Que a día de hoxe se están producindo graves retrocesos no sistema democrático español é algo que resulta evidente e incuestionábel. ¿Mais pódese afirmar isto así ou habería que advertir que o propio Estado español (Réxime do 78) xa naceu con manifestas malformacións que o levaron a ser antidemocrático de facto? Véxase, por exemplo, unha xustiza española altamente politizada que non foi nin é quen, no momento actual, de se homologar co dereito europeo vixente: Alemaña, Bélxica, Suíza...

Eu lembro o escritor e xornalista británico Owen Jones, nun plató da BBC, afirmando, en relación co conflito independentista catalán, que España era “un país moi autoritario e antidemocrático”. ¿E lembran vostedes a carta aberta de 188 académicos, políticos, intelectuais e membros do Parlamento Europeo, dirixida ao presidente da Comisión Europea, Jean-Claude Juncker, e ao presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, na que se afirmaba que España, na súa actuación fronte ao independentismo catalán, estaba levando a cabo unha violación do Estado de Dereito, liberdades e dereitos básicos incluídos?

¿É democrático que a xustiza española actúe, de xeito veleidoso, contra a Mesa do Parlament dunha “nacionalidade histórica”? ¿Acaso a desobediencia pacífica non é unha ferramenta plenamente democrática? Fica ben claro que o Reino de España, o seu Goberno en “funcións” e os partidos políticos do Réxime fan ímprobos esforzos por aparentar ser unha democracia, cando dende unha boa parte de Europa, toda a Europa académica, vese o “corral nublado” como unha administración claramente autoritaria.

“A prisión non é a solución”, expresaba o FC Barcelona amosando o seu apoio institucional ao independentismo e aos presos políticos sentenciados. E o mesmo facía o Girona FC, que rexeita a sentenza do Tribunal Supremo e aposta pola apertura dun proceso de diálogo e negociación entre todas as partes, sen límites nin condicións.

Cando escribo estas “notas ao vivo”, esta vez presurosas e con certa anguria, confírmase que na xornada da segunda-feira, 14 de outubro, houbo en Catalunya, e principalmente en Barcelona, máis de 80 persoas feridas polas “cargas policiais” nas protestas pacíficas contra a sentenza condenatoria dos políticos cataláns, e entre elas varios xornalistas. O maxistrado emérito do Tribunal Supremo, José Antonio Martín Pallín, xa falaba meses atrás dun “xuízo político”: “Moito temo eu que neste asunto, coma noutros, as togas de España volveron a se lixar de lama e están enfangadas nun tema no que non tiñan que terse metido. As xeracións futuras van ter que convivir con este problema durante moitos anos”. A antidemocracia está servida.