Leo un artigo de Amador Fernández-Savater, filósofo e editor, que cita a Gilles Deleuze para responder á relación da esquerda política coa realidade: “A esquerda precisa que a xente pense”. Que pense e actúe. Pensar e actuar “de forma serena, mais de xeito radical”, como defende Enric Dolç, porque estamos nun novo tempo no que existen novas formas de activismo social e no que os cidadáns organizan a súa propia contestación cívico-política: véxanse, por exemplo, as manifestacións protagonizadas polas mulleres ou as concentracións e protestas dos pensionistas, entre outras respostas de carácter social que lidera a xente pensante e libre, radical e actuante, sen necesidade de “tutela” ningunha de organizacións políticas partidarias.

As organizacións de esquerdas que foxen do debate a fondo e da reflexión política activa, non involucrándose directamente coa cidadanía e rexeitando unha verdadeira participación no seo da sociedade, sitúanse fóra do tempo. A esquerda organizada repetidora de vellas consignas fronte ás novas formas de manifestación e expresión social debe “pensar” e “repensar” a súa posición política e institucional, tantas veces convertida —e lembro aquí o pensamento de Isaac Díaz Pardo— en “retardataria”. Ou estéril.

E non se trata, non, de negar o valiosísimo legado marxista, luminoso e en tantos graos permanente, trátase de recoñecer tamén as leccións da Escola de Frankfurt na súa teima por fixar a importancia e a forza crítica e transformadora do pensamento político en acción. É dicir, a comprensión das diversas formas de práctica social e a valoración das posibilidades existentes de emancipación: “unha vida sen temor nin miseria”, que enunciaba o gran Herbert Marcuse na súa “Ética e revolución”. Ou como di Marc Saxer, da Fundación Friedrich Ebert, trátase de seguir o camiño polo que avogan “frankfurtianos” de hoxe como Nancy Fraser ou Axel Honneth: reunir nun proxecto progresista orgánico e plural as loitas por unha xustiza distributiva e outras xustas demandas sociais.

Pensar dende a esquerda hoxe debería supor construír, ou reconstruír, unha razón política central fronte a calquera caste de oxidados sentimentalismos políticos. Como ben dispón a filósofa e politóloga belga Chantal Mouffe, diante da presión política exercida pola hexemonía neoliberal, convén unha maior implicación da sociedade civil e de colectivos sociais que combatan tal deriva, creando lazos en forma de suma e de acumulación de forzas entre as loitas diversas que se levan a cabo nas diferentes frontes organizadas aos efectos. Diante dunha oligarquía antidemocrática dominante, a esquerda política organizada debe escoitar, seguir e acompañar o pálpito creativo da esquerda civil e social.

En definitiva, a esquerda política, e máis na conxuntura na que estamos, debe “pensar” a fondo un proxecto común, dialogando e debatendo, superando os marcos “tribais” e implicándose coa cidadanía activa, coa sociedade viva, para que esta, libre e creativa, se exprese e actúe.



x