A “boa vila” de Pontevedra, en definición do ilustrado Padre Sarmiento, acolleu entre o 25 e o 27 de outubro o Encontro da Federación Galeusca 2013 que aglutina, a piques de se cumprir o 30 aniversario da súa constitución en Poblet, aqueles escritoras e escritores cuxa lingua de creación é o galego, éuscaro e catalán e que, conxuntamente, suman a nada infravalórabel cifra de máis de 2.000 autoras e autores dentro do Estado español. 

A “boa vila” de Pontevedra, en definición do ilustrado Padre Sarmiento, acolleu entre o 25 e o 27 de outubro o Encontro da Federación Galeusca 2013 que aglutina, a piques de se cumprir o 30 aniversario da súa constitución en Poblet, aqueles escritoras e escritores cuxa lingua de creación é o galego, éuscaro e catalán e que, conxuntamente, suman a nada infravalórabel cifra de máis de 2.000 autoras e autores dentro do Estado español. Unha cantidade que se multiplicará substancialmente en réditos, para aquelas persoas que tanto gostan de o mediren todo en conta de balances de resultados e en forma de ruidosa caixa rexistradora, se falamos de número de lectores e lectoras en lingua orixinaria e noutras ás que se chega a través da tradución, de préstamos bibliotecarios, de operacións económicas da industria cultural ou de achegas ao PIB.

"Escribir literatura infanto-xuvenil para continuar a soñar e axudar a soñar e transformar o mundo desde a procura de alternativas respectuosas e solidarias na súa diversidade".

O tema proposto para a reflexión conxunta e o intercambio de ideas e experiencias entre as tres realidades culturais era “A literatura infantil e xuvenil: perspectivas de futuro e adecuación a novos formatos”. Futuro e novos formatos, insistimos, velaí a escolla dun vocabulario nada inocente no que acreditamos e a partir do cal debullarmos os nosos proxectos. 

A condición de Galiza como anfitrioa nesta convocatoria, cuxa organización rota anualmente entre as tres nacións sen estado, permitíanos saudar e lembrar os nosos catro Premios Nacionais de Literatura Infantil e Xuvenil: Paco Martín, Xabier P. Docampo, Fina Casalderrey e Agustín Fernández Paz, construtores dos alicerces inauguradores dun espazo literario de formación e ocio imprescindíbel e, asemade, modelos orientadores de aprendizaxe para moitos outros escritores e escritoras novas que xa están a acrecentaren con forza o ronsel da escrita para este público selecto e selectivo.

O noso agradecemento á súa escrita comprometida e pioneira, en épocas en que case todo estaba por nacer, e o orgullo polo seu incuestionábel recoñecemento, que sempre semella saber a pouco, porque somos ben conscientes de que grazas ao firme desafío proposto e ao arriscado custe da súa escolla lingüística, hoxe a literatura infantil e xuvenil escrita en galego por diferentes xeracións está presente como realidade nos catálogos literarios, escaparates, feiras internacionais, congresos especializados, na listaxe de honra do IBBY; é premiada con recoñecementos propios e foráneos á altura de calquera outra literatura; vémola amplificada nas múltiples traducións, musicada e dramatizada, para alén de representada internacionalmente na persoa de Agustín Fernández Paz, proposto como candidato ao premio Astrid Lindgreen.

Do contido íntegro dos diferentes relatorios que pode ser consultado en liña e mais dos sempre necesarios, por enriquecedores, tempos de intercambio de opinión e debate de ideas, constatouse a necesidade de conxugarmos dous retos: preservar o texto para que a literatura infantil e xuvenil contribúa para a formación do lector literario e, ao tempo, apostar por novos formatos de creación e divulgación que aproveiten os puntos fortes que a interdisciplinariedade e a tecnoloxía nos está a ofrecer xa no presente, para salvar distancias físicas e de xénero propiamente ditas, así como poñer en valor e reforzar aquelas experiencias en andamento e con avaliación altamente positiva como os obradoiros literarios de expresión escrita e dramática para a infancia e mocidade, os clubs de lectura, o audiovisual, a música, a innovación pedagóxica no achegamento da poesía ás aulas...

As conclusións xenéricas aprobadas neste Galeusca tamén son públicas e recollen, en síntese, a folla de ruta dos principios irrenunciábeis que cumprirá seguir defendendo nestes tempos de augas avoltas.

Escribir para sementar un bosque de carballos e bidueiras ou para avolver o río das mentiras e dos medos.

Escribir literatura infanto-xuvenil para todos os públicos, capaz de deitar muros de intolerancia e ultrapasar todas as portas, empezando polas da casa e as da escola; escribir unha literatura viva, visibilizadora dos ocultamentos, reparadora dos silencios forzados, liberadora de estereotipos desleixados, cohesionadora da sociedade; escribila para superar prexuízos discriminadores, para interconectarnos con outras redes culturais, para ampliar espazos de habitablidade e ángulos de visión desde retinas permeábeis.

Escribir literatura infanto-xuvenil para continuar a soñar e axudar a soñar e transformar o mundo desde a procura de alternativas respectuosas e solidarias na súa diversidade

"Reafirmación na imprescindíbel e irrenunciábel conciencia de resistencia desde o optimismo que nestas xornadas respiramos, para continuar a tomar alento sempre fronte ás dificultades maiúsculas".

Eramos ben conscientes antes de chegarmos ao encontro de Pontevedra das alertas e ameazas, da súa procedencia ideolóxica e mais da autoría, con nomes e apelidos, responsábel deste proceso-barbarie de aculturación que teiman en impor na sociedade, negadora e desposuidora dos altos valores que transmiten e nos que tamén coeducan as nosas literaturas, estas que creamos desde o noso centro do mundo, aberto aos demais e disposto a se deixar contaxiar con novas perspectivas.

Con todo, era fundamental escoitármonos neste foro de convivio, en comunidade de irmandade que pensa, actúa, crea, recrea e enreda desde principios éticos e obxectivos literarios comúns.

Ningún mellor remate para este encontro anual da Federación Galeusca que a reafirmación na imprescindíbel e irrenunciábel conciencia de resistencia desde o optimismo que nestas xornadas respiramos, para continuar a tomar alento sempre fronte ás dificultades maiúsculas.

Sexamos conscientes, cidadanía implicada, da importancia da literatura infanto-xuvenil, mimémola na casa e na escola, leámola e contémola, valorémola e apostemos por ela como consumidores e mediadores.

Constatamos que hai ilusión e amor, hai forza creativa e, por iso, co noso traballo e desde o compromiso, máis cedo que tarde os resultados en forma de froito colectivo serán certos.