Tradicionalmente, conxugar o verbo herdar en primeira persoa levaba implícita a dolorosa perda do ser querido a cambio da posesión dun ben legado como prezada prenda da xenealoxía familiar. Da herdanza xenética á herdanza material no fío do cordón umbilical da emotividade cosanguínea contida na memoria íntima. No entanto, a mudanza da enxeñaría fiscal tributaria, sempre de costas ao valor emocional, trocou a forma e o fondo do concepto herdado.

Fálase agora con normalidade das herdanzas en vida ou pactos sucesorios inter vivos, que priman o adianto ao acceso á herencia das testadoras vivas por parte das beneficiarias. Nun primeiro acordo posibelmente esteamos a pensar en herdos materiais, tanxíbeis, privados, individuais. Unha casa, unha leira, un negocio familiar, unha chousa, un monte, unha empresa…

Mais tamén pode tratarse de herdanzas simbólicas, emocionais, de alto valor cualitativo para nos definir como somos e, sobre todo, de quen vimos sendo: un álbum de fotos coa cartografía familiar, un xogo de lenzos bordado coas iniciais da casa, uns brincos de acibeche e prata negra, un pano de man, un reloxo de peto, unha colección de vinilos… E aínda tamén pode suceder que a transmisión benquerida sexa un ben inmaterial e colectivo como o patrimonio cultural e o idioma galego.

Sexa cal for a realidade obxecto de transmisión, tanxíbel, física, cuantificábel ou emocional, inmaterial, a concreción dun pacto sucesorio precisa vontade emisora testadora e receptora herdeira, para alén de documentos notariais, sen máis fe de vida que o propio apego e compromiso por respectar e quererlle ben ao que vén canda nós como un galano senlleiro, histórico e colectivo. E nese (ausente) pacto, ou en ausencia de vontade, estamos a respecto do idioma galego. A quebra da transmisión interxeracional anula a continuidade natural do galego como lingua inicial dos afectos coa que aprender a nomear o mundo.

A interrupción do reforzo comunicativo do contorno de socialización infantil impide a consolidación do galego como lingua habitual, mesmo naqueles cada vez máis minguados fogares que educan con vontade consciente de ser o galego a lingua de relación coas crianzas.

A perda da condición de lingua vehicular plena do galego na educación infantil e obrigatoria, xunto á consolidación dun estatus de presenza ínfima e marxinal da nosa lingua propia en favor da máxima ocupación do espazo do coñecemento por un pseudobilingüismo español-inglés, anulan a facultade de operar a escola como garante dunha boa adquisición lingüística verdadeiramente plurilingüe desde a raíz propiamente galega. E até aquí chegamos, coas consecuencias do desprezo, aló polo ano 2007, dun pacto político previo por parte do Partido Popular de Galicia (Galego é outro contar…) e concretado, unilateralmente e coa sociedade en contra, ao máis puro estilo recolonizador, en sucesivas accións legais a partir do seu retorno ao goberno da Xunta de Galiza en 2009.

Porque, logo de 10 anos de retroceso contrastado no coñecemento, uso social e transmisión interxeracional do noso idioma propio e oficial, así como de quebra de consenso e perda de ética política a respecto do desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e do Plan xeral de Normalización Lingüística, ambos os dous aprobados por unanimidade en 1983 e 2004, respectivamente, son moito horas de emprendermos un outro camiño para a recuperación da lingua galega. Certo é que non existe un camiño único nin tampouco un único responsábel.

Certo é que, como feito social, é preciso activarmos a corresponsabilidade para asumirmos a planificación dun proxecto de normalización consonte a realidade actual. Certo é que non podemos renunciar a reclamar vontade política e apego emocional á nosa lingua da man para seguirmos a ser e existir como galegxs no mundo da biodiversidade e do ecolingüísmo.

Agora que sabemos que Marcos goza de ensinar as vinte e cinco especies de orquídeas que agocha O Courel, algunha delas única no planeta, para preservar esta riqueza natural, procurarmos un posíbel punto de partida para o retorno ao compromiso colectivo co futuro da lingua galega é a nosa obriga para preservármonos tamén dentro da riqueza cultural e lingüística global.