Lembro un manifesto asinado non hai moito tempo por 68 personalidades da sociedade vasca, entre elas o filósofo Daniel Innerarity, no que se dicía expresamente que en democracia non se poden criminalizar as mobilizacións democráticas e pacíficas, nin tampouco a disidencia política. “En democracia, votar non pode ser delito, senón solución. En democracia, non se pode xulgar a democracia”. Textual. E tamén lembro un documento asinado por 33 xuíces cataláns no que se salientaba que a negación do dereito a decidir só se pode entender e soster mediante un criterio estritamente ideolóxico e político de negar a realidade nacional de Catalunya.

Noam Chomsky, por exemplo, instou ao Reino de España a “liberar os nove presos cataláns e a resolver o conflito a través do diálogo”. E houbo manifestos italianos, franceses, portugueses, 1.000 xuristas cataláns, 400 alcaldes cataláns, máis de 40 eurodeputados de 15 Estados, colectivos de avogados, profesores e catedráticos de Dereito Penal de todo o Estado español, belgas, suízos, alemáns, escoceses...

Os presos políticos, existir existen. E agora Oriol Junqueras, Jordi Sànchez, Josep Rull, Jordi Turull e Raül Romeva, 4 deputados e 1 senador, son parlamentares presos. Puideron acreditarse como tales, é certo, mais van poder exercer os seus dereitos políticos como parlamentares a día de hoxe? Vai a democracia xudicial española, a xudicialización da política e a politización da xustiza, permitir tal cousa?

A prensa internacional xa sabe que os presos políticos cataláns foron ao Congreso e ao Senado do Reino de España para recibir a súa acta como parlamentares, e até informaron sobre o tema o New York Times e as televisións americanas Fox e ABC, o mesmo que a axencia de noticias Associated Press. 5 parlamentares cataláns, vixiados pola policía, toman posesión dos seus escanos. Mais non lles permiten manter reunións, nin unha soa, cos seus Grupos parlamentares. Non lles deixan exercer, dende o primeiro momento, como deputados e senador electos. España ofrece ao mundo unha “deformación grotesca”, os espellos que devolven a imaxe esperpéntica española da que falaba o noso Valle-Inclán. Ou democracia amputada, que dicía José Saramago.