O actual Papa Francisco, tan “progresista” el, disque, ten instado con verdadeira entrega dialéctica a acadar unha unión eucarística entre católicos e protestantes (ou evanxélicos), para cumprir xuntos así un “servizo á humanidade”, pois existe unha “profunda conexión” entre católicos e protestantes a pesar das diferenzas existentes. Textual. O ex militar e presidente ultra dereitista de Brasil invoca a Deus con suma facilidade e na súa toma de posesión agradeceu a misión “dada por Deus”, a quen chegou a citar sete veces en dez minutos. Sendo como é o propio Jair Bolsonaro católico, seica, na práctica preséntase e actúa como evanxélico, e conta con 199 parlamentares evanxélicos no Congreso.

Defensor da violencia política, da tortura e da ditadura militar brasileira (1964-1985), o fascista Bolsonaro chegou a declarar (1999) que esta ditadura tería que ter asasinado a 30.000 persoas, incluíndo os deputados do Congreso e o presidente naquela altura, Fernando Henrique Cardoso. ¿Mais como pode chegar á presidencia dun país como o Brasil un suxeito desta catadura? Bolsonaro contou co apoio expreso da maior congregación evanxélica do Brasil, a Assembleia de Deus, con máis de 12 millóns de membros, así como da Assembleia de Deus Vitória em Cristo e da Igreja Universal do Reino de Deus, propietaria esta última da canle de televisión Record TV. O número de evanxélicos supera xa os 45 millóns de fieis no país e ábrense cada ano 14 mil novas igrexas evanxélicas.

A Bolsonaro apoiárono, en nome de Deus, unha altísima porcentaxe de cristiáns, entre evanxélicos (71%), pentecostais e neo pentecostais, mais tamén tivo apoio expreso de católicos apostólicos romanos, que se uniron aos evanxélicos, por certo, nunha grande manifestación no Río de Janeiro dándolle soporte ao Bolsonaro fascista, racista, homófobo e machista, quen ten exhibido ademais, en numerosas ocasións, claras actitudes violentas.

Mais ademais de Bolsonaro tamén actúan ou actuaron en nome de Deus políticos e presidentes e ditadores ultra dereitistas e fascistas como Francisco Franco, Mussolini, Pinochet, Salazar ou agora mesmo Donald Trump, dubidoso presbiteriano que presume de Biblia e que foi apoiado por un 81 por cento de homes relixiosos e un 64 de mulleres evanxélicas, católicas ou presbiterianas. As Igrexas, en definitiva, sempre co poder, actuando como institucións políticas, mesmo como se fosen (caso do Brasil) auténticos “partidos políticos” a actuaren contra o Estado e a Democracia. E moito ollo: os evanxélicos, reaccionarios, conservadores e ultra dereitistas están a emerxer como un innegábel fenómeno político en toda a América Latina. Elixidos por Deus. En nome de Deus. A prol do fascismo ultra liberal. Contra a cultura (en Brasil xa suprimiron o Ministerio) e contra a igualdade. Todo por Deus. Mágoa que Nietzsche non tivese toda a razón.