O director de cinema británico Ken Loach estreou nova película, titulada esta “Sorry We Missed You”, e o público do Festival de Cannes sentiuse atravesado pola humanización social e as verdades políticas que se concentran no novo filme que, días despois da estrea francesa, obtería o Premio do Público á Mellor Película Europea no Festival de Donostia. Ken Loach, como ben se sabe, é un dos grandes mestres do realismo social cinematográfico e a súa obra fílmica, altamente recoñecida pola crítica e polo público, é unha mostra continua de capacidade de disección da realidade social contemporánea, pois os problemas inmediatos que afectan ao ser humano actual están decote presentes, dende o desemprego ou a precariedade laboral até a intolerancia, a ineficacia dos servizos sociais, o racismo, a soidade dos individuos ou a degradación evidente da democracia.

Mais Ken Loach, sempre crítico, combativo e solidario, pon o dedo na chaga coa súa última obra, claramente antineoliberal e anticapitalista, e non dubida en afirmar que o sistema ten chegado á perfección: o obreiro obrigado a explotarse a si mesmo. Ou dito doutro xeito: estamos asistindo no plano internacional e en Europa, por suposto, dada a actual situación social e laboral, á aparición de novas formas de “escravitude” e, en concreto, ao fenómeno dos chamados “working poor”, os traballadores pobres. No Reino de España, segundo a Organización Internacional do Traballo, con datos actualizados a día de hoxe, un 13% dos traballadores vive por debaixo da liña de pobreza. E isto, unido a outros índices sociais que provocan asombro pola súa “indecencia”, debera ser motivo de preocupación inmediata e continua por parte de partidos políticos, sindicatos e sociedade civil en xeral. Porque o Estado español, non o esquezamos, é o primeiro territorio europeo con maior taxa de traballadores pobres e o quinto do mundo, segundo datos da OCDE.

Jorge Mario Bergoglio, actual papa de Igrexa católica, di con rotunda claridade que “hai que dicir non a unha economía depredadora, que converte o traballador en escravo”. ¿E acaso non asistimos hoxe a novas tipoloxías de traballo que pasan a ser novas formas de escravitude? ¿Que é a “uberización”, que son os falsos autónomos e a autoexplotación? As novas elites económicas, os novos amos —demóstrao Ken Loach—, están a deseñar unha clase traballadora sen conciencia de “clase”. Ou como di o profesor Iván Reguera: unha clase traballadora sen unión, sen valor, aterrada, anulada. Mais aínda hai tempo para reaccionar. Para, como quería o filósofo marxista Ernst Bloch, organizar activamente esperanza.