Non hai moito caeron nas miñas mans os datos dun informe do Instituto Galego de Estatística (coido que presentado no verán do 2016) que daba conta de que 855 aldeas galegas só tiñan un veciño e que 1.116 núcleos de poboación contaban só con dous habitantes, con dous únicos veciños. E isto evidenciaba, pensaba eu, a capacidade de resistencia de máis de 3.000 persoas no “lugar”, mais tamén sinalaba o camiño aberto á desaparición, ao punto final. Nun estudo (2014) realizado polos profesores da USC José Antonio Aldrey Vázquez e Daniel del Río Franqueira sinálase con toda contundencia que as actuacións en materia de reactivación do espazo rural son inexistentes e parecen imposíbeis: “Non se traballa en cambiar a estrutura da propiedade, nin se avanza na competitividade agropecuaria ou na equiparación de salarios co medio urbano”. É dicir, a defunción ou fulminación do noso mundo rural está servida.

 

A día de hoxe temos en Galiza 2.000 aldeas practicamente deshabitadas e 33 concellos xa contan con menos de 1.000 habitantes, o que supón o 10,5% dos 313 concellos galegos. Ou dito doutro xeito: nos últimos 8 anos, segundo datos do INE, máis de 30 veciños deixaron cada día o rural “fuxindo” cara vilas grandes e cidades.

 

Sendo Lugo e Ourense as provincias que máis duramente sofren o avellentamento, o despoboamento e o “éxodo rural”, fica ben claro que a Galiza oriental vai camiño da desertificación física e humana, pois na Galiza atlántica xa se concentra a día de hoxe o 80% da poboación e da riqueza económica de todo o país. E todo isto supón, ademais, a desaparición de formas e valores culturais, e lingüísticos, que teñen difícil ou imposíbel recuperación. A perda definitiva dun importante segmento do noso patrimonio antropolóxico é xa unha dolorosa realidade. E aquí lembro un durísimo artigo de Avelino Abuín de Tembra titulado “Morremos”: “En menos de tres décadas virámonos un pobo acomodaticio, conformista e pusilánime. Pobo así non ten dereito a nada. Pobo que non loita non pode ter vitorias, que son o cerne do combate”.

 

Fronte a unha Galiza que desaparece, inmóbil e envisa, que diría o poeta Luís Pimentel, cómpre unha reacción política inmediata. Contra o etnocidio programado polos axentes políticos da dereita cómpre a reacción unánime, concorde e unísona da esquerda política, incluída, por suposto, a existente no PSdG. Non facelo é, ademais dunha grave irresponsabilidade, un camiño expedito ao suicidio político, social e cultural. Vaia un dato. Expresábao Nel Vidal, presidente no seu día da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, e eu tomei “nota ao vivo” da súa palabra: “Que o coñecemento e uso do galego non chegue ao 5% dos nenos e nenas nas cidades (Vigo e A Coruña, en particular) é tremendo. Son cifras de extinción”. De apagamento, de desenlace, de desaparición.



x