Afirmaba no seu día o escritor José Saramago —e referíase, sobre todo, ao ámbito europeo— que non se adoita reparar que vivimos nunha democracia “secuestrada, condicionada e amputada”. E engadía o premio Nobel portugués que o poder dos cidadáns, o poder de cada un de nós, limítase, na esfera política, a colocar un Goberno e cambialo logo, se cadra, pois as grandes decisións políticas e económicas son tomadas en organizacións non democráticas: “Como é que podemos continuar a falar de democracia se aqueles que efectivamente gobernan o mundo (Europa, neste caso) non son eleitos democraticamente polo pobo?”

Os cidadáns europeos, que participan co seu voto nas eleccións ao Parlamento Europeo, non teñen voz nin voto, claramente, na conformación ou configuración da Comisión Europea, que é, como ben se sabe, o verdadeiro e máximo órgano executivo da Unión Europea.

¿E que acontece co Banco Central Europeo? As autoridades do banco central do euro son elixidas, para estaren 8 anos no poder, polo Consello Europeo, composto á súa vez polos presidentes dos Estados europeos, e aí non intervén para nada o Parlamento Europeo, de tal xeito que o BCE fica fóra do control político da cámara europea. A democracia secuestrada, condicionada e amputada de Saramago atinxe, pois, expresión perfecta na Unión Europea dos nosos días.

¿Mais que é verdadeiramente a UE? Para autores como Jan Zielonka, profesor de Política Europea da Universidade de Oxford, a Unión Europea viría ser unha versión pos moderna do Sacro Imperio Romano, “un irrevogábel labirinto neomedieval”, sendo así que resulta moi discutíbel que o sistema de goberno europeo poida ser admitido como democrático. Xulguen vostedes. O historiador británico Ian Kershaw, autor dunha obra que acaba de ver a luz, “Ascenso e crise. Europa, 1950-2017: un camiño incerto”, non dubida en afirmar que “é urxente democratizar o proxecto europeo”. ¿Mais pódese “democratizar” unha organización, a estrutura política da UE, que se mostra radicalmente antidemocrática? A “lei de ferro da oligarquía” (Robert Michels) segue a ser dominante en Europa e aínda segue pendente a liberdade política da cidadanía, o ben común e a xustiza social. O atraso é ben considerábel.