Con este título, “Las cloacas de Interior” (2017), Jaume Roures dirixiu un documental, con guión de Jaume Grau, sobre as supostas “cloacas” existentes nos “baixos fondos” do Ministerio de Interior do Reino de España cando era titular do mesmo Jorge Fernández Díaz. E tamén temos á nosa man a serie de investigación xornalística “V, las cloacas del Estado” (2016), que narra en formato “podcast”, con idea, guión e narración do xornalista Álvaro de Cózar, 40 anos de democracia española dende o fedor mesmo das cloacas deseñadas e mantidas polo propio Estado. Mais o tema fedorento e criminal das cloacas vén de lonxe.

Eu lembro que Manuel Vázquez Montalbán, alá pola metade dos anos 90 do pasado século —era a época dos GAL—, xa escribía sobre as cloacas do Estado e dicía que a esas cloacas fora parar o máis turbio do funcionariado policial, e que posteriormente saíran delas auténticos profesionais das escoitas telefónicas e outras formas variadas de seguimento que demostraban que o Estado pode chegar a se converter nunha escola principal de corrupción e de corruptores. Isto dicía Vázquez Montalbán no ano 1994. E engadía textualmente: “Esos funcionarios que fueron Harry el Sucio —e eu vexo aquí hoxe, permítanme, 25 anos despois, o comisario Villarejo— se han dedicado a intervenir en los sectores financieros y mediáticos y aparecen como mercenarios desestabilizadores de importantes instancias sociales, políticas y económicas. Y es que el Estado, como depositario de la eticidad colectiva, si tiene sucios los bajos, acaba teniendo sucio el cerebro”.

As palabras do escritor catalán, creador da personaxe do detective Pepe Carvalho, non só son clarividentes senón tamén perfectamente aplicábeis á actualidade que vivimos. ¿Existe unha denominada “policía patriótica” ou “mafia policial” dende tempos pretéritos? O certo é que aínda está vixente, dende o ano 1968, a lei franquista de “Secretos Oficiales”, unha norma que para o historiador Gálvez Biesca, doutor en Historia Contemporánea, é un dos vértices fundamentais do modelo español de impunidade. Por iso o Reino de España e a súa “mafia policial” organizada segue a usar o poder político para fins de carácter partidista, póndose fóra en todo momento da lei e de calquera norma ética. “Case todas as institucións en España amosan síntomas de putrefacción”, editorializaba hai uns anos o diario británico Financial Times. E, no fondo desas institucións infectadas pola corrupción, a presenza, con permisividade e impunidade, do vello franquismo (renovado) que non cesa, do fascismo con novas cores, das cloacas dun sistema que trata de impedir que a sociedade cambie. A “putrefacción lenta e ingloriosa” da que falaba Marx para referirse ao advenimento no seu día dunha España feudal-burguesa (lembrábao León Trotsky nos seus “Escritos sobre España”) torna a estar presente. E as cloacas non dan abasto.