Que é unha “poética”? Partindo de Roman Jakobson unha “poética” é unha conceptuación ou teoría do facer poético. Ou, dito doutro xeito, é unha especie de “preceptiva” particular ou “arte poética” persoal. Como di Jaime Torres Bodet, a “arte poética” tendería ao individual, ao persoal do respectivo poeta. E entendendo tamén o tema en cuestión como unha declaración xeral de principios “poéticos”, digámolo así, velaquí a miña “poética” en tempo presente, aquí e agora.

A poesía é un feito biolóxico. Existe antes e despois do denominado feito literario. A linguaxe, iso si, é o instrumento do que se serve a poesía para mostrarse a partir da profunda experiencia do corpo e dos seus abismos de carácter existencial, físicos e mentais: a imaxinación, o desexo, os soños, a experiencia sensorial e a "temperatura viva -tantas veces o fogo- de vivir. Entre "a superación verbal do mundo" (Bataille) e "o máis perigoso de todos os xogos" (Hölderlin), vemos que "a lei mesma da expresión poética consiste en traspasar o pensamento" (Bachelard) Con outras palabras, a poesía é unha forma de destino que se relaciona intimamente co "ser" e co "vivir", e ao mesmo tempo -dicíao Wordsworth- é o principio e a fin de todo coñecemento.

Na poesía, xa convertida en linguaxe, sentimos unha carnalidade próxima, unha emanación sensual da palabra, experimentamos unha respiración do inexplicábel e unha elevación cara ao descoñecido. E, ao mesmo tempo, falándomos dende a República da Conciencia, a poesía -aprendímolo en Heaney- é un pulso entre o lírico e o cívico. Porque a poesía é tamén "a oración verbal da vida" (Vallejo) E a  "fonda palpitación do espírito" á que se refería Machado tamén se experimenta na praza pública, contra a urbe das estafas e no ar contaminado da chaira. 

Falándomos dende a República da Conciencia, a poesía -aprendímolo en Heaney- é un pulso entre o lírico e o cívico

 

Fuga semántica, si. Realismo da realidade, si. "Magister silentii", si. E o "vocábulo” infinito" de Leopardi. E a "logopoiesis". E o escoitar aos mortos cos ollos, que dixo o poeta da chama que sabe nadar a auga fría. Todo iso e o viño nocturno dun verso sufí, e a borgiana inminencia dunha revelación que non se produce, e, por que non, a extensión cega de amor. Mais tamén o "discurso republicano" de Schlegel e a "materia presente" de Claudio Rodríguez.

E a poesía, feito biolóxico "de profundis", é, xunto a todo o anterior, como dixo o filósofo alemán, un "estado de ánimo musical". Sen escoitarmos o sopro da harmonía, a vibración da pel do silencio, non hai poesía. Alquimia das palabras, "esplendor formae", "electio verborum", mais sempre o "tan bon son" de Alfonso X e a "rítmica das ideas" de Gamoneda, ou, noutras palabras, sempre a "qualitas sonorum" e o "resonare fibris" na palabra e no corpo.
 



x