Fálase moi pouco, practicamente nada, sobre Portugal. Que a economía portuguesa medre hoxe por riba da media da Unión Europea non é noticia moi comentada. O paro no país veciño está na actualidade en niveis anteriores á crise, a taxa de emprego medra ben animada, os déficits orzamentarios están no mínimo atendendo ás catro últimas décadas e a balanza de pagos por conta corrente brilla con superávit nos últimos anos. Así o afirma e demostra con datos e números Mário Centeno, ministro de Finanzas portugués, engadindo que a economía e a sociedade portuguesa mostran que un futuro sostíbel xa está en construción. Mais, con todo, ten moi pouco eco, e case nulo no Estado español, o éxito económico e político atinxido na patria de António Ramos Rosa.

 

En Portugal, como ben se sabe, existe un Goberno de esquerdas formado polo Partido Socialista, o Comunista e o denominado Bloco de Esquerda (un xeito de “maré” portuguesa: PSR, UDP e Política XXI, entre outras organizacións), alianza esta que desbancou no ano 2015 ao conservador de dereitas Passos Coelho e situou no poder como primeiro ministro ao socialista António Costa. O sociólogo e economista portugués Boaventura de Sousa Santos tense referido á experiencia do Goberno portugués como o único goberno de esquerda de Europa que, de facto, “governa à esquerda”; e ten moi claro o profesor de Coímbra a estes efectos que, estando como está a “dominación” unida, nunca a “resistencia”, neste caso as esquerdas, debe estar fragmentada.

 

Sen dúbida, o silencio “político” sobre Portugal existe porque a esquerda gobernante decidiu subir as pensións e os soldos dos funcionarios públicos, e porque o Executivo puxo fin aos proxectos de privatización dos transportes públicos de Lisboa e de Porto, e porque ao mesmo tempo que se aumentaba o salario mínimo reducíase, por exemplo, o número de colexios concertados apostando firmemente polo ensino público de calidade. E o silencio é o que é, non vaia ser que Portugal se constitúa en paradigma a seguir. Porque a intelixencia da esquerda portuguesa soubo restablecer os servizos sociais eliminados pola dereita austericida e non se produciu ruína financeira ningunha no país senón todo o contrario.

 

En Europa hai quen recoñece en voz baixa que Portugal ensaiou con éxito —tanto económico como político— a saída á “crise” e que se produciu un cambio de mentalidade no país. Mais non lle convén á “dominación”, á dereita dominante de sempre, que se constitúa a referencia dun “goberno á portuguesa”, que se recoñeza na práctica que un goberno progresista sabe e pode crear emprego recuperando salarios e pensións e reducindo as desigualdades. A experiencia política portuguesa, con todos os seus delicados equilibrios, non debe ser aireada. E por iso non se fala de Portugal. As esquerdas europeas, elas si, miran, observan a vía portuguesa. Até o Partido Laborista holandés se interesou no modelo de goberno portugués. Mais a Europa oficial e mediática silencia que as esquerdas portuguesas foron quen de impulsar un Goberno que fai ben as cousas e que triunfa levando a cabo, contra vento e maré, un programa político antineoliberal.

 

O poeta portugués Eugénio de Andrade díxome un día que el, como home de esquerdas, só acreditaba nunha esquerda política que tivese en conta as novas realidades, as novas formas, as novas vías de exploración no social, “redistribuíndo con man xusta non só os bens da terra, senón tamén as verdades e os poderes”. Tal vez acertou. Tal vez en Portugal xa aconteza algo diso, xa teña lugar fundado. Por iso reina —que ben o entendería o poeta— tanto silencio.



x