Nunca está de máis lembrar que a Constitución de 1931, na Segunda República, proclamaba no artigo 3 que o Estado español non tiña relixión oficial. E, como ben sinala Carme Tolosana, nos artigos 26 e 27 “equiparaba todas as confesións relixiosas, garantindo a liberdade de conciencia e de culto (este no ámbito privado), á vez que prohibía o exercicio da docencia ás ordes relixiosas”. Talmente. E, despois da sublevación militar de Franco e do éxito, tamén militar, do fascismo, o nacional catolicismo fíxose unha realidade durante a ditadura franquista tanto no plano social como, moi especialmente, no educativo.

E todo, dalgunha maneira, continúa. Os “Acordos” de 1979 asinados entre o Estado español e o Estado teocrático do Vaticano seguen plenamente vixentes nos nosos días. E por tales Acordos o Estado español “obrígase a si mesmo a garantir e sufragar en todos os seus centros de ensino” a inculcación da ideoloxía da relixión católica, tal como nos lembra Jaume Trilla, profesor titular de Teoría e Historia da Educación da Universidade de Barcelona. 

O ensino, nunha sociedade verdadeiramente democrática, debe ficar fóra de calquera proselitismo relixioso, como demandan mesmo diversas asociacións de cristiáns e católicos —véxanse, por exemplo, as Comunidades Cristiáns Populares de Andalucía—, que consideran que a laicidade das institucións públicas é o mellor garante para unha convivencia plural na que todas as persoas sexan acollidas en igualdade de condicións, sen privilexios nin discriminacións (Enrique Díez).

Os “Acordos” de 1979 asinados entre o Estado español e o Estado teocrático do Vaticano seguen plenamente vixentes nos nosos días

Recentemente o Parlamento de Navarra instou o Goberno central español a denunciar os Acordos coa Santa Sede e coas demais confesións relixiosas para conseguir unha escola laica. Porque, ademais dos Acordos co Vaticano, existen acordos de cooperación en ensino relixioso coa Federación de Entidades Relixiosas Evanxélicas en España, coa Federación de Comunidades Israelitas en España e coa Comisión Islámica de España, entre outras organizacións de carácter relixioso. 

Mais os “adestradores de almas” seguen aquí, entre nós, a lles falaren ás nenas e aos nenos nos colexios sobre a “orixe divina do cosmos”. Por iso non hai moitas semanas a Conferencia Episcopal Española (os bispos) e a Comisión Islámica de España (CIE) se reuniron para manifestárense a prol do adoutrinamento islámico nos colexios españois. E nos galegos.

Os “adestradores de almas” seguen aquí, entre nós, a lles falaren ás nenas e aos nenos nos colexios sobre a “orixe divina do cosmos”

Lembran vostedes os tres ministros e unha ministra (Zoido, Méndez de Vigo, Catalá e Cospedal) entoando diante do “Cristo de la Buena Muerte” o himno lexionario “El novio de la muerte”? Como di o teólogo Juan José Tamayo —e isto verémolo proximamente no sistema educativo andaluz— o nacional catolicismo non acaba de morrer e o laicismo non acaba de nacer.



x