Ferve Escocia e ferve Catalunya mais parece que Galiza, unha vez máis, quixera deixar de existir. O referendo escocés e o o catalá están poñendo no epicentro da U.E. a aplicación do dereito de autodeterminación dos pobos recoñecido pola ONU. Dereito  non regulado internacionalmente e negado no Estado Español onde moitos  partidos e organizacións de ámbito estatal se proclaman federalistas e recoñecedores deste  dereito, mais ao mesmo tempo non teñen nin modelo organizativo federal nin son capaces de aceitar o referendo catalá.

Ferve Escocia e ferve Catalunya mais parece que Galiza, unha vez máis, quixera deixar de existir. O referendo escocés e o o catalá están poñendo no epicentro da U.E. a aplicación do dereito de autodeterminación dos pobos recoñecido pola ONU. Dereito  non regulado internacionalmente e negado no Estado Español onde moitos partidos e organizacións de ámbito estatal se proclaman federalistas e recoñecedores deste  dereito, mais ao mesmo tempo non teñen nin modelo organizativo federal nin son capaces de aceitar o referendo catalá.

"Todo indica que o incremento  do desexo independentista do pobo catalán ten moito que ver coa crise financeira, económica, política e social que está vivindo todo occidente". 

Antes do inicio da crise nin a clase política nin a sociedade catalá estaban nas claves nas que se atopan actualmente no referido aos desexos de acadar a independencia de España. Todo indica que o incremento  do desexo independentista do pobo catalán ten moito que ver coa crise financeira, económica, política e social que está vivindo todo occidente. A sociedade catalá ten interiorizado que os impostos que paga  ao Estado Español non se corresponden para nada coas contra-prestacións que lle veñen de volta. Son moitos os estudos que indican claramente que a balanza fiscal  de Catalunya co Estado é fondamente negativa para os contribuíntes de Catalunya. O momento de crise xeneralizada e o deterioro de todo o público (sanidade, educación, estradas, servizos sociais, etc) por mor de falta dos cartos precisos para sostelo acentúa a percepción dos cataláns de que todo ilo sucede pese a pagar uns impostos que son quen de  cubrir as necesidades de financiar estes servizos. Esta percepción fai que xurda como novo e decisivo foco de creación de conciencia nacional o aspecto económico. Este novo foco de conciencia nacional, ao non ser   en claves estritamente de identidade, fai que persoas que se senten ou sentían españolas parcialmente sexan quen de defender o SI_SI porque   queren  un estado que cubra as necesidades educativas, sanitaria, sociais, etc que a propia sociedade catalá está en condicións  de sufragar co seu esforzo. En definitiva, a sociedade catalá non se conforma cunhas prestacións por debaixo do seu  aporte contributivo por mor dunha unidade que nada lle dá e moito impón.

"A sociedade catalá non se conforma cunhas prestacións por debaixo do seu  aporte contributivo por mor dunha unidade que nada lle dá e moito impón".

O nacionalismo galego sempre se moveu dun xeito importante en claves de identificación colectiva, pois Galiza desde que sufriu a perda da súa soberanía foi quen de manterse viva como nación grazas a estas claves.  Na Galiza as causas económicas non teñen servido como un elemento importante para xerar conciencia nacional porque o proceso de colonización económico sempre foi confuso e porque a propaganda conseguiu que aceitásemos como certo o tópico de que os galegos e galegas estamos inzados de aspectos negativos que impiden  que sexamos capaces por nós mesmos de desenrolarnos economicamente. Certo é que o desenrolo vivido no mundo occidental por mor da entrada en xogo das enerxías fósiles  e do desenrolo produtivista foi en boa medida combatido consciente e inconscientemente pola sociedade galega. O reparto minifundista do terreo, o forte apego ao territorio, a desconfianza cara os poderes alleos e outros elementos da idiosincrasia galega foron elementos que, por sorte, impediron o pronto estabelecemento do modelo de crecemento continúo que se deu noutras partes do planeta.  A falta de desenrolo económico fixo e fai que a nivel de impostos directos e indirectos os galegos non sexamos grandes portadores ás arcas do estado o cal non quere dicir, tal e como o reflicten varios estudos, que non esteamos aportando máis do que recibimos. Por parte de España sempre houbo un importante  menosprezo cara a nosa contribución  ao Estado e proba dilo é a mentira introducida no debate de considerar o cobro das pensións dos galegos e galegas como un aporte do estado a Galiza e non o dereito persoal conseguido pola  cotización do traballo, independentemente da zona en que logo se obteña a contra-prestación individual a que se ten dereito. Outro elemento que soe agocharse de xeito intencionado é que as principais empresas que radican as súas seccións extractivas  en Galiza, xa sexan de capital “galego” ou estranxeiro, actúan como empresas de enclave o que quere dicir que están instaladas no noso territorio para explotar os nosos recursos naturais e contar con man de obra barata pero logo pagan os  impostos en base a radicación da sede central (normalmente Madrid) e levan a plusvalía conseguida alén das nosas fronteiras.

"As condicións existentes en Galiza para a sociedade post-petróleo son inmellorables mais de nada serven se o poder político decide que destas vantaxes quen ten que sacar partido non debe ser a sociedade galega no seu conxunto senón as élites nas que radica o poder"

O feito de terse superado o que se considera o teito enerxético  do  petróleo e estar a piques de superarse o do carbón, gas natural e o uranio permítenos albiscar as grandes transformacións sociais que se van producir e, ademais,  entender os grandes movementos sociais, políticos e económicos que se están producindo a nivel mundial. Estas transformacións van afectar á sociedade galega ao igual que á totalidade das sociedades occidentais pois non hai fontes enerxéticas que substitúan as que xa empezaron o seu declive. A diferencia con outros territorios, Galiza  está nunha situación inmellorable no tocante á produción eléctrica en base a fontes renovables, pois para os consumos actuais  - grazas a produción hidráulica, eólica e de biomasa- somos capaces de auto-abastecernos. Ademais si se apostase por explotar máis o potencial  mini-hidráulico e mini-eólico a capacidade produtiva podería incrementarse de xeito importante sen causar impactos ambientais significativos. A produción de electricidade procedente dos leitos de auga ou do vento a diferencia da obtida mediante paneis fotovoltaicos ten unha Taxa de Retorno Enerxético (T.R.E.) - cociente entre enerxía obtida e a empregada no proceso produtivo máis a consumida na posta en funcionamento do sistema-  moi alta polo que podemos pensar que o pobo galego non tería porqué verse sumido na escaseza eléctrica nin a medio nin a longo prazo. A  existencia de miles de hectáreas  adicadas a monte alto e baixo cun grado  elevado de  minifundismo tamén nos permite albiscar que o futuro da produción de bio-combustibles en Galiza vai pasar pola pequena parcela con recolección non mecanizada o que dificultará e mesmo impedirá (hai que ser optimista) a entrada das grandes multinacionais. Este feito vai permitir xerar riqueza de xeito sostible e cun reparto altamente equitativo na sociedade galega.

Certo é que as condicións existentes en Galiza para a sociedade post-petróleo, que xa está dando os seus primeiros pasos, son inmellorables mais todas estas boas condicións naturais de nada serven se o poder político decide que de estas vantaxes comparativas quen ten que sacar partido non debe ser a sociedade galega no seu conxunto senón as sociedades e as élites nas que radica o poder político e económico (España).

"Este futuro tan pesimista só pode cambiar se o nacionalismo galego é quen de introducir no seu discurso actual a crise enerxética mundial e poñer sobre a mesa os recortes de subministro que a sociedade galega vai sufrir sen a soberanía política que a faga dona dos seus recursos renovables"

As persoas que nos adicamos a difundir a crise enerxética mundial sabemos que a humanidade vai contar cada vez con menos enerxía e que as fontes  renovables só van poder fornecer parte do que hoxe se consume. Dentro da carestía de recursos a electricidade (que non é unha fonte enerxética senón un vector enerxético) vai coller cada vez máis importancia polos múltiples usos e por ser facilmente producible a partir de fontes renovables, nalgúns casos cunha TRE  nada desprezable (hidráulica e vento).   A nivel mundial o reparto da enerxía non vai ser xusto e as colonias enerxéticas renovables van ser unha realidade ao igual que o son hoxe as colonias enerxéticas petrolíferas. Non debemos descartar que a medio prazo, grandes partes de occidente non conten con enerxía eléctrica para manter os consumos actuais en contraposición con outros territorios que si gozaran de niveles de abastecemento bastante elevados. A diferencia entre estar nun territorio cun bon servizo eléctrico ou non, non vai depender da capacidade produtiva do mesmo senón da capacidade política de xestionar e/ou roubar os recursos renovables.

A Galiza de hoxe conta con grandes fontes enerxéticas renovables que producen a case totalidade da  electricidade interna consumida, sobre todo se deste cálculo eliminamos o consumo da multinacional ALCOA. As empresas hidroeléctricas españolas substraeron o equivalente a máis de 7.000.000 de barrís de petróleo no ano 2011 e superaron a cantidade de 8.500.000 no ano 2012. Está substracción non produciu ningún tipo de contra-prestación económica ou social para Galiza porque nada pagaron as empresas  pola explotación dos nosos recursos e porque nin sequera se aplicou ningunha tarifa eléctrica reducida na nosa comunidade por este feito. Para agravamento da inxustiza, o conxunto da sociedade galega axuda a pagar as perdas e os custes de transporte da nosa electricidade á sociedade española. 

Todo fai indicar que  seguiremos sendo grandes produtores de electricidade e mesmo que nos imos  incorporar a produción de bio-combustibles, pero debido a que somos a todos os efectos unha colonia é ben sabido que a enerxía producida non nos deixa nin vai deixar beneficios. Este futuro tan pesimista só pode cambiar se o nacionalismo galego é quen de introducir no seu discurso actual a crise enerxética mundial e poñer sobre a mesa os recortes de subministro que a sociedade galega vai sufrir sen a soberanía política que a faga dona dos seus recursos renovables. Se as distintas familias da parroquia nacionalista empezan a facer este traballo de divulgación, é fixo que a medio prazo crearán un importante foco xerador de conciencia nacional; porque por moi español que se sinta alguén que viva en Galiza é seguro que lle vai parecer sumamente inxusto ter escasez  eléctrica por mor de enviar a nosa produción a sociedade española. Compre pois empezar a difundir esta realidade  no conxunto da sociedade e entender que á conciencia nacional galega non se chega só por entender e compartir as claves da propia identidade, senón que tamén se pode chegar  por motivos económicos, enerxéticos, etc. Na Galiza post-petróleo os motivos enerxéticos van ser grandes xeradores dunha conciencia nacional que  vai apostar decididamente polo SI_SI.