Poucas cousas poden ser tan nobres, e tan conservadoras, como querer preservar no tempo o legado cultural e lingüístico dos nosos maiores. A pesar do que proclaman moitos discursos progresistas de que a uniformidade cultural no só é desexable, senón que é o único camiño posible, en ningún tempo foi tan fácil como hoxe conservar e incluso facer florecer unha cultura milenaria como a nosa. Nunca foi tan sinxelo elaborar cultura en galego nin nunca foi tan doado difundila. As modernas tecnoloxías abarataron substancialmente o custo de preservar dixitalmente nosa música tradicional.

Nunca foi tan barato en termos relativos facer documentarios ou filmes na nosa lingua, e nunca foi tan cómodo producir medios escritos, xa sexa na rede xa impresos en papel. Neste último caso cóntase cunha grande vantaxe fronte aos medios tradicionais.

O grande historiador económico Alexander Gerschenkron escrebeu hai tempo das vantaxes de chegar o segundo na competición económica. O último en chegar conta con toda a experiencia dos anteriores e xa redeseña súa organización de acordo coas novas tecnoloxías, o cal é moito máis conveniente que tentar redeseñar unha vella para adaptala a outras realidades. Cos medios de comunicación pode acontecer algo semellante. Non é o mesmo pasar do papel ao dixital que do dixital ao papel tendo experiencia neste e concibindo o novo medio para as realidades da nova época. Lembremos que Galiza ten moi boas experiencias de reinventar sectores supostamente maduros ou esgotados, como o téxtil ou a alimentación, as novas realidades sociais, e non dubido que no sector da comunicación vai pasar algo semellante.

Boa parte do imaxinario cultural galego foi alleo aos medios de comunicación escritos. Mais estes foron quen o fixaron e contribuíron á súa continuidade ao longo do tempo. Lendas, contos, eventos históricos, incluso fazañas desportivas permanecen na nosa memoria en boa medida porque foron recollidas no seu momento nos xornais da época. Tamén a propia idea da nación galega foi construída en todo o país a través dos medios escritos, pois xa dende os tempos das Irmandades os nosos maiores preocupáronse moito de fundar medios para preservar a nosa identidade. Sería impensábel que nós, con medios infinitamente superiores non fósemos quen de seguir o seu camiño, e estou seguro de que seremos capaces