Lembraba eu estoutro día que Thomas Mann, fuxido da Alemaña nazi, chegou a advertir no seu día —e referíase aos EE UU— que se algunha vez chegaba o fascismo ao país do tío Tom faríao en nome da liberdade. E lembrei tamén, ao fío do fascismo lingüístico que volve estar presente no Reino de España, aquela Asociación Gallega para la Libertad de Idioma (AGLI), actuante entre nós durante uns anos, que utilizaba precisamente a palabra “libertad” na súa presentación social cando o que procuraba, dende perspectivas fascistas etnocidas, era a desaparición e morte do idioma galego.

Lembrarán tamén vostedes aquela señora que un día cualificou a Castelao como “xenófobo” e “botarate excluyente”, a mesma señora que se derrete en louvanzas á organización política de extrema dereita e ultranacionalista española Vox, porque “ha generado mucha ilusión y un gran número de adhesiones”. Xulguen vostedes. A señora en cuestión, ben coñecida pola súa teima en fomentar o odio contra toda lingua do Estado español que non sexa o castelán, aínda vai máis alá e chega a afirmar nun alarde de antihumanismo e insensibilidade, unido a unha boa dose de ignorancia, que “no creo que una lengua sea una riqueza en sí misma”, porque “ni siquiera es cultura”.

Como nos lembra o escritor hondureño Julio Escoto, o fascismo, os fundamentalismos teolóxicos e os ignorantes detestan a cultura, porque a cultura é tamén identidade. Ben o sabían os asinantes do Manifesto de la Alianza de Escritores Antifascistas para la Defensa de la Cultura (entre eles Rosa Chacel, Rodolfo Halffter, Luis Buñuel, Rafael Dieste, María Zambrano e Luis Cernuda) cando en 1936 afirmaron que fronte ao monstruoso estalido do fascismo era fundamental “defender a cultura en todos os seus valores nacionais e universais” e defender igualmente os verdadeiros valores da intelixencia e da dignidade humana.

Unha vía perfecta, entre outras, para identificar o fascismo de hoxe é citar a palabra cultura. E inmediatamente aludir aos idiomas ibéricos distintos ao castelán. Porque os fascistas non aman a cultura. E manifestan un odio etnocida contra o galego, o euskera e o catalán. Fronte ao fascismo lingüístico que deixa ver o seu fociño (e tantas veces actúa) no tempo de hoxe, cómpre artellar respostas organizadas con intelixencia e conciencia cívica. En definitiva, o fascismo non ama a vida nin a pluralidade que emana dela. Méndez Ferrín deixouno dito con lucidez poética coma ninguén: “Dille berce ao inimigo, e veralo esmaciar”. Á señora en cuestión e aos seus acólitos, seita triste e enfurruñada onde as houber, hai que lles dicir tamén as palabras verdade, beleza, coñecemento e sabedoría. Esmaciarán.



x