O pequeno é proporcionalmente moito máis forte

Mercedes Queixas - Escritora e profesora


Aínda resoan próximas as emocións da Gala das Letras organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, pórtico do encontro co afecto das palabras que voan libres, ignorando marcos, fronteiras ou valos, como xanelas abertas á luz da ría pontevedresa que no serán do 3 de maio nos acompañou. 

Aínda resoan próximas as emocións da Gala das Letras organizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, pórtico do encontro co afecto das palabras que voan libres, ignorando marcos, fronteiras ou valos, como xanelas abertas á luz da ría pontevedresa que no serán do 3 de maio nos acompañou. 

Maio saúdanos, desde hai dezaseis  anos, con unha das actividades nucleares e cohesionadoras da programación anual da AELG: a celebración da Gala das Letras coa que damos os parabéns a todas as persoas que nos escribiron o camiño ao longo do ano anterior. Entre os diferentes premios concedidos aos nosos prestidixitadores da palabra, quer sexa esta impresa ou oral, nomea, asemade, o Escritor/a Galego/a Universal.

"Escribimos, como Bernardo Atxaga, para amplificar esta vella lingua que nos vén de lonxe, escribimos na nosa lingua íntima, esta que tamén nos fala deses lugares que xa deixaron de existir, mais que, con todo, aínda nos explican"

Desde o ano 2007, en que nace este recoñecemento específico a un compañeiro/compañeira de oficio de calquera parte do mundo, representante dunha literatura foránea, mais onde a distancia quilométrica non é argumento para deixármola de sentir próxima, permanece no noso imaxinario vivencial o encontro de irmandade con Pepetela, Nancy Morejón, Mahmoud Darwish, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luís Sampedro e Lídia Jorge.

Lembraba Elena Poniatowska que ela era unha mexicana que recollía esta prenda nosa despois dun palestino, unha negra cubana e un angolano con responsabilidade activa na independencia de Angola.
Efectivamente, non estaba a se referir aos sotaques linguísticos de cada Escritor/a Galego/a Universal precedente, nin á súa orixe, cor ou relixión. 

A súa diversidade conflúe no protagonismo principal de estarmos perante unha escritora e dous escritores caracterizados polo alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que os converten nun referente na defensa da dignidade nacional e humana. 

Nomes propios no paradigma literario internacional e actitudes vitais que xunguen en irrenunciábel comuñón a excelencia literaria co compromiso ético, a través dunha escrita que quere ser voz pública dos silencios obrigados a viviren sempre ao ventimperio do desprezo.

"Alcúmannos de pequeno país, pequena lingua, pequena literatura sen saberen da nosa forza histórica2.

Voces de recoñecemento internacional convertidas en sementeira común fraterna para os pobos que as ven nacer e para os que as acollen desde a máxica transformación das súas palabras-nai traducidas noutros sons-fillos, para afortalaren sempre a herdanza comprensíbel, fronte ás vontades destrutivas que, nestes tempos bretemosos, teiman en non querer comprender que a creación e a difusión cultural é motor económico de futuro e raíz de valores éticos e cívicos aos que ningunha sociedade que se precie de moderna pode nin debe renunciar nunca.

Castelao dicía dos nosos trobadores medievais na súa Alba de Groria: camiñan todos con lume no peito. 

Para, coas palabras, aguilloar conciencias, despexar os indignos dos seus estrados de poder e rescatar do medo a verdade proscrita, engadiriamos nós.

Riscar palabras-petróglifo, gravalas na tona da árbore, desenterralas da condena do cemiterio da desmemoria da nosa lingua estraña para alleos, e infelizmente tamén ás veces para propios, e responder contra iso, é obxectivo  partillado co noso máis recente Escritor Galego Universal, Bernardo Atxchaga.

Escribimos, como Bernardo Atxaga, para amplificar esta vella lingua que nos vén de lonxe, escribimos na nosa lingua íntima, esta que tamén nos fala deses lugares que xa deixaron de existir, mais que, con todo, aínda nos explican. 

Escribimos nas nosas linguas, éuscaro e galego, para non quebrarmos a herdanza das palabras na distancia espazo-temporal que o onte fixo nosas. Hoxe bailámolas no noso pensamento e tarareámolas na nosa boca para esculpilas con grafía e personalidade propia nun mañá de relevo xeracional que aínda estamos a construír.

A experiencia demóstranos que esta opción lingüística provoca a inmediata pregunta da sospeita, mais a resposta é convincente. Parafraseando o propio Bernardo Atxaga, tamén respondemos canda el que o castelán é a nosa primeira segunda lingua.

"Lembrounos, asemade, a importancia da lingua propia na medida en que nos outorga a imprescindíbel centralidade para sernos e estarmos. Cando perdemos a lingua, perdemos a centralidade vital e entramos nunha posición subordinada."

Lembrounos Bernardo Atxaga aquela fábula de Galileo Galilei sustentada no principio que di: O pequeno é proporcionalmente moito máis forte. Alcúmannos de pequeno país, pequena lingua, pequena literatura sen saberen da nosa forza histórica.

Lembrounos, asemade, a importancia da lingua propia na medida en que nos outorga a imprescindíbel centralidade para sernos e estarmos. Cando perdemos a lingua, perdemos a centralidade vital e entramos nunha posición subordinada.

Lembrounos Bernardo Atxaga a importancia da compañía nesta andaina nosa de longo percorrido non exenta de pedras, curvas e cavorcos, que só a vontade común asentada en principios de firme convición e quen de superar.

Cómpre acompañármonos para tomar alento e Bernardo Atxaga fixo memoria da compañía da literatura galega ao longo da súa vida, desde o estremecemento adolescente nunha audición da “Negra sombra” rosaliana nas voces do Coro de Pamplona, a lectura de Con pólvora e magnolias e a entrevista noctámbula a Xosé Luís Méndez Ferrín para o seu primeiro estudo sobre literatura galega contemporánea –orientado desde a viguesa Libraría Castelao-, o encontro co recitado poético de Uxío Novoneyra e Manuel María no Centro Galego de Barakaldo ou coa obra de Celso Emilio Ferreiro a través do seu mestre, Aresti.

A compañía literaria é sempre alianza de forzas, berce de oportunidades.

Escribimos en éuscaro e galego porque só así podemos chegar a todo o mundo sendo nós. Só así seremos verdadeiramente máis!

As raíces prenderon e resístense a deixar de medrar.

E Nós, con Elas, tamén!