O relato da historia da literatura adoita reproducir unha sucesión de fotogramas de tempos e espazos, un persoal pulso ás palabras retratado para a memoria colectiva sempre condicionado por un marco externo ao que non renuncia quen asume o reto de pensar as palabras até tornear a súa cerna e modelar a morfoloxía do seu barro.


                                                                                      Xa non sei
                                                                                      Se invento esta dor
                                                                                      Humana porque a escribo.

                                                                                                               Eva Veiga


O relato da historia da literatura adoita reproducir unha sucesión de fotogramas de tempos e espazos, un persoal pulso ás palabras retratado para a memoria colectiva sempre condicionado por un marco externo ao que non renuncia quen asume o reto de pensar as palabras até tornear a súa cerna e modelar a morfoloxía do seu barro.

"Eses rastros mostran as enrugas propias do tempo, voces da experiencia, mais tamén fendas como feridas onde o individual da escrita cede o paso ao portarretratos colectivo para dar testemuña insculpida das certezas que as sombras do día a día non nos permiten entender nin acougar nin moito menos explicar no futuro".

Nas páxinas da literatura de noso recoñecémonos nas imaxes dos espellos de tempos idos e reconstruímos os pasos da metáfora deste xa longo camiño oteriano non pouco inzado de obstáculos costentos, sinais deslocalizadores e luces hipnotizadoras.

Porque desde que sucumbimos á necesidade de deixarmos pegadas e rastros por escrito, na pedra, no pergamiño e no papel, sabemos que estivemos á procura dun soño grafado en primeira persoa, en presente continuo, á par de calquera adverbio de lugar para non ser un colateral complemento circunstancial.

No entanto, eses rastros mostran as enrugas propias do tempo, voces da experiencia, mais tamén fendas como feridas onde o individual da escrita cede o paso ao portarretratos colectivo para dar testemuña insculpida das certezas que as sombras do día a día non nos permiten entender nin acougar nin moito menos explicar no futuro.

As cantigas medievais faláronnos de esperas programadas e encontros amigos furtivos, de amores en réxime de vasalaxe e de provocadoras burlas e sacrílegos escarnios sociais; a Ilustración asinou con credenciais fidedignas o noso certificado de nacemento e residencia; o Rexurdimento vivenciou o noso ser na expresión dun pensamento intelectual convertido en obra literaria culta coa historia e o pobo traballador como protagonista absoluto para, no convulso século XX aínda renacer e se afortalar na ardora cultural europea e se exiliar, posteriormente, ao desterro americano, único horizonte para a expresión en lingua galega.

"O presente colócanos nun tempo que require versos bisturí para amplificar as voces de lei e compromiso e nomear en clave literaria os innomeados, os censurados, as vítimas contra a tortura económica, psicolóxica e mediática do silencio"

E cando o acompañamento da democracia e a liberdade, a partir dos anos 80 e 90, deu por superada a etiqueta de literatura social, o presente colócanos nun tempo que require versos bisturí para amplificar as voces de lei e compromiso e nomear en clave literaria os innomeados, os censurados, as vítimas contra a tortura económica, psicolóxica e mediática do silencio nun mundo onde A verdade descarrila / a toda velocidade.

Esta contundente afirmación en verso pecha o poema “Sen corazón”, recollido no recente poemario Rostros con enrugas de Xoan Carlos Domínguez Alberte, elocuente mostra da implicación da escrita poética no locus vivencial, individual e colectivo, ao que resulta imposíbel permanecer alleo nin virar as costas.

A voz poética comprométese coa tribo para desenmascarar verdugos e vítimas de entre o xogo da confusión política, económica e xornalística.

Porque de novo cómpre recuperar as voces daqueles que, desde o rexeitamento explícito das pautas marcadas polo insaciabelmente devorador capital, tomaron partido por un futuro mellor, mesmo para quen non se sabía destinatario.

Escribo para quen non me pode ler. Os de abaixo, os que agardan desde hai séculos na cola da historia, non saben ler ou non teñen con que, reiterou un século despois Eduardo Galeno.

Rastros con enrugas disecciona unha realidade brutal, agresiva a mantenta contra os máis débiles, no viciado anonimato, onde os mínimos para unha existencia digna están en xogo nunha continua ruleta rusa na que é imposíbel rexeitar o acedamente envelenado convite da man esmoleira.

"Rastros con enrugas disecciona unha realidade brutal, agresiva a mantenta contra os máis débiles, no viciado anonimato, onde os mínimos para unha existencia digna están en xogo nunha continua ruleta rusa na que é imposíbel rexeitar o acedamente envelenado convite da man esmoleira".

Rastros con enrugas inventaria a linguaxe da miseria imprimíndolle tinta revulsiva para unha realidade repulsiva e manipuladora dos conceptos: desasistencia a domicilio, prima de rico, afecto invernadoiro, borrador sobre a liberdade educativa… Siglas mordaza descarriladas –RENFE, AVE- daqueles que sacaron billete para o alén.

Porque é preciso domear as palabras espúreas e os significados fraudulentos para protexer as nosas vontades e verdades. Inocular a semántica obscena que, como metástases crueis, encerran os discursos oficiais cando pretenden externalizar servizos, regular a demanda social, conter a alarma social ou programar a nosa vida laboral con criterios de hipeflexibilidade e competitividade sempre garantistas de de liberdade de decisión das familias e educativa, porque xa debemos aprender que O que máis vale é a libre (in)competencia.

Anuario de palabras encerrona para deixarnos fóra de xogo e sen cobertura.

Perante tal desequilibrio, cómpre, por unha banda, autoafirmarse nas lembranzas propias desde a reivindicación da memoria persoal, do pouso da memoria que traza os lindes entre o pasado e o presente debuxado coa marca do desterro cara un futuro propio de pobo desherdado, habitante fantasmal vítima dunha minoría desalmada.

Mais, pola outra, tamén precisamos dialogar con aqueles referentes da escrita global que, malia a fraxilidade do tempo, con sistemas culturais e lingüísticos comúns, próximos ou distantes, mais idénticas e xustas éticas sociais, derruban muros de sombras e valados de inxustizas.

Ernesto Cardenal, Nazim Hikmet, Patrick Kavanagh, Pero da Ponte, Joseba Sarrionandia, Valentín Lamas Carvajal, Antón Cortizas, José Saramago, Rosalía de Castro, Francisco Castro, Manuel María, Castelao, Mahmud Darwix, Wislawa Szymborska, Seamus Heaney, Orfila Bardesio, Hilde Domin, Airas Nunes e Celso Emilio Ferreiro ceden a palabra aos versos delatadores de Xoan Carlos Domínguez Alberte para nos lembrar que para a superación das arestas deste presente inxusto que tanto mancan todas somos indispensábeis para atraer nova luz á dignidade que por dereito nos corresponde.

Mais este non é un xogo
para se botar a fuxir campo a través.
Porque cómpre unha resposta de alerta
colectiva da poboación.