Estivo no Congreso dos Deputados o voceiro político da Coordinadora Arauco Malleco (CAM), Héctor Llaitul Carrillanca, quen denunciou recentemente en Xenebra diante da ONU a situación do pobo mapuche, pois sofre unha continua vulneración dos dereitos humanos e dos dereitos dos pobos indíxenas recoñecidos internacionalmente. Héctor Llaitul, tamén na cidade suíza, participou no seminario “Cosmovisión orixinaria e modernidade capitalista: a experiencia da loita do pobo mapuche e a súa criminalización”, organizado pola Universidade de Xenebra, e deu conta dos asasinatos, das desaparicións e do cárcere que son habituais e que teñen como vítimas a cidadáns mapuches.

Conformada como nación independente en 1641, tras un tratado de paz coa Coroa Española despois de cen anos de guerra, a nación mapuche foi a primeira e única nación indíxena do continente americano; mais a partir de 1860 as repúblicas de Chile e Arxentina procederon a ocupar militarmente o territorio mapuche, deixando tras tal acción ilegal e xenocida centos de miles de mapuches masacrados e un pobo condenado ao exterminio e á desaparición.

A día de hoxe, con todas as dificultades, persecución organizada e un etnocidio/xenocidio que continua actuante, o pobo mapuche, consciente da súa identidade e dos seus dereitos históricos e presentes, resiste. Na actualidade a nación mapuche, dividida entre Chile e a Arxentina, conta cunha poboación recoñecida (a inmensa maioría en territorio chileno) de máis de 1 millón de persoas. Mais a situación descríbea perfectamente nunha soa frase a dirixente mapuche Moira Millán: “A nación mapuche é a Palestina de Sudamérica”. Fica todo dito.

Eu lembro, e coido que foi no ano 1991, unha actuación, absolutamente “conmovedora”, da actriz mapuche Luisa Calcumil no Instituto Galego de Información de Santiago de Compostela. Trouxéraa o IGAEM (Luís Cochón) en colaboración con Isaac Díaz Pardo. O mestre Isaac convidara ao acto teatral (un monólogo) a un bo grupo de amigos. Tamén asistira o presidente da Xunta naquela altura, Fraga Iribarne. A actriz mapuche, pura indíxena, tamén cantora e dramaturga, utilizou na súa actuación o idioma da nación mapuche, o mapudungun. E aínda resoan en min as palabras da actriz pronunciadas naquela preciosa e descoñecida lingua. O público alí presente ardeu de emoción.

Xa no ano 2009 eu tiven a honra de publicar o libro “Lúa de xemas frías”, unha escolma poética de poesía mapuche, en edición bilingüe mapudungun-galego, realizada en toda a súa extensión por Xulio L. Valcárcel. Aí están os grandes poetas mapuches Elicura Chihuailaf, Graciela Huineo, Cesar Millahuique, María Teresa Panchillo e Paulo Huirimilla. Como di Graciela Huineo, “Nunca fumos/o pobo elixido,/pero matáronnos/no sinal da cruz”. Sempre os poetas na vangarda.

Cando escribo estas liñas, horas despois da entrevista en Madrid co dirixente mapuche Héctor Llaitul, sóubose que o seu fillo, Ernesto Llaitul Pezoa, estudante de Socioloxía, fora detido por unidades (máis de 50 efectivos) da policía chilena. O fiscal pedía prisión preventiva. Mais o Tribunal de Carahue, finalmente, desestimouna. Ernesto Llaitul agora mesmo ficou en liberdade. Mais a represión continúa. As palabras de Xulio L. Valcárcel en 2009 seguen a ser perfectamente válidas en 2018: “Hoxe, cunha globalización que pretende chegar coa súa teima uniformizadora e esterilizante aos lugares máis recónditos, os mapuches tratan de conservar a súa identidade”. E logo o poeta lugués recoñece “a loita tenaz e admirable deste pobo pola preservación, fronte a tanta e tan aberta hostilidade, dos seus sinais identitarios, a súa encomiable resistencia fronte á sociedade consumista de carácter masificador e homoxeneizador”.

A resistencia da nación mapuche é a máis antiga, xa contra o conquistador español, de toda a América Latina. E máis de cinco séculos despois os mapuches seguen en pé, persistindo na súa identidade e reclamando o seu territorio propio, na actualidade en mans do Estado ou de empresas privadas. A nación mapuche pasou de ser dona de 100.000 quilómetros cadrados a ter que vivir confinada en só 5.000.

Mais os mapuches, como ben expresou o poeta Javier Milanca, “sempre están volvendo, volvendo a vivir, volvendo ao seu lugar”. A nación mapuche “volverá”. Todos debemos axudar para que así sexa.