Talvez o termo “franquistocracia”, existente como tal mais pouco utilizado, sexa excesivo para definir o estado actual da realidade española. Pola contra, as denominacións “franquismo sen Franco” (mesmo hai libros con ese título), “neofranquismo” (até Javier Marías publicou un artigo así titulado) ou “franquismo sociolóxico” (forma seguida xa no seu día por Manuel Vázquez Montalbán), si son perfectamente adaptábeis á realidade que se vive hoxe no designado Reino de España.

Na actualidade, 80 anos despois do golpe de Estado de Franco que acabou en guerra e após 40 anos de “democracia”, aínda existen no Estado español máis de 114.000 “desaparecidos”, a maioría deles en máis de 2.300 foxas comúns espalladas por todo o territorio, e todos eles vítimas do fascismo franquista e da ditadura do mesmo nome. Segundo a asociación “Jueces para la Democracia”, España é o segundo país do mundo, tras Camboxa, con maior número de persoas vítimas de desaparicións forzadas cuxos restos non foron recuperados nin identificados. E estamos na España e na Europa de 2018. Clara mostra dunha cultura política e social neofranquista ou franquismo sociolóxico vixente.

Recentemente a nomeada Fundación Nacional Francisco Franco —entidades desta tipoloxía non existen en Alemaña (Hitler) nin en Italia (Mussolini)— promoveu un manifesto titulado “Por la historia y la libertad”, un panfleto fascistoide contra a memoria histórica que asinaron, xunto a franquistas dos pés á cabeza, personaxes como Joaquín Leguina, Francisco Vázquez e Teo Uriarte, que non sei eu a estas alturas se seguen a militar no PSOE. Mais aquí non pasa nada. Todo se naturaliza. A propia Real Academia Española no seu “Diccionario” (2014) define o franquismo como un “movimiento político y social de tendencia totalitaria”,ocultando, con sentido regular e ordinario, a extrema violencia exercida polo réxime ditatorial franquista.

Resulta evidente que o franquismo sociolóxico persiste na sociedade española actual. E, como ben demostra o historiador e filósofo Sánchez Recio, da Universidade de Alacant, esta persistencia ten a súa razón de ser “na presenza activa de institucións, grupos, persoas e intereses que, mantendo formulacións propias ou afíns aos do franquismo, atopan protección ou acomodo nas leis que actualmente están en vigor”. E así é. Unha recoñecíbel mentalidade franquista segue a ter vixencia en non poucas áreas sociais. Por iso, alarmados, seica, pola inminente exhumación dos restos de Franco, 181 militares retirados españois decidiron redactar e asinar, con toda naturalidade, unha declaración de “respeto y desagravio al general Francisco Franco Bahamonde, ‘Soldado de España’”, louvando e glorificando a figura do sanguinario ditador. E aí figuran 29 xenerais, 1 almirante, 105 coroneis, 15 tenentes coroneis, 12 comandantes, 2 capitáns, 11 capitáns de navío e 1 capitán de fragata, entre outros. Franquismo puro no exército español “retirado”. Xulguen vostedes. ¿Sería isto posíbel en Alemaña (Hitler) ou en Italia (Mussolini)?

O neofranquismo, á vista está, avanza e cobra forma e forza na política e na sociedade. E atinxe xa certas formas estruturais e orgánicas ben establecidas. Até a revista de política internacional estadounidense Foreign Policy o recoñece cando acaba de tratar o tema e titular unha información de xeito ben directo: “O ditador español está morto, mais a súa popularidade vive”.

¿E que facer dende a cidadanía organizada e as forzas políticas democráticas e progresistas que a representan? Esixir, sen medias tintas, a aplicación da lei e a razón política democrática. Exhumación dos restos do ditador e punto final ao mausoleo fascista máis grande de Europa.Devolución ao pobo galego do Pazo de Meirás, da Casa de Cornide e das estatuas do Mestre Mateo.Ilegalización da Fundación Francisco Franco e outras entidades defensoras da ditadura e da violencia fascista.Recuperación dos restos das vítimas do franquismo para seren honradas como corresponde polos seus familiares e pola sociedade en xeral.Auditoría económico-financeira á familia Franco sobre todos os seus negocios pasados e presentes, e introdución da memoria histórica e dos valores éticos no ensino xeral. Só así, coido, se poderá establecer a decencia social e política e acabar co ADN persistente e infamante do franquismo.



x