Herbert Marcuse, interpretando a Marx, afirmaba que as clases dominantes nunca abandonarían voluntariamente a súa posición, e diante de calquera elemento que ameazase esta serían os primeiros en facer uso da violencia. Porque, entre outras cousas, o poder, a violencia (Engels), non é máis que o “medio”, mentres que a vantaxe económica e de dominio é o obxectivo, a finalidade. Así é, mesmamente. E existe, claro está, no tempo presente, ademais das vantaxes económicas derivadas da internacionalización do capital, todo un espazo diverso de “economías entre sombras” (Daniel Inclán) que internacionalizan os seus procesos á marxe dos acordos institucionais ou públicos. Como ben di o profesor mexicano, a modernización autoritaria do século XXI leva a marca dunha “economía de morte” que produce vidas precarizadas e residuos non asimilábeis, dúas expresións da abxección contemporánea. E iso é tamén unha forma de violencia. De violencia capitalista.

O carácter violento do capitalismo actual pode observarse perfectamente —lémbranolo o profesor Mario Solano— na produción de alimentos comparada coa satisfacción das necesidades alimentarias. Como é público e notorio, se se poderían producir na actualidade alimentos para 10 billóns de persoas, existindo 7 billóns de seres humanos no planeta, ¿como é posíbel que a fame e a miseria continúen a medrar e que case 3 billóns de persoas sobrevivan directamente na pobreza?

O neoliberalismo imperante no noso tempo, a globalización neoliberal, con toda claridade, mata. 270 millóns de traballadores no mundo (OIT) son vítimas de accidentes laborais, mentres 160 millóns contraen enfermidades denominadas profesionais. E máis de 2 millóns de operarios ou asalariados morren no exercicio do seu traballo anualmente. ¿Non existe aí unha forma de violencia sistemática?

¿E acaso o aumento constante do gasto militar mundial, cos EE UU á cabeza, non é tamén un procedemento expreso e explícito de violencia? ¿2.200 millóns de dólares por día (Eduardo Galeano) destinados á produción de morte? A violencia, sen dúbida, na súa dimensión estrutural, é unha propiedade intrínseca (voltamos a Mario Solano) de sistemas sociais asimétricos e explotadores como é o caso do capitalismo, e aí caben, máis alá dun modelo económico concreto, os diversos modos de alienación, imposición ideolóxica e dominación política e cultural. Como deixou dito Nietzsche, tal vez albiscando o capitalismo multinacional dos Estados actuais: “Ábranme agora os ouvidos, pois vou dicirlles a miña palabra sobre a morte dos pobos. Estado é o máis frío dos monstros fríos. E é frío mesmo cando minte; e esta é a mentira que esvara da súa boca: ‘Eu, o Estado, son o pobo’”.