Lendo a Enzo Traverso un entende que o concepto de “posfascismo” permite distinguir unha realidade nova do fascismo respecto do fascismo histórico, e lembra o historiador a un Pier Paolo Pasolini, sempre visionario, que xa en 1974 observaba a aparición dun “novo fascismo” fundado no modelo antropolóxico consumista do capitalismo neoliberal, pois para o poeta e cineasta boloñés xa o réxime de Mussolini se tiña mostrado no seu día como unha sorte de “paleofascismo”. Enzo Traverso advertía hai dous anos —vexamos a aplicación do seu pensamento ao acontecido recentemente en Andalucía— que o posfascismo extrae a súa vitalidade da crise económica e do esgotamento das democracias liberais que levaron as clases populares cara á abstención, e engadía que era unha consecuencia da derrota das revolucións do século XX e da eclipse do movemento obreiro como suxeito da vida social e política.

Mais entendamos ben o termo “posfascismo”. Xa no ano 2001 o filósofo húngaro Gáspar Tamás enunciaba un tipo de fascismo que atopaba un “nicho” perfecto no mundo do capitalismo global e que non precisaba por forza dun “führer” nin dunhas particulares SS. E engade Tamás: “Este posfascismo non ameaza ao goberno democrático e liberal. O posfascismo non precisa rexementos vandálicos. É compatíbel cunha democracia antiilustrada (...), e o problema do posfascismo non é que presente unha ameaza por ser autoritario (que o é de natural, dicimos nós), senón que reserva os beneficios da cidadanía para unha minoría”.

O certo é que, á vista dos resultados nas eleccións andaluzas, estamos diante dun posfascismo —non só atribuíbel, por certo, a un único partido político— que se caracteriza por exhibir ao mesmo tempo características xenófobas, sexistas, homófobas e de nacionalismo español neofranquista.

O monstro xa está aí. E vai medrar. Steve Bannon, ex asesor e ex xefe de campaña do postfascista Donald Trump e director do xornal dixital de extrema dereita Breitbart News, ademais de banqueiro investidor de Goldman Sachs, xa traballa en Bruxelas cunha equipa para converter Europa nun gran espazo de organizacións postfascistas ben financiadas e aliadas entre si. E, mentres, boa parte das esquerdas europeas —véxase tamén o caso galego— están a se ollar sectariamente para o propio embigo, cultivando liortas internas, actuando como tribos e clans, lonxe de calquera caste de fraternidade política e practicando en moitos casos a auto destrución. Contra a oligarquía antidemocrática que está arestora a “animar” o posfascismo, só cabe unha resposta de unidade plena das esquerdas sociais e das esquerdas políticas.



x