Este vindeiro xoves 4 de decembro o profesorado do ensino público non universitario  galego está chamado á celebración dunha nova convocatoria de eleccións sindicais enmarcada, máis unha vez, no período de implantación dunha nova reforma, que tal vez sexa máis acaído denominala reestruturación, do sistema educativo.

O profesorado do ensino público non universitario  galego está chamado hoxe venres  á celebración dunha nova convocatoria de eleccións sindicais enmarcada, máis unha vez, no período de implantación dunha nova reforma, que tal vez sexa máis acaído denominala reestruturación, do sistema educativo.

"Está chamado a votar un censo de 30.336 docentes. Son 2.044 profesores e profesoras do ensino público menos a respecto da convocatoria de 2010"

De reestruturación tamén falan os datos, ou se quixermos, por aplicar a nomenclatura do currículo, as matematicas aplicadas. As cifras son tamén agora ben obxectivas e, polo tanto, moi ilustradoras da evolución cuantitativa do número de docentes nestes catro anos após o último proceso electoral. Está chamado a votar un censo de 30.336 docentes. Son 2.044 profesores e profesoras do ensino público menos a respecto da convocatoria de 2010, cifra tamén cualitativamente minguante do debido atendemento do ensino como servizo público, resultado do adelgazamento programado e dirixido desde a Administración responsábel da política educativa galega.

Este recorte explica que nesta ocasión vaian ser electos un total de 140 delegadas e delegados, como representantes do profesorado perante a Consellaría de Cultura e Educación, seis menos que no anterior proceso electoral de hai catro anos, distribuídos por provincias do seguinte xeito: A Coruña (45), Lugo (27), Ourense (27) e Pontevedra (41).

Estamos, como vemos, perante un modelo que afasta o ensino público da norma que rexe para a elección de representantes sindicais no resto do mundo laboral, e especialmente con relación ao ensino privado e concertado. 

"Non é preciso fixarse moito para comprobar quen, neste período, só vén ao centro cada catro anos e quen está permanente en contacto co profesorado, informando, trasladando propostas e reivindicando, por todas as vías, os nosos dereitos".

Un modelo que establece marcos de participación máis propios de eleccións políticas do que sindicais, onde o habitual é elixir representantes por centro de traballo.

Un modelo que semella pouco democrático e participativo se temos en conta que participa nestas eleccións os dous terzos dos profesionais do ensino galego, fronte á representación do terzo restante, traballador no ensino concertado e privado que, pola contra, elixe  a figura de delegado por cada centro de traballo co que se achegan a unha cifra representativa directa de aproximadamente 500 [email protected]

Ao longo das dúas últimas semanas de campaña recibimos nos nosos centros de traballo o que cada organización sindical entende que foi o seu balance de traballo e acción no último cuatrienio, ben desigual a todas luces tanto no que se refire a capacidade informativa a pé de centro como de resposta e negociación coa Administración. 

É responsabilidade nosa analizar estas follas de ruta e os programas de traballo presentados por cada organización para pór en marcha a concreción do necesario compromiso a nivel sindical, neste novo tempo caracterizado pola involución nos principios pedagóxicos e a anulación da excelencia da calidade do noso traballo, así como o seu recoñecemento e valoración social por parte de quen detenta a máxima autoridade de goberno ora a nivel estatal ora autonómico. Mais non é preciso fixarse moito para comprobar quen, neste período, só vén ao centro cada catro anos e quen está permanente en contacto co profesorado, informando, trasladando propostas e reivindicando, por todas as vías, os nosos dereitos.

"Non debemos renunciar á loita contra a implantación progresiva da LOMCE nin á restitución dos nosos dereitos laborais, retributivos e profesionais"

O cuestionamento inmoral do noso labor e responsabilidade como docentes por parte do goberno do PP perante a sociedade, o ninguneo como profesionais á hora de tomar en conta a nosa opinión, viuse acompañada do ataque sistemático ás organización sindicais (mesmo desde a web da Consellaría e especialmente contra aquelas organizacións que máis cuestionan as políticas de derrube do ensino público do goberno actual), colectivos que nos representan, cando individualmente sería imposíbel, nos espazos de intercomunicación, debate e diálogo con unha Administración que optou por lexislar en solitario, promover o disenso permanente e actuar en contra da inmensa maioría do sector do ensino público e da sociedade no seu conxunto. 

Quen pretende lexitimar accións unilateriais amparándose nunha maioría absoluta parlamentaria precisa desestruturar o noso corpo organizado para anular a nosa capacidade grupal de contestación e mobilización, impedir a nosa fortaleza para contribuír a resolver conflitos e bloquear o reforzo, o amparo e a calor do colectivo docente representado sindicalmente na figura dos seus delegados e delegadas.

Nesta altura, en que, malia todo, non debemos renunciar á loita contra a implantación progresiva da LOMCE nin á restitución dos nosos dereitos laborais, retributivos e profesionais nin moito menos tolerar co noso silencio impotente o progresivo deterioro do ensino público a favor do privado e concertado e mais daquel que segrega o alumnado por razón de xénero, é preciso afrontarmos esta cita electoral desde o convencemento de estármonos a dotar dunha ferramenta útil e imprescindíbel para facermos fronte a un plan político ben programado, asentado nuns piares profundamente antidemocráticos, autoritarios e alleos aos principios basilares da igualdade e laicidade nun contexto propiamente galego.

O noso voto conta, si, e todos contan igual, mais non todos expresan o mesmo.