Inventariar o prohibido para descatologar o silencio

Mercedes Queixas - Escritora e profesora


A afirmación explícita que responda a pregunta Quen son? debe manexar a muda da pel da prefixación da linguaxe encriptada para a marxinalidade social da muller que opaca a luz de seu. Inventariar o prohibido para expropiar a invalidez da mentira, amparada na historia condicionada e sempre contada polos vencedores. 

Cada nova lectura é un mergullo inédito, mesmo cando esta transita os capítulos das temáticas máis convencionais, ás veces semiespidas en relatos posmodernos.

Toda a experiencia da lectura por vivir no momento de estrear o libro, emoción sempre presente en nós, malia as páxinas que teñamos percorrido na nosa existencia como letraferidas. Toda a vertixe tamén.
Facemos lecturas correctas, reiteradas, entre liñas, apuradas, superficiais, ociosas, transversais, comprometidas… 

Mais tamén procuramos a forza das palabras en lecturas incorrectas, combativas, provocadoras, indómitas, transgresoras, revulsivas e subversivas, aquelas que nacen das páxinas que imprimen afouteza e convición, no fondo e na forma, porque respiran nunha morfosintaxe de palabras que clama e reclama a nosa máxima atención exponencial e porque súan en clave de desigualdade e inxustiza social coas que conviven.

Velaquí os parámetros que trascenden os metros convencionais e a retórica dos tópicos, eis a cerna dos versos de acción xestados e paridos por Luz Campello García no suxestivo título, Inventario do prohibido, desde cuxa capa unha nena con expresión firmemente desafiante e postura corporal inesperada para o seu tempo nos asexa e convida a entrar.

Volume de versos para non pasaren desapercibidos na escrita de hoxe. Estrofas para non deixar ninguén inmutábel. Encabalgamentos para desacougar e metáforas para certificar as feridas dun relato histórico do silencio, individual e colectivo, ao redor dun protagonismo plural que debe converterse en idea forza: Eu, Ti, Vós, Ela, Elas, Nosoutras por riba de todo, sen exclusións.

Neste poemario compacto, enfiado nunha estrutura trenzada cos vimbios de certa narratividade que lle confiren os versos capitulares de cada poema, como improntas anunciadoras do que está a chegar, dispoñémonos a entrar no relato da oposición home/muller, da negación patriarcal do eu colectivo feminino, da educación das fillas sometidas desde o rol machista da nai que afrontamos, das mortes de balde anónimas baixo o amparo da casa familiar, dos burkas humillantes e das ablacións indignas, das dependencias que nos converten en vulnerábeis, da urxente necesidade de esnaquizarmos as normas pensadas para nós sen nós…

Declaraba esta semana nunha entrevista o escultor cambadés Francisco Leiro: Os artistas estamos comprometidos co tempo que nos toca vivir.

En termos semellantes lembrei como se expresaba a poeta Mª do Carme Kruckenberg na biografía que tiven a honra de transcribir: Non vivimos tempos para nos adurmiñar. Cómpre estarnos ben espertos, atentos á vida, que é o que importa. Hai que dicir as cousas e un poeta ten que estar na época exacta na que vive.

Sentenza renovada agora, neste mesmo sentido, por Luz Campello na escrita poética do Inventario do prohibido:

Eu non busco a salvación, só que se testemuñe na historia
a presenza destacada das mulleres (…)
Busco que se testemuñe na tinta das palabras
que un eu feminino plural tamén existiu
apoucado

Compromiso e implicación para que o noso tempo inaugure a conquista da soberanía/das invencíbeis.
Porque o camiño das mulleres, insculpido na nosa derme de onte a hoxe, precisa ser debuxado desde a nosa propia caligrafía, sen regras impostas para alén das que a nosa xenética orgánica administre mensualmente, nin parénteses eufemísticos acubilladores do maltrato nin tampouco puntos suspensivos compañeiros do tabú subor(di)nador nin por acaso diglosia de corpo minorizado para simple goce doutros e mente anulada.

Inventario do prohibido asume a responsabilidade irrenunciábel da escrita desde un eu que quere e debe trascender o ámbito privado e o canto das pombas e das flores para completar o arco sentipensante e verbalizador exterior, para se recoñecer e reivindicar como suxeito propio, vertebrada.

Xogo revolto! Pés quedos! Berrabamos brincadoramente de nenas.

Despreguizadas dos misterios da relixiosidade caduca, renegadoras do pecado orixinal, imponse a razón sabia do coñecemento, das palabras liberadas que nos obrigan a preguntar e responder para sempre reaprender e reaprehendérmonos perante nós propias, en primeiro lugar, e  os demais, a continuación.

Adentrámonos en roda irmá, con este horizonte de ánimo esperanzador, nunha sucesión de poemas que ben puideran ser, en relembro daquel título cunqueiriano, do si e do non, un encadeado de poemas de expresión contundente para a afirmación do que son e quero ser e a consecuente negación rotunda, de ultimato, do que non permitirei ser convertida para tronzar as voces que reverberan.

Sentenza o eu lírico: hai que ser home ou non ser ninguén

Cómpre entón sermos nós quen desgoberne a disxuntiva antes que non ser / ou ser a non muller. 

A afirmación explícita que responda a pregunta Quen son? debe manexar a muda da pel da prefixación da linguaxe encriptada para a marxinalidade social da muller que opaca a luz de seu. Inventariar o prohibido para expropiar a invalidez da mentira, amparada na historia condicionada e sempre contada polos vencedores.

Catalogar sombras para despexar rancios prexuízos que pretenden viaxar de incógnito. Imprimir verdades que, porque o son, mancan.

Apropiémonos dos prefixos negadores de noso para nos escribirmos nunha nova proba caligráfica da que sermos donas responsábeis. Cada paso da nosa declaración de principios é unha insubmisión. Eu son a muller poliédrica. Prefiro desidentificarme. Prefiro ser indecente. Eu non fago penitencia e desobedezo. Eu confésome insubordinada. Eu son a muller fractal. Eu non son a palabra desigual.

A luz da lúa chea, compañeira de viaxe, confluínte no propio nome da autora, enxergará o camiño desde a autonegación até a reafirmación consciente.

Eu non son a muller territorio que queres
con marca propia ou de ninguén
eu non son nin unha nin dúas
nin outra
nin(g)un número nin(g)unha máis.

Precisamos de alianzas entre ti e eu, nunha auténtica polifonía de voces, para descolonizar silencios e descapitalizar desprezos, para facer renacer da cinza a luz do imperio da xustiza da autorreafirmación.

Precisamos desandar os pasos para andar máis forte.

Precisámonos para brindar por un horizonte nos ollos.