Informa Sermos Galiza de que 78 concellos galegos carecen de biblioteca pública. 78 de 313, asignémolo así, para que se entenda mellor a realidade nefasta que sofre boa parte da poboación galega. E poñamos un exemplo: a cidade de Vigo, a máis poboada do país, segue, a día de hoxe, sen ter unha Biblioteca Pública do Estado. Tena Lugo, Ourense, A Coruña e Pontevedra. Mais Vigo, a estas alturas da historia, no ano 2019, aínda non a ten. Xúlgueno vostedes.

Jacques Bonnet afirmaba que as bibliotecas son seres vivos que interaccionan con nós mesmos. E coa sociedade en xeral. E estes “seres vivos” precisan dunha “alimentación”, xustamente para poder evolucionar e para poder cumprir os obxectivos para os que foron creados. Vaia un dato. No ano 2008 o Goberno galego investía no ámbito bibliotecario 5,5 millóns de euros e xa no ano 2012 este investimento baixaba a 1,3 millóns. 4,2 millóns menos. E menos mal que a Constitución Española, tan pregoada para unhas cousas e tan esquecida para outras, di no seu artigo 44 que os poderes públicos promoverán e tutelarán o acceso á cultura, á que todos teñen dereito.

A situación bibliotecaria que vivimos —e así acontece tamén noutros espazos ou sectores culturais— é realmente dunha grande pobreza, produto esta das políticas que se levan a cabo. Mais esa realidade de carencias, cando non penurias, chega a naturalizarse —propaganda gobernamental incluída— e na mente cidadá configurase así unha situación de normalidade, pois o estado ordinario das cousas pasa a ser visto como normal e común.

Eu mesmo, hai uns anos, realicei un pequeno estudo sobre o estado das bibliotecas públicas na cidade da Coruña e na súa área metropolitana (incluía no estudo tamén a cidade de Carballo). Manexando os índices oficiais de “número de libros por habitante” e “gasto en libro por habitante”, o resultado producido era deplorábel e alarmante. Todos os concellos escrutados (máis de 8), agás Oleiros (un paradigma “nórdico” en canto a lectura pública), ofrecían datos que provocaban directamente a rubidez e a vergoña. Esa era a realidade obxectiva. Estado de pobreza na lectura pública. Só nunha década (2006-2016) Galiza perdeu arredor de 100 bibliotecas, a maioría delas de carácter municipal. Resoa aquí a frase da bibliotecaria Eleanor Crumblehulme, xa dabondo coñecida: “Recortar en bibliotecas durante unha recesión é como recortar en hospitais durante unha peste”. As bibliotecas, eses “seres vivos”.