A decisión da dirección da CRTVG de suprimir o “Diario Cultural” após 28 anos nas ondas é un paso máis no programa etnocida que perpetra o Partido Popular no noso país. Contrariamente ao xenocidio, que asasina os corpos físicos dos pobos, o etnocidio mátaos na súa alma, no seu espírito, como ben establece o antropólogo Pierre Clastres. E lembremos aquí, ao fío disto, o que expresaba Ramón Vilar Ponte no seu ensaio titulado O feito lingüístico galego: “A lingua é, denantes que outra cousa, unha alma, un espírito”. Por iso, entrándomos de cheo na metaforización lingüística do caso, acerta o poeta Juan Ramón Jiménez cando di que o que aprende unha lingua adquire unha nova alma.

 

Mais, entre nós, o réxime etnocida imperante trata de saldar, de liquidar, de finiquitar a alma propia, o idioma propio, e, en consecuencia, ben coñecido é, xa decretou tamén a desaparición de programas televisivos infantís en idioma galego, pois hai que reducir, estreitar e afogar a lingua e a cultura que dela emana. Trátase de ir provocando e determinando aos poucos, a cámara lenta, a morte do galego, a súa desaparición. ¿Cal é a “política da linguaxe” do Partido Popular? Primeiro minorizar, como quen non quere a cousa. E despois desangrar. Baleirar. Arruinar. Aínda que o programa etnocida practique certa criminalidade fina. Porque sabe eliminar, con pouco ruído, a transmisión interxeracional da lingua. Porque sabe exterminar, de xeito progresivo e con certa música celebrativa, o latexo dos falantes nativos.

 

O programa etnocida sabe eliminar, con pouco ruído, a transmisión interxeracional da lingua
 

 

E, en todo este contexto de tránsito e magnicidio, a CRTVG incumpre de cheo a súa propia Lei de creación, pois ten tal “ente”, como servizo público, unha misión que consiste na promoción, difusión e impulso da lingua galega, “ofrecendo calidade e a máxima continuidade e cobertura xeográfica, social e cultural”. Xa ven vostedes. Estamos na época declarada do lingüicidio. Da imposta glotofaxia ideolóxica. Eu prometo ler canto antes a tese doutoral de Miguel Moreira Barbeito titulada “A morte das linguas, o caso do galego”, que dirixiu a lúcida e valente Teresa Moure. “Se perdemos a fala non seremos ninguén” (Manuel María). Non permitamos que o Partido Popular brinde finalmente con “vino espumoso de Castilla”.


 



x