Teña a súa orixe no venres 24 de setembro de 1869 cando dous investidores de Wall Street subiron o prezo do ouro para obteren beneficios, provocando unha caída do 50% no valor das colleitas do trigo e do maínzo; teña relación cos feitos acontecidos na cidade de Filadelfia nos anos 60 asociados ao comercio e ao turismo masivo despois do Día de Acción de Grazas cunha policía con problemas para controlar as masas; teña que ver coa economía das empresas e os seus números en vermello ou en negro, ou remóntese o tema á venda en poxa de escravos negros en tempos anteriores á Guerra Civil estadounidense —orixe menos probábel esta última—, o certo é que o denominado “Black Friday” está aquí.

E o “Blak Friday” está aquí, en boca dunha gran maioría, como unha mostra máis do avance imparábel dos anglicismos. Como tantos outros: “low cost”, “smartphone”, “hashtag”, “chat”, “link” ou “pendrive”. A invasión do inglés é unha realidade e a día de hoxe, sen dúbida, é a lingua internacional máis usada no mundo, pois é tamén a lingua do mercado global. Para entendermos ben como se impón o inglés, dende a ideoloxía neoliberal, evidentemente, como unha vía práctica de expresión no económico, no político e no cultural, conviría ler a obra dos lingüistas Donaldo Macedo, Bessie Dendrinos e Panayota Gounari titulada (existe versión en castelán, 2005) Lengua, ideología y poder. La hegemonía del inglés. Porque está ben claro que a hexemonía dunha lingua, tamén o advertiu Louis-Jean Calvet, é un feito político: se un idioma exerce a súa hexemonía con respecto a outros, isto débese ao feito de ser o idioma dun poder político/económico (e comercial) dominante.

Alguén se ten referido ao inglés como o “colonizador invisíbel”, mais o certo é que o gramático Nebrija (“Siempre fue la lengua compañera del imperio”) acabou por se converter nun claro precedente das ideas do xeneral austríaco e nazi Jordis von Lohausen, quen non dubidada en afirmar que a difusión dunha lingua era máis importante que calquera outro tipo de expansión, “xa que a espada só pode delimitar o territorio e a economía aproveitalo, mais a lingua ocupa e conserva o territorio conquistado”.

A invasión do inglés é unha realidade e a día de hoxe, sen dúbida, é a lingua internacional máis usada no mundo, pois é tamén a lingua do mercado global

 

A imposición do inglés como unha forma de colonialismo está servida. Xa se ten convertido nunha poderosa ferramenta neoimperialista, perfectamente asociada coas multinacionais tecnolóxicas e o poder empresarial angloamericano. A súa expansión mundial crecente, de seguirmos así, acabará por destruír, en non moito tempo, non poucos idiomas e culturas locais “conquistadas”. Deixouno moi ben explicado o lingüista escocés Robert Phillipson, autor dunha obra impagábel: Imperialismo lingüístico (1992). O profesor emérito da Copenhagen Business School sinala que o imperialismo lingüístico segue tres etapas. 1: A presenza do colonizador e a imposición da súa linguaxe. 2: A formación da elite local, competente na linguaxe do colonizador, a cal actúa como ponte política e comercial. E 3: A etapa da persuasión ideolóxica, a través dos medios de comunicación e da tecnoloxía.

Identifiquen vostedes, na nosa actualidade, este estado de cousas.



x