Ano 2019. Século XXI. A literatura escrita en galego, pola súa propia calidade e polo esforzo dos seus autores e autoras, é recoñecida en boa parte do mundo. O idioma galego, que é un idioma internacional, pai e nai do portugués, sofre, no seu propio territorio nativo ou nacional un Decreto de Plurilingüísmo (2010), aprobado polo Goberno do Partido Popular na Xunta, que impide que as clases de matemáticas, tanto en primaria como en secundaria, se poidan impartir en galego. ¿Que pretende a dereita etnocida e anticultural galega con esta medida contra o idioma do país, convertido así de facto en lingua de segunda?

Non hai moitos días unha profesora do Instituto de Ensino Secundario Enrique Muruais, na Pontenova, lembrarano vostedes, foi “apercibida” e recriminada pola Consellaría de Educación por impartir (para un alumnado 100% galegofalante) as Matemáticas en idioma galego, xa que estas só se poden impartir “en castelán ou en inglés”. ¿Son igualmente activos e dilixentes os inspectores de ensino cando o galego non se utiliza, ou simplesmente desaparece, en moitas das materias que deberan impartirse no idioma propio da Galiza?

Eu recordo unha declaración (2015) das universidades de Santiago de Compostela (USC), Vigo (Uvigo) e A Coruña (UDC), realizada a través dos seus respectivos departamentos de Galego, na cal se dicía que o noso idioma estaba en perigo de se converter nunha lingua estranxeira na súa propia patria e se denunciaba o “recuamento do galego na administración pública, incluíndo as propias universidades”. Esa é a realidade, hoxe máis extrema.

Que se prohiba o galego nas Matemáticas, que se persiga o galego na ciencia ou que o galego practicamente xa non exista no ensino infantil nas cidades forma parte dun plan artellado convenientemente para producir a extinción da nosa lingua nacional. Xa hai ben anos que a UNESCO advertía que o galego era unha das linguas que corría perigo de desaparecer no mundo. E as institucións culturais galegas responsábeis do idioma e da cultura que del emana pouco ou nada fixeron, pouco ou nada fan ao respecto. As Matemáticas, Física e Química e a Tecnoloxía non poden, en 2019, ser impartidas en galego. Dende hai dez anos, cando menos, a Unión Europea, a través da Axencia Europea de Linguas Minorizadas, “defende” máis o idioma galego que a actual Xunta de Galicia, que pasará á historia —de nós, do pobo galego, dependerá— como o Goberno que fracasou no seu plan de etnocidio programado contra o idioma e a cultura galega. Vaia aquí toda a miña solidariedade e todo o meu apoio á profesora e escritora Sabela Núñez Singala, “reprendida” pola Xunta de Galicia por impartir as clases de Matemáticas en idioma galego aos seus alumnos e alumnas galegofalantes. Ano 2019. Século XXI.



x