O fascismo relixioso que vén xa está aquí. Ou xa estaba. En forma de franquismo relixioso sociolóxico, en forma de nacional-catolicismo franquistizador ou disfrazado, unhas veces máis, outras veces menos, en boa parte do ámbito político e social do poder actuante. Acaso non tivo lugar nos últimos anos, na Igrexa castrense de San Francisco de Ferrol, unha misa católica en homenaxe a Francisco Franco? E non celebraba o alcalde de Beade, en Ourense, unha misa anual dedicada á memoria do ditador Franco e de José Antonio Primo de Rivera? O pasado ano 2018 celebráronse misas católicas en honor a Franco en Madrid, Zaragoza, Valencia, Zamora, Valladolid e en Andalucía, a maioría: Málaga, Jaén, Almería, Sevilla, Granada e dúas en Córdoba, unha delas na Capela do Sagrario da Catedral. E a Igrexa católica e os Gobernos sempre ollaron para outro lado.

No ano 1933 José Pemartín, mentor de Primo de Rivera, afirmaba que “toda la historia verdadera de España, en sus más gloriosos momentos, fue un fascismo católico”, e 86 anos despois un sacerdote católico, Alfonso García Bermejo, proclama que Vox non é un partido de extrema dereita senón de “extrema necesidade”. Acaso os prelados (bispos e arcebispos) de Córdoba, Donostia, Oviedo, Burgos e Alcalá non louvaron ou loaron o novo partido fascista español?

O fascismo relixioso existiu e existe, e hai numerosos estudos académicos que o demostran

 

En definitiva o fascismo relixioso existiu e existe, e hai numerosos estudos académicos que o demostran. Esa tipoloxía de fascismo, tamén denominada “fascismo clerical” polo italiano Luigi Sturzo, volve estar presente: un só pobo, unha soa nación, un só Estado, unha soa relixión. En 1946, lembrémolo, Franco definiu España como un “Estado católico”. E tanto Hitler como Mussolini acabaron sendo grandes defensores da fe católica. Como ben explica o profesor e filósofo chileno Mauricio Amar Díaz, non é unha casualidade que Jair Bolsonaro, fascista e fundamentalista relixioso, se teña bautizado en Israel, país que participa activamente na construción do denominado “sionismo cristián”.

Lembrarán vostedes cando o Ministerio do Interior do Reino de España concedía (2014) a Medalla de Ouro ao Mérito Policial á virxe María del Amor. O Tribunal Supremo español avalou esta concesión desestimando un recurso interposto pola Asociación Europa Laica. E, ao ano seguinte, o mesmo ministro de Interior, Jorge Fernández Díaz, condecoraba a Santísima Virxe das Dores de Archidona, na provincia de Málaga.

Convén estarmos alerta, avisounos disto Umberto Eco, sobre o que el denomina “fascismo eterno”

 

Convén estarmos alerta, avisounos disto Umberto Eco, sobre o que el denomina “fascismo eterno”, pois contén este tamén a reivindicación dunha tradición relixiosa asociada a unha identidade nacional: intenta apropiarse das reivindicacións populares facendo que pasen ao institucional para que alí se disolvan e se confundan cos obxectivos políticos dos líderes do movemento fascista. Pasado ben coñecido e plena actualidade hoxe entre nós.