Para calquera observador do sistema de organización política en xeral, e de xeito moi particular no caso galego, resulta obvia e manifesta a existencia de clans e tribos que configuran o panorama político en cuestión. Ben é certo que nos clans, no xeito tradicional, existían “lazos de sangue”, sendo grupos consanguíneos dentro da tribo, mais na actualidade, superada a cognación, estes responden a un tótem relixioso/político común, a unha identificación puritana de inimigos consabidos e a certa experiencia “castrense” partillada. E isto acontece na dereita política, como resulta ben recoñecíbel, mais ten lugar moi especial no seo das esquerdas, no universo conformado polas organizacións progresistas.

Realmente na esquerda do noso país —véxase a esquerda nacionalista— existen, no plano político, o que poderíamos denominar “tribos complexas”, entidades (organismos), maiores ou menores, que actúan de xeito ordinario dentro e fóra dos partidos e organizacións políticas chegando a ter, en moitas ocasións, unha especie de carácter regulador: fixadores de tabús, cultivadores de certo ritual ideolóxico con plasmación práctica, conservadores dun “segredo” ou dunha “verdade única” sempre superior á do “outro” e compactadores dunha sorte de comunidade emocional tanto en sentido positivo como negativo.

Falándomos do que falamos, a un véñenlle á cabeza os diferentes nomes utilizados por autores como Estrabón, Tolomeo ou Plinio para se referir ás diferentes tribos prerromanas existentes na Galiza: as limici, grovii, seurbi, leuni, brácari, arroni, ladovi ou cileni, entre outras. ¿Existirá algunha relación entre o noso pasado clánico/tribal e un presente político na esquerda que adopta estruturas tribais de diferenzas insalvábeis e inimizade situacional? ¿Existirá, parafraseando a Karl Mannheim, algunha caste de “enerxías orxiástico-extáticas” (vistas na práctica política) que teñen as súas raiceiras “nos planos máis profundos e vitais da alma”?

A presenza e vixencia entre nós de tipoloxías políticas clánicas e tribais, no espazo dunha esquerda que debera ser construtiva no plano nacional e verdadeiramente social, é altamente nociva, contraproducente e perniciosa para o presente e o futuro republicano dunha vella nación que chamamos Galiza. E é, obviamente, infame e execrábel se pensamos nas clases populares e traballadoras do país, no seu benestar social e na súa cultura (idioma, por exemplo), pois as cidadás e os cidadáns (todos os seus accidentes vitais) deberían ser o centro único de preocupación das esquerdas existentes, tantas veces aplicadas a unha verborrea sombriza e inefectiva como comestas por egocentrismos avoltos e en moitos casos saturados de infantilismo.

Expresouno con meridiana claridade o sociólogo portugués Boaventura de Sousa Santos: “As esquerdas teñen que abandonar o sectarismo e o infantilismo baixo o principio de que se non o facemos agora, mañá será tarde”. “Esquerdas do mundo, uni-vos!”, unha obra de lucidez inmediata, é o seu último libro.