Decotío, ser galego significa ter que enfrontarse ao estereotipo que dun queren construír desde fóra. Hai quen ve indefinición no que realmente é prudencia, ou quen ve dúbidas onde só existe a humildade de quen sabe que non ten todas as respostas.

Por iso, para min, o 25 de Xullo é esencialmente un día de afirmación e celebración. Unha xornada na que cadaquén amosa ao seu xeito a dignidade de pertencer a este pobo, o valor que lle dá a esta identidade e a capacidade de proxectármonos cara fóra en todos e cada un os eidos da vida cotiá, de modo que moitos sexan quen de sentir envexa de como vivimos este día.

Entre o “Galego coma ti” de Xerardo Fernández Albor e Manuel Fraga no ano 1981 ao “En Galicia, si” de Alberto Núñez Feijóo do 2016 hai un fío condutor que nos guiou nun xeito moi determinado de facer política nesta autonomía, probablemente moi distinto ao das diferentes formacións. Desde a mesma orixe deste partido, a constante da nosa actividade foi o esforzo por coñecer esta terra cuarta a cuarta e sentir cada unha das súas diferentes sensibilidades como método para acadar a maneira máis efectiva de servila en cada minuto.

Reivindicamos ese sentir maioritario dunha nacionalidade histórica que se sente galega, española e europea. Somos unha sociedade integradora, na que conflúen os trazos dunha historia colectiva de éxitos e fracasos, dun territorio rural e urbano, de épocas de emigración e de acollida.

Galicia ten milleiros de motivos para sentirse orgullosa de si mesma. Cada día, todos os que nela vivimos e os que a senten tamén desde calquera outro recuncho do mundo levamos connosco un anaco da súa bandeira e os valores que nela vemos proxectados.

Traballemos todos xuntos para darlle moitos máis.