Aínda lembran hoxe moitos no Brasil cando o presidente Lula da Silva liberou no seu día a máis de 10.700 escravos e escravas, cumprindo coa Declaración Universal de Dereitos Humanos (1948), que di no seu artigo 4 que “ninguén estará sometido a escravitude nin a servidume; a escravitude e a trata de escravos están prohibidas en todas as súas formas”. En 1998 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas creou un Comité Especial coa finalidade de pór en marcha un réxime xurídico internacional para combater a delincuencia transnacional organizada, o que posibilitou un instrumento de cooperación internacional dirixido a fomentar a cooperación entre os Estados para loitar contra o grave delito da escravitude. E que fixeron, e que fan, en realidade, os Estados para eliminar de vez a trata de escravos e a escravitude en todas as súas formas?

Na actualidade arredor de 50 millóns de persoas viven no mundo en situación de escravitude, e segundo a Organización Internacional do Traballo case 5 millóns son vítimas de explotación sexual forzada, unha forma de escravitude esta que non deixa de medrar, e sempre coas cifras oficiais moi por debaixo da realidade. E que fan, por exemplo, os medios de comunicación ao respecto? Tanto os Estados como a sociedade en xeral ollan para outro lado, e a escravitude actual acaba por resultar invisíbel. Un informe da Fundación Free Walk (The Global Slavery Index 2018) sinala que a escravitude moderna, ademais de existir nos países con menor índice de desenvolvemento, ten lugar tamén nos países máis ricos, sendo así que hai 403.000 persoas escravas nos EE UU, 167.000 en Alemaña, 136.000 no Reino Unido e 1,3 millóns no conxunto da Unión Europea.

E no Estado español? As cifras oficiais que se manexan dan conta da existencia de máis de 100.000 persoas escravas, o que nos debería producir unha profunda vergoña e nos obrigaría a denunciar este delito terríbel e continuado entre nós. E que fixeron ou fan os Gobernos ao respecto? Moi pouco ou nada. Máis de 180 anos despois da abolición da escravitude en España, esta continúa a existir con diferentes formas e con idénticos fins, a explotación económica, mediante control e propiedade, de seres humanos, incluídos nenos e nenas. E isto constitúe unha auténtica vergoña para a humanidade. Tiña razón Karl Marx cando falaba na súa obra por excelencia, O capital (1867), da existencia dunha escravitude no sentido social, físico, moral e intelectual. Na actualidade segue existindo.