela, ao pé do monumento a Rosalía de Castro, coincidindo co seu 130 cabodano, por iso o tempo será o espello no que uns e outros se mirarán na construción do relato da historia recente na cara ou na cruz dos versos do poeta Manuel María: Se perdemos a fala / non seremos ninguén.

E porque gustamos de nos reencontrarmos en espellos que non nos distorsionen en espellismos foráneos nin nos exclúan dos marcos desta nación en que gustamos de nos recoñecermos e amamos, mesmo desde posicións ideolóxicas e siglas políticas non estritamente coincidentes sempre, acreditamos na importancia de camiñarmos xuntas o vindeiro 25 de xullo, Día da Patria, todas as persoas que sintamos a nación galega como unha fortaleza en si propia, merecente de ter unha voz propia e un futuro libre e próspero.

Somos protagonistas principais deste capítulo da historia de noso e sería irresponsábel ficarmos impasíbeis ou indiferentes ante unha realidade recentralizadora que nos empobrece como pobo, abrindo fendas desde a desigualdade e a inxustiza social de quen entende o goberno como ente submiso do poder económico do mercado depredador que procura saciarse a partir da conculcación de dereitos individuais e colectivos.

Vivimos tempos de rebeldía, de ilusión e esperanza ante os retos que se aveciñan e que determinarán o noso futuro inmediato. A forza do colectivo, o pobo galego, a nación galega ten que ser a protagonista activa dunha xornada que, para alén de simbólica, deberá ser histórica o vindeiro 25 de xullo porque non é tempo de apandar nin tampouco de agardar por ninguén que veña de fóra resolvernos os problemas creados ou promovidos polo goberno galego, español ou europeo.

"Cos pés firmes nos desafíos do presente, c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra, en lembranza do espírito e da letra do manifesto das Irmandades da Fala, cuxo centenario celebraremos en 2016, camiñemos xuntas cara unha xornada histórica o vindeiro 25 de xullo"

Farémolo como sabemos e como temos demostrado noutros momentos críticos da nosa historia recente, desde a celebración dun día de festa común, perante a oportunidade de abrirmos un tempo novo de luz para as nosas fillas e netos, e a fortaleza dun encontro amplo e plural onde fale a cidadanía, organizada política e socialmente ou non, nun eco colectivo amplificado en irmandade xenerosa e con horizonte aberto.

Sabemos que a confluencia da diferenza e a diversidade é sinónimo de riqueza. Ninguén mellor para nolo lembrar que o propio capital ecolóxico da nosa paisaxe natural, representado na alfaia dunha fraga, ese bosque mixto, símbolo dun ecosistema alimentado na alta biodiversidade, principal medidor da boa saúde da Terra, onde cada especie xera nova semente retroalimentadora. No entanto, somos conscientes do que acontece cando o ser humano intervén de xeito intereseiro neste fértil espazo natural para o converter en simple artificio económico persoal desde a explotación con especies foráneas invasoras.

Cos pés firmes nos desafíos do presente, c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra, en lembranza do espírito e da letra do manifesto das Irmandades da Fala, cuxo centenario celebraremos en 2016, camiñemos xuntas cara unha xornada histórica o vindeiro 25 de xullo, ás 12 horas, na Alameda compostelá, desde o común compromiso coa nación galega que quere camiñar por si propia.

De certo, a vida ía en serio, ditou a poeta Xela Arias. De certo, vainos a vida nesta oportunidade de convocatoria aberta que nos brinda a comisión cidadá pola unidade do 25X. 

Porque Galiza é o que nos une.

Unha versión reducida deste artigo saiu publicada no semanario Sermos Galiza n. 155, á venda na nosa loxa.