Non ten pelos na lingua o escritor e filósofo holandés Rob Riemen cando afirma que o fascismo está aquí e agora en forma de cultivo político ben determinado, amasando os peores sentimentos irracionais: o rancor, o odio, a xenofobia, o desexo de poder e, como non, o medo. E eu engadiría tamén, como parte fundamental desa realidade, xa non sentimental: a ignorancia. Riemen, que é o director do Instituto Nexus, unha entidade nacida para a reflexión sobre a cultura europea e universal dende ángulos filosóficos, é autor dun libro titulado O eterno retorno do fascismo e agora di, firme e convencido, que o veleno do fascismo está a se espallar outra vez por Europa. 

Xosé Manuel Beiras ten denunciado a miúdo, e con insistencia, que estamos a vivir unha “metamorfose do fascismo”, manifestando ademais que a política da dereita alemá en Europa dende a guerra de Iugoslavia “é unha reedición da doutrina do ‘espazo vital’ dos nazis”. E, efectivamente, o “lebensraum”, con outras formas, xa non tan territoriais á forza, senón de carácter económico, ten lugar a través das medidas que Angela Merkel impuxo (e impón) aos pobos europeos máis afectados pola “crise”. Nun artigo do economista Juan Torres, censurado no seu día por El País e titulado “Alemaña contra Europa”, deixábase todo isto ben claro cando o catedrático de Economía sevillano afirmaba con particular rotundidade que “Merkel, como Hitler, declarou a guerra ao resto de Europa, agora para garantir o seu espazo vital económico”.

Xosé Manuel Beiras ten denunciado a miúdo, e con insistencia, que estamos a vivir unha “metamorfose do fascismo”

 

As recentes eleccións celebradas en Suecia déronlle ao partido nazi Demócratas de Suecia un 17,6 % dos votos, o que se traduciu en 63 deputados (terceira forza, con 14 escanos máis que en 2014) e a superación con moito da barreira do millón de votos: 1.100.802. E, no caso da propia Alemaña, o partido neonazi Alternativa para Alemaña (AfD) converteuse, nas eleccións de 2017, tamén en terceira forza (12.6 %) con 5.878.115 votos e 94 escanos, logrando entrar triunfalmente no Parlamento alemán e sendo primeira forza no Estado de Saxonia, antiga República de Weimar. Mais o fascismo político, non esquezamos isto, xa chegou ao poder en Hungría (Viktor Orban), Austria (co Vicechanceler e ministro Heinz-Christian Strache) e Italia, co Vicepresidente do Consello de Ministros e Ministro do Interior de Italia Matteo Salvini.

Así están as cousas. Véndomos o mapa político de Europa ninguén pode negar que o fascismo avanza no “vello continente”. O fascismo como tal, no seu discurso e nas formas políticas, non desapareceu con Mussolini, Hitler ou Franco. Practicamente todas as televisións privadas europeas, fillas elas de quen son, dan amparo e acubillo ás posicións fascistas, exhibidas con abraiante impudicia en temas de racismo e xenofobia. E no caso das televisións españolas, con moi poucas excepcións, un número importante de fascistas ou franquistas ocupa plano e ten voz nas pantallas, moitas veces non só facendo gala dunha supina ignorancia ou menosprezo da verdade histórica senón tamén incorrendo decote en apoloxía do fascismo e en delitos de odio de variado teor. 

No caso das televisións españolas, con moi poucas excepcións, un número importante de fascistas ou franquistas ocupa plano e ten voz nas pantallas

 

O fascismo avanza en Europa e en España, os feitos así o demostran, non se ten producido unha ruptura real co franquismo, claramente o fascismo español. O PP e Ciudadanos incorporan a día de hoxe a maioría do voto da extrema dereita, e mesmo Ciudadanos ten chegado a contar co apoio directo de grupos falanxistas, entre eles España 2000. As forzas democráticas e de esquerdas en Europa e no Estado español teñen que pórse á tarefa urxente de “desfascitizar” (aquí tamén “desfranquizar”) unha sociedade que se deixa tentar, unha vez máis, polo “ovo da serpe”, como nos lembrou Ingmar Bergman. É preciso instaurar unha verdadeira educación cívica universal, e utilizar todas as vías democráticas existentes contra o odio, a ignorancia, a mentira, a demagoxia, o baleiro intelectual e toda caste de oportunismo protofascista ou fascistoide que se presenta en sociedade baixo disfrace. Ben que o advertiu Thomas Mann cando fuxido da Alemaña nazi se dirixiu ao público estadounidense —corría o ano 1940— con estas palabras: “Se algunha vez o fascismo chega aos EE UU, farao en nome da liberdade”. A día de hoxe, no país de Walt Whitman xa goberna o fascista Donald Trump, o “gran macho”, como o denomina Rob Riemen, porque a “peste” (Camus) sempre está aí e pode regresar.
 



x