O escritor Benito Pérez Galdós chega a Madrid nos últimos anos do reinado de Isabel II e no ano 1868, nun artigo publicado no xornal madrileño La Nación, retrata a “raíña castiza” e a súa borbónica familia. Se alguén se referise hoxe á actual familia real borbónica con palabras próximas ás de Galdós, sen dúbida, tería serios problemas. Dicía textualmente o mestre español do século XIX: “¡Qué familia, santo Dios! En la fisonomía de todos ellos se observan los más claros caracteres de la degradación. Ni una mirada inteligente, ni un rasgo que exprese la dignidad, la entereza, la energía, el talento. No se ven más que caras arrugadas y ridículas, deformes facciones cubiertas de una piel herpética, sonrisas y saludos afectados que indican la mala educación de los niños y el cinismo de los mayores. La indiferente y glacial figura del despreciable Paco —el rey Francisco de Asís— forma armoniosa simetría con la efigie del serenísimo mamarracho de don Sebastián, sultán de los tuertos, arqueólogos y pintamonas por añadidura”.

Xulguen vostedes, lectoras e lectores, se nas palabras do clásico español, escritas hai xusto 150 anos, existe algunha caste de concomitancia ou analoxía coa familia borbónica do noso tempo.

No ano 1933, o noso don Ramón María del Valle-Inclán preguntaba aos catro ventos se os españois non sentían oprobio fronte á “Familia Real”: “¿Esa Familia Real de prostitutas, afeminados y cretinos no les da vergüenza?”. E, referíndose á “corte de los milagros” borbónica, falaba ben ás claras de “botín de las bandas, de las grandes cruces, de los títulos de Castilla”, que “amaban el besamanos y los enredos de antecámara”. ¿Recoñecen vostedes algo do dito polo xenio valle-inclasnesco, aínda en forma de “unidade mínima de significación”, asociado á actual familia borbónica española?

O autor das “Comedias bárbaras” tamén dixo aquilo de que os españois botaran ao último dos borbóns, Alfonso XIII, “no por rey, sino por ladrón”. E hai que lembrar aquí —¿coñeceríaa Valle-Inclán?— a célebre frase de Talleyrand (1754-1838), acreditado político e diplomático francés, que, sen pelos na lingua, deixou dito para a historia que “é costume real o roubar, mais os Borbóns esaxeran”.

¿E acaso o catedrático de Economía e ex conselleiro delegado de CAMPSA, Roberto Centeno, non denunciou ao rei Juan Carlos I, acompañado na altura por Corinna zu Sayn-Wittgenstein —amante real, hoxe no gume da actualidade— e polo testaferro Colón de Carvajal, de cobrar comisións polo petróleo que o erario público español mercaba nos países árabes?

No ano 1973, en Santa Cruz de Tenerife, no acto de entrega dos Premios Nacionais de Xornalismo, o que acabaría sendo dous anos despois rei de España da man do ditador Franco, Juan Carlos de Borbón y Borbón-Dos Sicilias, pronunciou as seguintes palabras: “En esta Capitanía General de Canarias, desde donde salió el Generalísimo para dirigir el Movimiento que habría de librar a la Patria del caos y del desorden, quiero testimoniaros su saludo más afectivo, como expresamente me lo ha encargado, y al mismo tiempo pediros que mantengáis viva vuestra fe en un espléndido futuro, que será el premio al trabajo y al esfuerzo de todos los que soñamos con la grandeza de España”.

Julio Anguita soubo explicar no seu día que o monarca era unha peza clave nunha andamiaxe que vén da época de Franco e que aínda segue vixente —agora con Felipe VI—, e Xosé Manuel Beiras lembra moi atinadamente que o rei Juan Carlos foi investido como rei polos poderes franquistas en aplicación nada menos que da Lei de Sucesión de 1946.

¿Un dicionario Borbón hispánico hoxe? Velaí van algunhas posíbeis palabras: Panamá, Suíza, comisións, generalísimo, corrupción, golpismo, fortuna, El Assir, Instituto Nóos, Arabia Saudita, lenocinio, farsa, testaferros, Mohamed VI, Álvaro Orleáns, cloacas (...)