Rosalía viva! Viva Rosalía!

Mercedes Queixas - Escritora e profesora


Os seus versos falan de nós, desde o antonte e o onte aprendidos até o hoxe en permanente construción; as súas palabras son fíos que cosen a memoria das costuras, son agullas que tecen o abrigo de quen teima en destecer, son dedais escudo que protexen da mentira e da infamia.

Amigas e amigos,

Sede benvidos a este lugar que é símbolo fundacional de noso. 

"Os seus versos falan de nós, desde o antonte e o onte aprendidos até o hoxe en permanente construción"

Hoxe, arredor do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, continuamos a celebrala, como a poeta fundadora da literatura galega contemporánea e a sentírmonos reflectidos, logo de máis de cento cincuenta anos, na voz colectiva da nación, expresada coralmente nos Cantares gallegos, onde o compromiso co seu pobo, posto en valor na lingua de seu, translocen o compromiso cunha realidade maior, para lle dar luz desde a dignificación cultural e social, abrindo en nós, neste presente bretemoso, a espiral da conciencia de xustiza para co pobo de noso e o seu futuro.

Rosalía de Castro é unha fenda.

Unha ferida aberta nas conciencias.

A voz que sempre nos asombra.

Os seus versos falan de nós, desde o antonte e o onte aprendidos até o hoxe en permanente construción; as súas palabras son fíos que cosen a memoria das costuras, son agullas que tecen o abrigo de quen teima en destecer, son dedais escudo que protexen da mentira e da infamia.

Penélopes tecedoras queremos ser con ela, da súa man guieira, para frear o paso atrás do boi canso e alancar sempre adiante, con pé chantado firme na terra que coñece e en que se recoñece, cara á dignidade que confere a capacidade de decidirmos que queremos ser na luz dos que, coma ela, foron.

"Penélopes tecedoras queremos ser con ela, da súa man guieira, para frear o paso atrás do boi canso e alancar sempre adiante"

Querémola viva. Sabémola ceiba no preámbulo do Día de Rosalía, data oficial e referencial xa no noso imaxinario colectivo nestes últimos anos, inexplicabelmente eliminada do Calendario do Libro e da Lectura pola Consellería de Cultura e Educación a comezos deste 2014.

Querémola viva. Sabémola ceiba no adro dunha nova xornada de mañá, 24 de febreiro, Día de Rosalía, que vestirá con galas de festa grande, entre flores e libros en galego para partillar, pronta para espallar, de man en man, de boca en boca, como semente de primavera, os seus versos e a súa iconografía viva en multitude de actos por toda a nación, desde A Coruña a Vigo, desde Lugo a Pontevedra, de Compostela a Moaña, da Estrada á Rúa de Valdeorras e Camariñas, de Valencia a Ferrol e Bruxelas... 

A palabra e o pensamento rosaliano, como auga limpa en fresca fonte, ecoarán evocados nas voces e músicas de hoxe, graffiteados para nos muros, porque non a queremos cativa nos libros, como tampouco a queremos rea destes muros invisibilizadores, opacos, cómplices da súa desmemoria.

Querémola pola rúa,
nos barrios e nos arrabaldes,
nas aldeas e nas prazas,
nas fachadas brancas dos edificios.

Querémola libre como ela demandaba: Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos e eles son a lei que rexe o meu destino.

Convocamos hoxe a nación toda en San Domingos de Bonaval para lembrarmos non só unha personalidade altísima das nosas letras, senón a muller que nos abriu as portas, consciente do grande atrevemento, para entrar ao campo inmenso da literatura e da cultura galegas e, con ela, ás aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria.

"Consciente do grande atrevemento, para entrar ao campo inmenso da literatura e da cultura galegas e, con ela, ás aspiracións a un outro papel histórico para a súa lingua e a súa patria".

Celebramos con vós o seu valor humano galego universal, que é símbolo de identidade como galegos e galegas dunha cultura milenaria e unha lingua orgullosa de seu, que ten un lugar imborrábel na historia popular e culta dos pobos que construíron a Europa.

Neste día tan simbólico, é de xustiza demandarmos para ela, a que leva na fronte unha estrela e no bico un cantar, un Panteón laico, aberto, de acceso público, para lle podermos levar flores, sen autorizacións previas, non só ao símbolo colectivo da nación, senón, e tamén, ao ser humano que é agasallado co cariño e respecto dos seus seres queridos, que somos todo o pobo galego que nela nos identificamos.

Saudámosvos fraternalmente, agradecidos, e dámosvos a benvida en nome do Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua galega.

Texto lido no acto central do Día de Rosalía organizado pola AELG o 23 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres