Xa o fiscal Carlos Jiménez Villarejo e o xuíz Antonio Doñate Martín demostraron no libro “Jueces pero parciales. La pervivencia del franquismo en el Poder Judicial”, publicado no ano 2012, que o franquismo e os seus fundamentos autoritarios e antidemocráticos continuaban a estar presentes nunha parte considerábel do poder xudicial. Os dous cualificados autores foron quen de analizar a ideoloxía dos maxistrados españois en exercicio dende os anos sesenta do pasado século até os comezos da segunda década do século XXI. E o historiador e autor do prólogo da obra, Josep Fontana, define a mesma como “un estudo do lado escuro da democracia real na que temos estado a vivir dende a transición realizado por membros do propio colectivo, que non se limitan a expresar opinións, senón que achegan a súa propia experiencia e a fundamentan nunha valiosa base documental: nuns textos oficiais que en ocasións producen vergoña e, noutros casos, indignación e horror”. Textual.

O tamén historiador e ensaísta Gonzalo Pontón, por outra banda, referíndose á obra de Jiménez Villarejo e de Doñate, non dubida en afirmar que no seo do Poder Xudicial algunhas prácticas xudiciais da Ditadura franquista, como resulta evidente, manteñen a súa vixencia de forma encuberta deixando unha marxe para a opresión, a inxustiza e a falta de garantías. Talmente.

¿E acaso a día de hoxe non seguen en vigor na lexislación estatal española 265 normas preconstitucionais, 169 leis e normativas aprobadas na ditadura franquista e até 43 asinadas directamente polo ditador? ¿A denominada Ley de Secretos Oficiales, por exemplo, vixente na actualidade, non é a mesma que existía na época de Franco?

O certo é que o actual Tribunal Supremo —este é o último escándalo, que non o derradeiro de tal ente— acaba de validar o golpismo franquista concedéndolle ao ditador fascista o cargo de Xefe de Estado dende o ano 1936, pasando por riba da lexitimidade que até o 1 de abril de 1939 lle correspondía a Manuel Azaña, presidente da II República. ¿Serán incultos en materia histórica os maxistrados da sección cuarta do Supremo que asinaron tal sentenza ou serán nostálxicos activos do franquismo? ¿Acontecería algo semellante nun tribunal alemán ou nun tribunal italiano en relación con Hitler ou Mussolini?

Seguramente en calquera país europeo “civilizado” tampouco se permitiría que un dos maxistrados que participou na paralización xudicial da exhumación de Franco e na súa entronización como Xefe de Estado cando era este golpista armado e asasino puro e duro, o xuíz José Luis Requero, fose amigo directo do avogado Santiago Milans del Bosch e se tivese pronunciado con anterioridade contra a “memoria histórica”, amosando así o pé “franquista” do que coxea.

Como mínimo, parafraseándomos o Max Estrella do grande Valle-Inclán, cabería dicir que unha parte moi considerábel da xustiza española —non toda, obviamente: tamén existe a non franquista— é unha “deformación grotesca” da civilización xudicial europea.