Estiveron no Congreso dos Deputados Cristina Rodríguez e Jessica Rodríguez, representantes da plataforma Que Voltem para a Casa, e mantiveron contactos con diversas organizacións políticas con asento na “cámara baixa”, entre elas ERC, PNV, Bildu e Compromís, ademais de En Marea, co obxectivo marcado de que os presos independentistas galegos sexan trasladados a prisións galegas, pois na actualidade, como ben se sabe, cumpren condena en Toledo, Palencia, León e Asturias. Jessica Rodríguez e Cristina Rodríguez levaron a cabo no Congreso un excelente traballo político e “diplomático”, expresémolo así, e conseguiron unha alta receptividade por parte dos representantes das forzas políticas antes mencionadas. Todo está xa en marcha.

Que Voltem para a Casa, convén lembralo, constituíuse como Asociación de Familiares e Amigos dos Presos e Presas Independentistas, e posúe polo tanto esta entidade un marcado carácter humanitario que resulta a todas luces exemplar. Loitar contra a dispersión penal dos presos independentistas galegos en prisións españolas situadas a centos de quilómetros do propio país, castigando así ás familias e aos amigos das persoas presas, convértese nun verdadeiro imperativo político e moral. E máis cando o Parlamento Europeo —velaí o Informe Bergeron, aprobado por unha amplísima maioría de 474 votos— condena as políticas penitenciarias de afastamento e dispersión, pois constitúen un “castigo engadido para as familias dos reclusos” e vulneran o artigo 8 do Convenio para a Protección dos Dereitos Humanos e das Liberdades Fundamentais.

¿Estanse a salvagardar a día de hoxe, xa que logo, os dereitos humanos das presas e presos independentistas galegos? Margarita Robles, antes maxistrada do Contencioso-Administrativo da Audiencia Nacional e hoxe ministra de Defensa, esixía no ano 1997, seguindo ao pé da letra a Lei Xeral Penitenciaria, que as penas privativas de liberdade se cumprisen “lo más cerca posible del entorno familiar y del ámbito social al que aquél hubiera de incorporarse una vez cumplida la pena impuesta”. E iso mesmo é o que solicita hoxe, vinte anos despois, a plataforma Que Voltem para a Casa en relación aos presos independentistas galegos.

É preciso, no novo tempo político que vivimos, establecer unha nova política penitenciaria que impida o afastamento dos presos dos lugares de enraizamento social e familiar e, unido a isto, que acabe coas medidas excepcionais de illamento que, unha e outra vez, sofren os presos independentistas galegos. Se vivise hoxe Concepción Arenal estaría en primeira liña na defensa dos dereitos humanos dos presos independentistas. Nós, aquí e agora, firmemente, estámolo.