A principal característica do sistema capitalista de crecemento continuo é que todo lle vale con tal de facer negocio e perpetuarse no tempo. Outra característica e de ter institucións e grandes empresas traballando para estar permanentemente actualizando e revisando a súa imaxe e conceptos; vampirizando e prostituíndo os conceptos e o vocabulario que poidan xurdir nas entornas ideolóxicas que o combaten. O mellor exemplo da capacidade de fagocitación do capitalismo é a utilización da imaxe  icone da revolución – o Che Guevara- como elemento publicitario de marcas de grandes empresas ou directamente como mercadoría para a obtención de beneficio.

A cruzada dos últimos anos, neste sentido, do capitalismo foi a de introducir a preocupación do medio ambiente no seu discurso e vocabulario. A utilización sen reparos de termos ecolóxicos fixo que mais dunha grande empresa terminase nos xulgados. Actualmente a suposta preocupación polo medio ambiente está presente en todas as multinacionais e grandes empresas e así podemos atopar publicidade de coches, electrodomésticos varios, alimentación, ... que intentan vender produtos co reclamo da protección medio ambiental sen que isto signifique que o produto teña ou incorpore aspectos respectuosos co territorio e o seu medio natural.

A cruzada dos últimos anos, neste sentido, do capitalismo foi a de introducir a preocupación do medio ambiente no seu discurso e vocabulario

 

A Unión Europea como a ferramenta útil que é para o sistema capitalista adica importantes cantidades de diñeiro para fagocitar as alternativas que nacen para combatelo; sen embargo nos últimos anos empezou a coller forza un concepto e unha alternativa que ao sistema capitalista se lle está atragoando pola incapacidade non só de asumir os seus conceptos senón tamén porque os seus principios non poden ser empregados a modo de edulcorantes. Estoume a referir ao Decrecemento. O Decrecemento non pode ser incorporado ao imaxinario do capitalismo crecentista porque o mesmo vai encontra da esencia do propio modelo, senón tamén porque o seu significante é  unha palabra mísil contra a súa liña de flotación. O capitalismo só pensa en  medrar. Non lle importan os recursos, os territorios, o medio-ambiente, as persoas, ... e só precisa modificar a súa imaxe e estratexia para adecuarse aos tempos coa finalidade de seguir a súa liña ascendente e depredadora.

O Decrecemento ao ser  unha emenda á totalidade ao capitalismo e que polo tanto vai encontra da esencia do mesmo, non pode ser asumido por este. Ademais  ao ser expresado cun termo difícil de deturpar  converteuse nun terreo embarrado que se  preferiu evitar. Evitar non significa que non se decidira combater; mais o combate nesta ocasión estalles obrigando a inventar concepto e significante. O feito de que a Unión Europea teña aprobado gastar millares de millóns de euros en desenrolar, poñer en marcha e dotar de contido o termo “economía circular”, introducindo preocupacións que forman parte central do discurso do Decrecemento,é a proba palpable de dito.

O Decrecemento non pode ser incorporado ao imaxinario do capitalismo crecentista porque o mesmo vai encontra da esencia do propio modelo

 

A economía circular, segundo os seus defensores e divulgadores ten como obxectivo pasar dunha economía lineal de usar e tirar a unha economía circular que pretende reducir consumos mediante un mellor aproveitamento e reciclaxe dos produtos imitando o ciclo da natureza. O discurso da economía circular feita da man da fundación  privada ibérica “Economía Circular” (resulta curioso que iniciase a súa andadura deixando de lado todos os idiomas peninsulares a excepción do español e preferise dar prioridade ao inglés antes que o portugués) asume como propios conceptos parciais do Decrecemento como son a preocupación pola mudanza climática e o declive dos recursos enerxéticos fósiles. Tamén introduce no seu discurso 3R (Reciclar, Reutilizar e Reparar) dos 9R (Reducir, Repartir, Restrinxir, Relocalizar, Reparar, Rediseñar, Reutilizar, Reparar e Reciclar) do Decrecemento; mais segue situando no cerne do seu discurso os seguintes aspectos:

-Necesidade de crecemento económico para solucionar problemas sociais.

-Dá a volta ao problema do cambio climático convertendo o mesmo nun foco de novas oportunidades ao entender o mesmo como un nicho de mercado que debe ser aproveitado polas empresas.

-Conserva un dos conceptos máis deplorables do capitalismo que establece que as persoas estamos ao servizo da economía e non a economía ao servizo das persoas.

-Introduce o concepto de funcionalidade dos produtos que se basea en convencernos da vantaxes de alugar obxectos fronte á propiedade individual e colectiva; como o novo método de garantir o beneficio constante e futuro das grandes empresas e multinacionais  diante do inicio da escaseza de recursos.

A economía circular é o proceso de adaptación da imaxe do capitalismo aos retos dun modelo e modo de vida que chegou ao seu fin, debido a ter superado os límites do planeta no tocante á súa capacidade de rexeneración e  de extracción dos recursos non renovables mineiros e enerxéticos debido ao seu esgotamento. A diferenza con outros procesos de adaptación levados adiante polo capitalismo, a economía circular, esta irremediablemente chamada a fracasar xa que un lavado de cara non vai ser capaz de solucionar os problemas de fondo cos que se enfronto modelo de crecemento continuo nun libre mercado mundial dominado polas multinacionais.

Un lavado de cara non vai ser capaz de solucionar os problemas de fondo cos que se enfronto modelo de crecemento continuo

 

A escaseza de recursos só é solucionable mediante o Decrecemento de consumos a nivel global ao igual que só son solucionables as inestabilidade rexionais, as migracións por causas derivadas de guerras, fames e mudanza climáticas, ... mediante o Decrecemento do Norte para que o sur poda crecer até un nivel que garanta a supervivencia das persoas e dos ecosistemas.

O Decrecemento global da actual economía non pode ser percibido como un proceso negativo xa que o mesmo tumba as pautas económicas existente actualmente para instaurar paulatinamente outros principios que van supoñer unha mellora da calidade de vida de innumerábeis persoas non só nos países en vías de desenvolvemento e no terceiro mundo senón tamén no opulento occidente.

Desde o Decrecemento apostase por botar a baixo a lóxica capitalista que entende que as necesidades das persoas deben solucionarse mediante a participación directa (autónomos e pequenos propietarios) ou indirecta (asalariados ) no mundo do mercado. O Decrecemento defende que as necesidades para o mantemento da Vida (alimentación, roupa, vivenda, saúde, educación e cultura) non poden estar suxeitas aos mercados e muito menos aos mercados especulativos das grandes empresas e multinacionais. Ademais as necesidades para o mantemento da Vida deben ser os aspectos sobre os que deben xirar as vidas das persoas en detrimento do modelo actual que entende que o principal obxectivo da vida das persoas é estar na cadea produtiva capitalista. 

O Decrecemento aposto por poñer en marcha un proceso de substitución do capitalismo global baseándose nos 9R: 

Reducir: Precisamos Reducir consumos para que haxa mais persoas que poidan cubrir sen dificultade as necesidades básicas. Precisamos Reducir os consumos enerxéticos porque os mesmos proceden maioritariamente de fontes non renovables e empezaron o seu declive. Precisamos Reducir as emisións de CO2 e demais gases efectos estufa mediante a Redución dos consumos enerxéticos. Está mais que demostrado que a eficiencia enerxética non reduce os consumos globais e só despraza os mesmos no tocante ao seu uso. Precisamos Reducir recursos mineiros non renovables en favor dos recursos renovables de proximidade porque estes últimos son favorecedores do cuidado dos ecosistemas.

Repartir: Precisamos Repartir a riqueza entre o norte opulento e o sur espoliado para así facer xustiza social eliminando as grandes desigualdades axudando, así, a evitar todos os conflitos produto da escaseza de bens básicos e poñendo fin as guerras imperiais que teñen como obxectivo roubar os recursos territoriais sometendo aos pobos e as poboacións.

Restrinxir.:Precisamos Restrinxir a acumulación de riqueza material xa que nun planeta finito a acumulación xera clases sociais, desigualdades, inxustizas, fame e, por conseguinte, persoas desposuídas, guerras  e morte.

Relocalizar: Precisamos Relocalizar as actividades para eliminar os circuítos longos en favor dos curtos porque deste xeito Redúcense os consumos enerxéticos e ao mesmo tempo as emisións de CO2. Precisamos Relocalizar as actividades en entornas próximas porque é o xeito de acabar cos problemas derivados dos monocultivos xa sexan de eucaliptos ou de aceite de palma. Precisamos Relocalizar as actividades para asentar poboación no  rural e recuperar medioambientalmente territorios hoxe abandonados. Precisamos Relocalizar as actividades porque é o xeito de Repartir a riqueza mundial, que acapararon inxustamente as multinacionais e as grandes empresas. Precisamos Relocalizar as actividades porque é o xeito de Reducir os consumos derivados do transporte. 

Reparar: Precisamos substituír a cultura de usar e tirar pola cultura da Reparación porque na cultura de usar e tirar desperdíciase moita enerxía e materiais. Precisamos a cultura da Reparación para xerar postos de traballo e favorecer a economía de proximidade e de pequena escala fronte á economía global. 

Reutilizar: Precisamos Reutilizar os bens para aproveitar todos os usos posibles sen necesidade de grandes gastos enerxéticos, de traballo e de recursos.

Reverter: Precisamos Reverter a fabricación de “novos produtos” cun alto consumo enerxético e materiais non renovables por outros existentes de baixa esixencia enerxética e de produción renovable para evitar a dispersión e esgotamento dos recursos non renovables e reducir os consumos enerxéticos.

Reciclar: Precisamos mudar a concepción de Reciclaxe entendendo esta como o proceso final e último que se debe dar aos produtos xa que a Reciclaxe supón gastos que deben ser evitados; inda así a Reciclaxe debe formar parte do modelo Decrecentista.

Redeseñar: Precisamos Redeseñar as nosas vidas e os nosos produtos para cumprir con os principios R do Decrecemento se queremos empezar a mudar o noso modo de vida e o modelo económico capitalista.

Callobre, 24 de Marzo de 2018.