Conta agosto da fartura da terra e delata as vizosidades íntimas de quen merece apañar o que sementou e plantou nos meses que menceron o agromar dos froitos. Morfoloxicamente, o substantivo é fértil na derivación no verbo agostar (facerlle perder a humidade por efecto da calor a unha planta, froito ou colleita) e no adxectivo agostiña/o (propio de ou nado no mes de agosto como as mazás agostiñas). Semanticamente, aínda ha proliferar o campo de identificación para definir agostar como arar [a terra] despois da seitura para que sequen as herbas daniñas coa calor, como tamén na fraseoloxía da abundancia á hora de facer o agosto.

Agosto é preámbulo delatador do que ha chegar axiña: os ourizos castañeiros verdean fartos, as uvas chaman polo zume da vendima e o millo ensaia as cantarelas da esfolla. E ben sabido é que En agosto, sol posto, noite connosco ou que en Agosto, frío no rostro, dando conta o refraneiro popular do entretempo galego en que vai minguando o día deica ese outono‑inverno que nos recollerá. Mais agosto, o mes da Nosa Señora e de San Roque, tamén é frutífero en festas e romarías, en verbenas e festivais.

Con certeza, a música preside cada rito de celebración e efeméride de socialización estival, ora propia e de raíz ora importada. Non resulta doado dar atendido a axenda festiva do verán con semellante multiplicación de propostas espalladas polo noso país, algunhas de longo percorrido, con perfil propio e diverso, dirixidas a estilos e públicos diferentes, convertidas en citas referenciais interxeracionalmente, como o festival de Pardiñas que este ano celebrou o 40 aniversario con toda a forza e convicción da madureza.

Unha proposta de país (moito máis do que o impersoal territorio co que o goberno galego vén de nos identificar) que se converte nun triunfo da cultura do país, nado da vocación comprometida do asociacionismo de base e sen dependencias oficiais, xeradora de comunidade. Unha valoración nada da autoestima pola cultura que facemos, respectuosa co medio en que convive e sen pretensións de se medir polos parámetros das grandes cifras, de custe e de asistencia, senón polos da calidade do ser vivo que culturalmente herdamos e continuamos a facer medrar san.

Un modelo de posta en valor sostíbel do medio natural rural, nun tempo en que segue a se someter a formas socioculturais alleas e polo tanto impostas, onde mesmo sobran as carballeiras e os soutos centenarios que impiden a instalación de escenarios de orquestras con decibelios que apenas soportaría calquera medidor e co implícito e autorizado asentamento de macrobotellóns estimulados desde letras altofalantes “Alcohol, alcohol, alcohol Hemos venido a emborracharnos.

El resultado nos dá igual” ou “Hoy se bebe, hoy se bebe. Vamos a olvidar las penas…”. Onde o barullo ao redor dun suposto espectáculo despista calquera opción de interpretación e escoita musical respectuosa cos orixinais que copian. Onde entre bachata, cumbia e merengue interprétase o Bella Ciao. Onde, inexplicabelmente, por algunha estraña razón que non consigo comprender, un microclima in extremis determina en escasos centímetros un vestiario profesional oposto entre compañeiros de traballo homes e mulleres, que as obriga a elas a iren ao límite do descuberto, mentres que a eles os abriga elegantemente.

Con todo, seguen a nacer propostas que convocan públicos novos (e mozos) para chamar á festa do lugar atendendo ao propio lugar, en homenaxe a nós mesmas, o que somos e de onde vimos. Velaquí a fórmula Castelo Conta, un modelo festeiro de cultura rural, un convivio entre todos os públicos protagonistas, un abrazo entre as diferentes manifestacións culturais, desde a música até a tradición contística. Onde o espazo é protagonista, desde os alpendres e as eiras familiares até a polideportiva de Castelo. Onde a veciñanza é activa, desde a xente miúda até os maiores que tanto contan! E onde o territorio é personaxe principal vivo e dinámico nas andainas colectivas, compañeiro de conversa, de baile e de contada.

Porque nesta sementeira de encontros culturais e festeiros de noso, somos moitas as que queremos contar.

[Este artigo foi publicado no número 362 do semanario en papel Sermos Galiza]