Estes días dáme por pensar no baile.

 

Estes días dáme por pensar no baile. Unha e outra vez. E mudo o verso rosaliano “eu cantar, cantar, cantei” pola paráfrase que leron como título, “eu bailar, bailar, bailei”.

Non é cousa de me sobreexpor aquí desde as meus supostos dotes de bailadora –que habelos, hainos…- nin de lles facer o acordo dos bailes “dos meus tempos” tal e como nomean as fillas. Non imos tampouco amorriñar no infantil baile da mecha nin debullar estratexias de ubicación no baile para a consecución do fin que se perseguir en cada momento segundo o rol social ou o interese procurado.

De cantar e bailar é boa sabedora a nosa vizosa tradición literaria desde a Idade Media a través dos cancioneiros medievais para se namorar, laiar, rir ou provocar.

Con certeza, o canto e o baile é o xeito de expresión comunicativa máis directa dun pobo e tamén aquí a muller é a artesa gardadora do lévedo musical propio da foliada, fiada, muiñada, esfolla, sementeira…

De sempre, acompañamos a música coral para a nosa socialización, ora festiva ora laboral, para a regueifa provocadora, para a celebración de festas pagás e relixiosas, para arrolar crianzas, para narrar historias, para acompañar os atafegos do traballo e, por suposto, para o lecer. Todo adobiado coa sonora percusión e o vento sibilante das charangas, cuartetos, pandeiradas e bandas incitadoras do baile.

E, procurando construír a harmonía central do colectivo, bailamos o agarrado ou o solto, en roda ou en parella, bailamos xuntas, conscientes de que, fieis á cita de Esopo, a unión nos fai tan fortes como débiles a desunión.

Se cada día apañas unha presa de area, formarás unha montaña, afirmou Buda. E coido que moito de razón hai neste aserto.

A primeira fin de semana de decembro en Pontevedra voltará ser o centro da diana da cultura de noso para todos os públicos

Esta sensación de danza grupal renaceu en min nos últimos días após comprobar, iso si, con grandes restricións informativas, carencia de titulares e ausencia de emisións radiofónicas tertulianas ou entrevistas televisivas intensivas circulando en roda de canle en canle, que o traballo en man común e a forza do diálogo negociador, asentados na importancia radical dos principios básicos compartidos como protagonista maior, conscientes na unión como equiparación do próximo, mais non como uniformización sometida das diferenzas que sempre han retratar espello multicor, poden predicarse en ausencia mais ser programaticamente ignorados cando por fin fan acto de presenza.

Poderíase chegar á conclusión de que a unión das forzas sociais galegas non interesan eticamente aos axentes mediadores da información ou non venden no mercado da pseudodemocracia televisiva tan á moda.

Madrugaba a pasada semana de novembro coa nova que escenificaba a unión de 70 concellos galegos, representativos da diversidade territorial, poboacional, sociolingüística e política do país, á procura da necesaria colaboración e traballo en rede a prol da planificación lingüística, nunha demostración da imprescindíbel cohesión entre futuro da lingua/responsabilidade pública que é preciso trasladar ao colectivo social.

A camiñada semanal avanzou até a presentación da cita cultural que, malia se celebrar ás portas da fin de ano, xa ten asumido unha centralidade no calendario das festas da creación, produción e distribución do sector industrial cultural galego: o Culturgal. Coa bagaxe transitada na experiencia das exitosas convocatorias precedentes e a aposta nun proxecto ambicioso, mais ben sabedor e consciente de todo o seu potencial, a primeira fin de semana de decembro en Pontevedra voltará ser o centro da diana da cultura de noso para todos os públicos, o escaparate en que ler, ver, escoitar, catar e palpar a diversidade expresiva de noso.

E por se as mostras do resultado do traballo man a man para o reforzo do colectivo intercomunicador xa resultasen abondosas, aínda a semana laboral se había despedir con outra boa nova: a convocatoria conxunta, por primeira vez, da Gala do Libro Galego 2016 por parte de tres vectores gremiais determinantes ao redor da vida do libro en galego, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editores e a Federación de Librarías de Galicia.

Estes últimos tempos, inzados de parabéns colectivos para algúns dos nosos autores e autoras que veñen de apañar o recoñecemento ás súas obras mesmo alén das nosas fronteiras

Co obxectivo de converter o libro galego en protagonista principal, as tres entidades renuncian á organización individual dos seus premios, de longo percorrido e recoñecemento no país, para pór en valor conxuntamente a excelencia do traballo desenvolvido no sector do libro por todos os seus axentes.

Mais non é esta unha actuación puntual nin anecdótica, senón unha póla dun acordo marco maior que recoñece no libro un sector estratéxico cultural, social e economicamente, que precisa da planificación de estratexias conxuntas que coloquen, da man de todas as figuras mediadoras, o libro de noso no merecido espazo de visibilidade pública, como territorio de culturación do lectorado, así como permitan avanzar na necesaria normalización lingüística e cultural nacional e na irrenunciábel internacionalización a través da demanda de creación ao goberno do Instituto Rosalía de Castro de promoción da cultura galega.

Neste tempo en que a folla caduca ispe os brazos dunha parte da fraga acrecentando a sensación de frío, comprobamos como a unión plural ao caloroso abrigo da lingua, da literatura e da cultura propias renovan o tempo de sementeira responsábel que neste tempo nos cómpre.

Ben o están a demostrar estes últimos tempos inzados de parabéns colectivos para algúns dos nosos autores e autoras que veñen de apañar o recoñecemento ás súas obras mesmo alén das nosas fronteiras: o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil e mais tamén o recente Premio Lazarillo para Ledicia Costas, o Premio de Tradución do Instituto Etxepare para Isaac Xubín e o Premio Nacional de Poesía Nova para Gonzalo Hermo.

Segundo o pedagogo Paulo Freire, conceptos como os de unión, organización e loita, son cualificados sen demora como perigosos. E realmente son, para os opresores, xa que a súa "posta en práctica" é un factor indispensábel para o desenvolvemento dunha acción liberadora.

Efectivamente, nada máis perigosamente liberador que a unión no amor propio, unha boa lectura para a formación do pensamento crítico e o baile no colo do soño da nación.