Cando eu digo Couceiro —eu e moitas e moitos— estou a dicir, estamos a dicir, Libraria Couceiro. E agora que a “casa do libro” que inaugurou Xesús Couceiro Rivas cumpre medio século de existencia, finalmente instalada na compostelá Praza de Cervantes, a min vénme á cabeza, e non é a primeira vez, aquela teoría da “libraría monumento” que enunciou no seu día Jorge Carrión nun pequeno ensaio titulado “Catro teorías para unha libraría total”, pois hoxe, sen dúbida, a nosa “libraría monumento” é a Libraria Couceiro, un espazo dedicado ao libro no corazón da capital galega con máis de 350 metros cadrados distribuídos en 5 andares, con proxecto e deseño excelente do arquitecto Iago Seara.

Eu lembro de xeito moi vivo a don Ricardo Carvalho Calero afirmando nun acto público, con alta palabra solemne, que levaba feito máis polo libro galego Suso Couceiro que todas as Administracións galegas xuntas. Talmente. O noso libreiro por excelencia fundou no ano 1969 en Santiago, no número 69 da rúa de San Pedro, o seu primeiro local destinado á exhibición e comercialización de libros. No ano 1975 instálase na rúa da República de El Salvador, especializándose ademais no libro galego e portugués, o que lle outorga un amplo recoñecemento en toda a Galiza e aínda entre os profesionais libreiros do ámbito español. E agora, 50 anos despois, florece e reflorece na actual “libraría monumento” emprazada no corazón da capital do país.

Recentemente o filósofo Fernando Broncano referíase ás librarías como lugares de resistencia cultural fronte á invasión das grandes plataformas de Internet, e neste sentido a Libraria Couceiro resulta paradigmática. Suso Couceiro sempre apostou —e nunca deixou de lembralo e poñelo en práctica— pola “evolución” e pola “especialización” do negocio do libro. Foi pioneiro no seu día na promoción e venda do libro escolar, mais decidiu posteriormente especializarse no libro galego. E pola Libraria Couceiro pasaron xeracións enteiras de escritores, universitarios e intelectuais, lectores e lectoras, homes e mulleres que se “alimentaron” coa oferta de coñecemento da literatura, do pensamento e da historia do noso país que Couceiro soubo sempre pór nas mans de milleiros de persoas.

Cinco décadas despois da súa fundación, a Libraria Couceiro é o templo do libro por antonomasia na cidade de Santiago de Compostela. Libraría aberta e amábel, espazo moderno e perfectamente estruturado, co libro galego en primeiro plano sempre mais tamén con novidades literarias españolas e cun fondo de libro histórico sobre Galiza e xeral (libro vello de calidade) que enriquece notabelmente o conxunto. Poucas veces unha libraría concita tanta admiración e tanta entrañabilidade. Tanto consenso cultural e tanto recoñecemento. Comparaba o profesor Carvalho Calero, con razón, a Xesús Couceiro con Ánxel Casal: o primeiro libreiro galego moderno e o primeiro editor galego moderno, digo eu. Ou dito doutro xeito: todos e todas estamos en débeda —eu estouno, sen dúbida— por tantas portas que nos abriu a Libraria Couceiro.